Jose Garabatos, secretario da nosa Sociedade, clausurou cunha conferencia a exposición ‘Verne e as xeociencias’ O secretario da Sociedade Jules Verne de Vigo, Jose Garabatos, ofreceu o pasado xoves 12 de marzo unha conferencia titulada… Más
Vigo le a Verne
Este sábado 21 de febreiro, ás 12:30 diante da estatua de Jules Verne nas Avenidas de Vigo, terá lugar o xa tradicional acto de homenaxe ao autor francés, aberto a todos os públicos.
Como ven sendo habitual desde 2012, ano da fundación da Sociedade Jules Verne de Vigo, farase unha lectura pública do capítulo oitavo da magna novela verniana «20000 leguas baixo dos mares». Ese capítulo oitavo titúlase «A baía de Vigo» e narra a entrada do submarino Nautilus, ao mando do capitán Nemo na ría, para abastecerse de ouro e outras riquezas procedentes dos galeóns afundidos no estreito de Rande na batalla de 1702.
A lingua principal da lectura é o galego, pero desde hai algúns anos vemos introducindo pequenos fragmentos noutras linguas do estado e de fóra. Este ano están confirmadas o asturiano, leonés e castelán como linguas españolas, e o alemán, francés, italiano e xaponés, como linguas estranxeiras. É probable a inclusión do catalán e do inglés. A variedade de linguas fai honor ao feito de ser o autor de Nantes o segundo máis traducido da historia da literatura.
De acordo coa novela, o Nautilus entrou na ría o 18 de febreiro de 1868, cúmprense, por tanto, 158 anos dese evento.
Compre salientar que no 160 aniversario da entrada do submarino e 200 aniversario do nacemento de Verne, é dicir, no ano 2028, celebrarase en Vigo o V Congreso Internacional Verniano, organizado pola Sociedad Hispánica Jules Verne, coa colaboración da nosa SJVV. Vigo converterase, entón, na capital mundial do universo verniano.
Mobilis in Mobili.
Día de ler a Verne 2026
Como ven sendo habitual. a Sociedad Hispánica Jules Verne convocou o Día de ler a Verne en datas en torno ao 8 de febreiro, cando se cumplen 198 anos do nacemento do autor nantés. Nesta efeméride colabora a Sociedade Jules Verne de Vigo.
A SHJV dí : É para nós un pracer anunciar que, unha vez máis, celebramos o Día da Lectura de Verne, unha conmemoración en homenaxe ao aniversario do nacemento de Jules Verne. Invitamos a lectores de todas as idades a redescubrir a súa obra, compartir experiencias de lectura e organizar actividades literarias centradas no seu legado.
Como parte da celebración deste ano 2026, poñemos á súa disposición o cartel oficial para o seu uso en actividades, publicacións e materiais promocionais.
Animámosvos a organizar ou participar en grupos de lectura, debates, presentacións e eventos educativos como parte deste día, que ten como obxectivo fomentar o amor pola lectura e presentar ás novas xeracións a obra deste gran mestre da extraordinaria literatura de viaxes.
Agradecémosvos de antemán a vosa colaboración para compartir esta iniciativa coas vosas redes de lectores e organizacións asociadas.
A SJVV apoia esta convocatoria e anima a todas as amizades e seguidores a conmemorar ese día que da comezo, para nós, ao mes verniano por excelencia. En efexto, o 18 de febreiro entrará o Nautilus na ría unha vez máis, e o celebraremos o día 21 coa tradicional lectura do capítulo «A baia de Vigo» de «20000 leguas baixo os mares» diante da estatua do escritor nas Avenidas.
TVE divulga a nosa Sociedade en ‘Un país para leerlo’
O programa cultural de Televisión Española publica unha entrevista coa SJVV sobre a relación de Verne e Vigo
O programa ‘Un país para leerlo’ es un espacio cultural de TVE que divulga a relación entre a literatura e a xeografía. E no capítulo deste venres 9 de xaneiro de 2026 emitiu un documental rodado o pasado verán e titulado «La ría de Vigo», no que entre outros temas narran a estreita relación entre Jules Verne e Vigo a través dunha entrevista co presidente da nosa Sociedade Jules Verne de Vigo, Eduardo Rolland.
Ao longo da entrevista, realizada no monumento aos galeóns de Rande situado no parque do Castro, fan un repaso do capítulo ‘A baía de Vigo’ da novela ‘20000 leguas baixo dos mares’, no que o capitán Nemo visita a ría viguesa para rescatar os tesouros da ‘Frota da Prata’ cos que financia as aventuras do submarino Nautilus.
Tamén comentamos a vindeira celebración, no ano 2028, do Congreso Internacional Jules Verne, que organiza a Sociedade Hispánica Jules Verne xunto coa nosa Sociedade Jules Verne de Vigo, e no que esperamos recibir visitantes de todo o mundo.
O programa tamén percorre outros fitos da literatura relacionados con Vigo e a súa ría, como as famosas cantigas medievais do trovador Martín Codax ou de Mendinho que cantan ás ‘Ondas do mar de Vigo’.
Aquí podes ver a ligazón do programa en Televisión Española:
https://www.rtve.es/play/videos/un-pais-para-leerlo/ria-vigo/16889993/
Presentación de «Os amotinados da Bounty»
Nova publicación da Sociedade Jules Verne de Vigo
O luns 26 de maio a nosa sociedade presentou a súa última publicación nun concorrido acto na hemeroteca da Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo.

