A Sociedade Jules Verne de Vigo presentou o estudo realizado por José Garabatos
A Sociedade Jules Verne de Vigo presentou o martes 9 de maio o estudo “Vigo na obra de Jules Verne. Máis aló das 20000 leguas”, froito do traballo de investigación realizado por un dos socios e membro da directiva desta asociación cultural, José Garabatos, quen analizou todas as novelas e relatos escritos polo autor de Nantes, para descubrir varias mencións á cidade, á súa ría e ás illas Cíes que ata o de agora eran descoñecidas. O acto de presentación tivo lugar na Biblioteca da Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo.
Entre as novas citas agora descubertas atópase unha mención ás illas Cíes na novela “Marabillosas aventuras de Antifer”, publicada en 1894, cando Verne xa visitara Vigo en dúas ocasións, en 1878 e 1884. Neste texto, o escritor relata como o protagonista, na súa navegación, “deixou a babor a baía de Vigo e os tres picos que sinalan a súa entrada”.
Ata o de agora, as mencións recoñecidas de Vigo na obra de Verne eran o inmortal capítulo “A baía de Vigo”, da novela “20.000 leguas baixo dos mares”, na que o capitán Nemo entra na ría para rescatar a bordo do submarino Nautilus os tesouros mergullados da batalla de Rande de 1702. Tamén volve falar de Vigo na novela “A illa misteriosa”. Pero as novas mencións agora atopadas aparecen en novelas como “Mistress Branican” ou “O soberbio Orinoco” ou “Aventuras dun neno irlandés”.

A publicación de traballos sobre Verne é un dos obxectivos desta asociación cultural, que xa editou no ano 2019 unha edición facsímile do capítulo “A baía de Vigo” da novela “20.000 leguas baixo dos mares”, cando se cumpriron 150 anos da súa publicación. Tamén publicamos no ano 2021 a primeira tradución ao galego da obra “Unha fantasía do doutor Ox”, relato de Verne que foi traducido pola nosa socia a filóloga Tamara Aymerich.
Ademais, a Sociedade Jules Verne de Vigo vén de ser designada para organizar o V Congreso Mundial Jules Verne, que se celebrará na nosa cidade no ano 2028, nunha data emblemática, pois coincide co segundo centenario do nacemento do escritor francés. O Congreso Mundial Jules Verne reúne a expertos de todo o mundo e o de Vigo sucederá ao IV Congreso, que se celebrará o vindeiro ano 2024 e Cartaxena de Indias (Colombia). A SJVV xa traballa para que a cita internacional viguesa sexa todo un éxito e Vigo poida acoller a gran comunidade verniana mundial, que segue a mover millóns de persoas interesadas na súa obra, que segue vixente mesmo a través do cinema, as series, o cómic, os videoxogos ou as adaptacións noveladas, nun caso singular senón único na historia da literatura pola súa perseverancia no tempo e a súa popularidade.
Este traballo pon de manifesto a especial relación do autor francés con esta cidade e esta ría. Esa relación xustifica a decisión da Sociedad Hispánica Jules Verne de celebrar o V Congreso Internacional Jules Verne, precisamente, en Vigo.