O historiador Antonio Giráldez Lomba, vicepresidente da Sociedade Jules Verne de Vigo, abriu cunha charla a xornada organizada por Virazón
Jules Verne, e a súa relación coa ría de Vigo, volveu ser protagonista esta fin de semana coa saída náutica organizada pola Asociación de Navegantes Virazón. O vicepresidente da nosa Sociedade Jules Verne de Vigo, o historiador Antonio Giráldez Lomba, ofreceu este sábado 5 de novembro, na inauguración da xornada de lecer, unha breve charla divulgativa na que os participantes puideron recordar a importancia do capítulo ‘A baía de Vigo’, que o escritor nantés dedica á batalla de Rande e á nosa ría, así como as dúas visitas que Verne realizou a Vigo, en 1878 e 1884.

O acto comezou ás 10.00 da mañá no salón de actos do Liceo de Bouzas con esta breve conferencia, tras a que lle foi entregada a documentación aos participantes na proba, unha excursión de lecer na que os debían resolver diversas pistas e probas para atopar o ‘tesouro’ de Jules Verne na ría de Vigo. Ás 11.00 horas, os barcos participantes reuníronse na dársena de Bouzas para a saída, para chegar á enseada de Rande ás 15.00 horas, tras o que rematou esta actividade organizada pola Asociación de Navegantes Virazón, en colaboración coa nosa Sociedade Jules Verne de Vigo.
