O mércores, 18 de novembro, ás oito da tarde tivo lugar a presentación da última publicación da Sociedade Jules Verne de Vigo na hemeroteca da Escola Municipal de Artes e Oficios.
Trátase dun traballo de investigación e documentación titulado Inventos desde Vigo para o capitán Nemo, feito por Eduardo Rolland, presidente da SJVV, con prólogo de Jose Garabatos, secretario da mesma.
O minucioso traballo elaborado por Rolland amosa como moitos dos aparellos que incorpora Verne na dotación do submarino Nautilus, están a ser usados por primeira vez na vida real na baía de Vigo pola expedición de Hyppolite Magen. Nesa campaña estéanse adiantos técnicos do enxeñeiro Ernest Bazin. Esta campaña tivo ampla repercusión na prensa francesa e todo leva a pensar que Verne coñecía tanto a campaña como os aparellos utilizados.
Rolland resalta a figura de Bazin, non moi recoñecido nin en Francia nin en Vigo, pese a enorme importancia que ten como enxeñeiro, inventor de desenvolvedor de diversos adiantos técnicos como a lámpada subacuática ou a campá de mergullo, esenciais na campaña de rescate dos galeóns de Rande.

O acto foi moderado por Jose Garabatos, mentres que a presentación da obra correu a cargo do seu autor, Eduardo Rolland. Ademais, o secretario da Sociedade Hispánica Jules Verne, Nicolás Moragues, tomou a palabra para recordar que o próximo congreso internacional sobre Verne se celebrará en Vigo en 2028, explicando a repercusión que os congresos organizados pola SHJV teñen no mundo verniano e nas cidades que acollen o evento. No caso de do V Congreso de Vigo, dáse a circunstancia especial de coincidir co 200 aniversario do nacemento do autor francés. Todos os vernianos de Vigo estamos comprometidos para conseguir que o congreso sexa un completo éxito.
