Verne ‘regresa’ á illa de San Simón

A Sociedade Jules Verne de Vigo participa no I Encontro da Asociación de Navegantes de Galicia «Virazón»

Jules Verne visitou a enseada de San Simón no ano 1878, no decurso da súa primeira visita á cidade de Vigo. No estreito de Rande, foi convidado a mergullarse nos fondos da ría viguesa para contemplar cos seus propios ollos os pecios dos galeóns afundidos na batalla de Rande de 1702, onde o capitán Nemo se fornece dos tesouros que financian as aventuras do submarino Nautilus, tal e como narra na novela «20.000 leguas baixo dos mares». Agora, máis de século e medio despois, Verne «regresou» a San Simón, co gallo do I Encontro da Asociación de Navegantes de Galicia «Virazón», que convidou á Sociedade Jules Verne de Vigo a participar para divulgar a estreita relación entre o novelista nantés e a ría viguesa.

Eduardo Rolland e Julio Ástor no decurso da charla en San Simón.

Eduardo Rolland e Julio Ástor no decurso da charla en San Simón.

O encontro desenvolveuse na fin de semana do sábado 9 e domingo 10 de setembro, cunha serie de actividades na illa situada no fondo da ría de Vigo, que incluiron diversas actividades culturais, como un curso de fotografía de paisaxes, outro de primeiros auxilios e emerxencias para navegantes, e outro obradoiro de astronomía. Dende a SJVV agradecemos a asociación «Virazón» a súa acollida, na que participaron catro socios da nosa entidade: Julio Ástor, José Garabatos, Ángel Pérez Giráldez e Eduardo Rolland. Nunha charla divulgativa, coa proxección de audiovisuais, achegaron datos para lembrar as dúas visitas de Verne a Vigo ou as fontes que inspiraron ao escritor francés para dedicar un capítulo de «20.000 leguas» á «Baía de Vigo».

Ademais, aproveitamos para facer un roteiro guiado pola histórica illa de San Simón, que foi sucesivamente ao longo da historia sede de mosteiros medievais onde cantaron os grandes trovadores da lingua galega, un lazareto destinado no século XIX á corentena dos grandes buques, unha cadea durante a posguerra civil ou un orfanato, para se converter agora nun lugar de cultura e memoria. Fronte á illa de San Simón, podemos contemplar o monumento dedicado ao capitán Nemo, situado na propia ría e que emerxe e queda mergullado co efecto das mareas. Tamén, a praca que representa ao Nautilus e lembra a relación entre Verne e Vigo.

Dende a Sociedade Jules Verne de Vigo quedamos a disposición da Asociación de Navegantes «Virazón» tras este exitoso encontro e agradecemos a súa amabilidade.

Deja un comentario