O acto foi presentado por Eduardo Rolland, presidente da SJVV. Na súa intervención, Rolland, repasou brevemente a historia da sociedade, fundada en 2012, e as actividades que desde ese ano veñen levándose a cabo. Destacou, neste 2025, a presenza na Senda Azul e o proxecto de instalar unha réplica do submarino Nautillus nalgún lugar da cidade, pola que tanto se esforzara o noso malogrado socio e amigo, Domingo Villar.

Por outra banda, Rolland recordou a intención da sociedade de editar cada ano e, de cara ao Congreso Internaional Verniano que se celebrará en Vigo en 2028, unha publicación, alternando relatos de Verne aínda non traducidos ao galego con estudos sobre a obra do autor francés. Ata o de agora pulicáronse, «A baía de Vigo», edición facsimilar do capítulo VIII da segunda parte de «20000 leguas baixo dos mares» traducida ao galego pola propia sociedade. «Unha fantasía do doutor Ox», en colaboración coa Sociedad Hispánica Jules Verne. «Vigo na obra de Verne», que recolle todas as mencións a Vigo e a ría na vasta obra verniana. «Un drama nos aires», obra de xuventude de Verne, e, finalmente en 2025,»Os amotinados da Bounty».

Finalmente, José Garabatos, socio da SJVV, desenvolveu certos aspectos da obra e do proceso de publicación. Para empezar, sinalou, esta é unha obra singular por diversos motivos.
En primeiro lugar, a obra foi escrita en 1878, precisamente o ano da primeira visita a Vigo de Jules Verne. Na sociedade gústanos especular con que durante a visita, Verne seguise traballando sobre o manuscrito dos «amotinados» e que algo da cidade e da ría quedase no espíritu do relato. Posteriormente, o relato publicouse en 1879, unha primeira vez na revista habitual de Hetzel, unha segunda vez en formato libro conxuntamente con «Os cincocentos millóns da Begum», e unha terceira vez que se menciona máis adiante.

En segundo lugar, trátase dun relato de aventuras dun feito real, é dicir, é unha aventura de «non ficción», o que a diferencia da maior parte da obra verniana.
En terceiro lugar, Verne utilizou un texto de Gabriel Marcel e, de feito, ademáis das dúas formas de publicación mencionadas antes, houbo una terceira, conxuntamente co segundo tomo de “Descubrimento da Terra. Historia das grandes viaxes e dos grandes viaxeiros”, chamado “Os grandes navegantes do século XIII”, obra esta escrita en colaboración có propio Marcel, tamén en 1879. Verne revisou, correxiu, rescribiu e, mesmo, engadiu personaxes e fragmentos para facer seu o relato, ademáis de comprarlle os dereitos a Marcel
O acto terminou cun interesante coloquio entre os asistentes no que, entre outros asuntos, debatiuse sobre as diferenzas entre a visión verniana dos protagonistas e a mesma visión que deles ofrecen as sucesivas versións cinemátográficas sobre o motín.

«Os amotinados da Bounty» foi traducida pola SJVV, revisada por Gloria Paredes e editada pola propia Sociedade Jules Verne de Vigo. Pode adquirirse tamén na nosa web, ao tempo que, como é tradición, se fixo doazón de exemplares nas bibliotecas públicas da cidade de Vigo para que estean accesibles ao gran público.

