O centro comercial Vialia de Vigo acolleu un programa en directo coa participación da Sociedade Jules Verne de Vigo
Tres horas para falar de cine e de Jules Verne, en vivo e diante do público que se quixo achegar á xornada en directo de Cinemanicomio, o programa para tolos do cinema que dirixen Dani Lorenzo e o Doctor Frusna, e que ten a súa populosa canle en Twicht, cunha chea de seguidores, ademais de en Youtube. O centro comercial Vialia de Vigo foi o escenario desta xornada, celebrada no serán deste domingo 28 de agosto, que contou co presidente da nosa Sociedade Jules Verne de Vigo, Eduardo Rolland, para facer unha viaxe extraordinaria a través da obra verniana e do seu indubidábel impacto na historia do cinema.

No programa, repasaron os grandes fitos das adaptacións de Verne á arte fílmica, comezando pola obra mestra ‘Viaxe á Lúa’ de Meliés, unha película datada en 1902 que está inspirada, na primera parte da súa metraxe, na novela ‘Da Terra á Lúa’, ademais de influída tamén pola obra de H.G. Wells.
Ao longo de case 180 minutos de programa, Cinemanicomio repasou tamén outros filmes de importancia como as versións de Miguel Strogoff, as de ‘A illa misteriosa’ e, sobre todo, dous grandes longametraxes para a historia do cinema como son ‘20.000 leguas baixo dos mares’, producida por Disney en 1954, e ‘A volta ao mundo en 80 días’, estreada dous anos máis tarde, en 1956.

Ao longo do programa, Eduardo Rolland fixo tamén repaso da historia da Sociedade Jules Verne de Vigo, asociación cultural que este 2022 cumpre dez anos dedicada a promocionar a intensa relación entre o escritor nantés e a cidade olívica, que visitou en dúas ocasións, en 1878 e 1884, e a cuxa ría dedicou un capítulo de ‘20.000 leguas baixo dos mares’ titulado precisamente ‘A badía de Vigo’, onde o capitán Nemo chega co submarino Nautilus para rescatar os tesouros mergullados tras a batalla de Rande de 1702, librada na nosa costa.
Dende a Sociedade Jules Verne de Vigo só nos queda agradecer aos amigos do exitoso programa Cinemanicomio o seu convite para repasar esta parte da nosa historia.
E aquí a ligazón de Twicht para ver o programa e seguir a Cinemanicomio