Unha senda azul en Vigo que fala de Verne
Estivemos co Porto de Vigo na inauguración dun roteiro xunto ao mar con Bandeira Azul e información dedicada á relación entre Verne e Vigo
A Autoridade Portuaria de Vigo izou hoxe a Bandeira Azul que recoñece a súa Senda Azul, que percorre varios quilómetros da fronte marítima da cidade e que conta con paneis explicativos que contan a historia, a cultura e o patrimonio do porto vigués. A nosa Sociedade Jules Verne de Vigo participou neste acto inaugural, acompañando ao presidente da APV, Carlos Botana.

Os nosos socios Ramón Suárez e Julio Ástor participaron neste acto que puxo de relevo os importantes traballos que se veñen realizando no porto vigués para abrilo á sociedade e convertilo tamén nun atractivo para os visitantes, pola súa longa e fructífera historia. Neste senso, a nova Senda Azul incorpora un gran panel xunto á estatua de Verne nas Avenidas, xunto ao Real Club Náutico. A nosa asociación cultural participou na elaboración deste panel, así como da aplicación web que se vai poñer en marcha próximamente e que fala tamén da estreita relación entre Jules Verne e a cidade de Vigo. Neste sentido, temos que agradecer á Autoridade Portuaria que nos convidase a achegar a nosa experiencia e coñecementos para poder facer a nosa modesta achega a unha iniciativa tan importante.

Nas vindeiras datas poderemos compartir a APP que a propia Autoridade Portuaria vai estrear para esta senda azul e que pode descargarse nos códigos QR dos propios paneis físicos no porto. Ademais, neles poden obterse datos das dúas estadías de Verne en Vigo en 1878 e 1884, así como detalles da súa novela «20000 leguas baixo dos mares», na que trouxo o submarino Nautilus do capitán Nemo ata a nosa ría para rescatar os tesouros mergullados nos galeóns da Batalla de Rande de 1702.
Verne para estudantes de Baiona e Pornic
A nosa Sociedade Jules Verne de Vigo organizou unha charla didáctica e un roteiro verniano para o alumnado do CPI Cova Terreña
Estudantes de institutos de Baiona e Pornic participaron nunha charla didáctica e un roteiro verniano organizados pola nosa Sociedade Jules Verne de Vigo (SJVV) como un xeito de trasladar a estreita relación entre o escritor nantés e a ría viguesa. As vilas de Baiona e Pornic (Francia) están irmandadas e fan intercambios de alumnado con estadías nos dous centros educativos e residencia con familias de ambos os dous institutos. Así que este ano 2025 pediron á nosa SJVV dúas actividades que exemplificasen a relación entre elas. Sen dúbida, o personaxe común era Verne, quen non só visitou a ría de Vigo en dúas ocasións, en 1878 e 1884, senón que trouxo aquí ao submarino Nautilus do capitán Nemo para rescatar os tesouros mergullados da batalla de Rande de 1702. Por outra banda, Pornic é un importante porto situado preto de Nantes, a vila natal de Verne, onde por certo unha asociación cultural senlleira construiu unha réplica do ‘Saint Michel II’, o segundo iate que tivo o escritor francés.

Os nosos socios José Garabatos e Julio Ástor ofreceron primeiramente unha charla para alumnado de Primaria sobre os inventos e a tecnoloxía na obra de Verne. Seguidamente, unha semana máis tarde, o alumnado da ESO tanto de Baiona como os visitantes de Pornic puideron realizar en Vigo un roteiro verniano, no que percorrimos a fortaleza do Castro, o monumento aos galións de Rande, a Alameda, o Casco Vello, o Real Club Náutico e o hotel Universal para rematar ante o monumento a Verne no paseo das Avenidas.
Ambas as dúas xornadas foron un novo xeito de reivindicar a relación entre Verne e Vigo, desta volta cun alumnado internacional, tanto de Baiona como da vila de Pornic, na terra natal do autor de «20000 leguas baixo dos mares».
Concerto sobre poemas vernianos
O venres 19 de marzo, levouse a cabo un concerto baseado en obras de xuventude de Jules Verne, con música do seu paisano e amigo Aristide Hignard. Estas obras inclúen Os gavieros, seis Rimas e Melodías e o romance musical Daphne. En total, oito pezas.
Dito concerto tivo lugar no salón de actos da Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo. O salón resultou pequeno para a cantidade de público que respondeu á convocatoria, e o cheo foi absoluto.
Os intérpretes foron os vigueses Nuria Lorenzo, mezzosoprano e Alejo Amoedo, pianista. O piano utilizado é unha peza histórica, un Rönish de 1890 que pertenceu a María Luisa Chevallier, pianista precoz que xa daba concertos aos nove anos de idade en París. Este piano chegou a Vigo coa neta da pianista e está en custodia na EMAO.
O acto foi organizado polo Instituto de Estudos Vigueses. O membro dese Instituto, Antonio Giráldez, encargouse da presentación do concerto e dos intérpretes. Giráldez suliñou que, antes de acadar éxito como novelista, Verne adicouse a escribir poesía e teatro. Os seus poemas, case sempre de amor, foron musicados por Hignard. Verne, aficionado á música, era un pianista afeccionado e gozaba dunha boa voz de tenor. Tamén escribiu el mesmo algunhas partituras.

O capitán Nemo acode puntual á súa cita anual
Conmemoramos o 157 aniversario da entrada do Nautilus na ría de Vigo
O sábado 15 de febreiro celebramos a tradicional lectura do oitavo capítulo da segunda parte da novela «20000 leguas baixo os mares» de Jules Verne. En dito capítulo tivo lugar a entrada na ría do submarino Nautilus capitaneado por Nemo o día 18 de febreiro de 1868.
O acto foi presentado polo presidente da SJVV, Eduardo Rolland e contou coa presenza do portavoz do goberno municipal, Carlos López Font, en representación do concello de Vigo.
A mañá presentouse ventosa pero sen chuvia, polo que a reunión de vernianos puido desenvolverse de xeito moi lucido.
Cómpre salientar a presenza dos amigos da asociación Virazón, encabezados polo seu presidente Antonio Iglesias, e do colectivo poético Desafiando Sombras, que interpretaron fragmentos da lectura en xaponés, alemán, italiano, francés, castelán e galego. Agradecémoslle profundamente a súa colaboración que supón un realce engadido para este evento.
A celebración de este ano 2025 é a primeira do que podemos chamar «ciclo congresual de Vigo», pois, despois do IV Congreso Internacional Verniano delebrado en Cartaxena de Indias, Colombia, en 2024, o próximo será o V Congreso en Vigo no ano 2028.





































Máis vídeos aquí: https://photos.google.com/share/AF1QipMZXITm660aT4iCnGr9Mzl2EKRYejzwHDbpyakAC8JpPtKVT9dqprLlSXigD9K8gA?key=ZC1VRXdacm5PS0xsNmhYVk56TUpQWDlCS1N3eDZB
Unha viaxe extraordinaria ao metaverso inmersivo de Verne
O noso socio e intrépido aventureiro cibernético, o profesor @RamonSuarez_, desprazouse a Barcelona para explorar a exposición inmersiva e interactiva JULES VERNE 200, e nos envía esta apaixonante crónica:
Segundo a organización, JULES VERNE 200 é a primeira produción de experiencia inmersiva en gran formato sobre literatura e ciencia, estreada mundialmente en IDEAL Centro de Artes Digitales de Barcelona e que continuará a súa xira mundial hasta 2028 (coincidindo co 200 aniversario do nacimento de Verne).
A experiencia conta con salas expositivas con paneis tradicionais, salas inmersivas 3D de máis de 1.000 m2 de pantalla, experiencias de realidade virtual, intelixencia artificial interactiva, e un innovador metaverso META-VERNE por el que se pode pasear presencialmente por as novelas máis populares de Verne, como “Viaxe ao centro da Terra”, “20 000 leguas baixo dos mares”, “A volta ao mundo en 80 días”, “Robur o conquistador” e “Da Terra á Lúa», entre outras.
O noso intrépido explorador tamén aproveitou para disfrutar das curiosidades Steampunk, literarias e gastronómicas de Barcelona.
Mobilis in mobili





















Día de ler a Verne 2025
Como ven sendo habitual. a Sociedad Hispánica Jules Verne convocou o Día de ler a Verne en datas en torno ao 8 de febreiro, cando se cumplen 197 anos do nacemento do autor nantés. Nesta efeméride colabora a Sociedade Jules Verne de Vigo.
Celebráronse actos de lectura por todo o mundo, organizados pola SHJV e polas distintas entidades colaboradoras, amosando que as obras de Verne están ben vivas.












