Lectura de ‘A baía de Vigo’ ante o monumento a Verne

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, presidiu o acto organizado pola nosa Sociedade Jules Verne de Vigo

Unha gran xornada de homenaxe a Jules Verne e á súa relación con Vigo. Coa participación do alcalde de Vigo, Abel Caballero, e da concelleira de Normalización Lingüística, Uxía Blanco, a nosa Sociedade Jules Verne de Vigo celebrou este sábado 25 de febreiro de 2023 o 155 aniversario da efeméride literaria da entrada do submarino Nautilus do capitán Nemo en 1868 na ría de Vigo, segundo o capítulo ‘A baía de Vigo’ da novela ’20.000 leguas baixo dos mares’. Foi todo un éxito a xornada de lectura pública do capítulo ante o monumento ao escritor no Náutico.

O acto comezou ante o monumento da Jules Verne no paseo das Avenidas de Vigo, diante do Real Club Náutico, pasadas as 12.30 horas, e ademais dos socios da SJJV, participaron outros moitos cidadáns que quixeron participar na xornada festiva, onde lembramos as inesquecibles verbas do capitán Nemo: «Neste intre atopámonos na mesma baía de Vigo e só de vostede depende descobrir os seus segredos».

A Sociedade Jules Verne de Vigo é unha asociación cultural, inscrita no Rexistro do Concello de Vigo e da Xunta de Galicia, fundada no ano 2012 e que ten por obxectivo reivindicar a estreita relación entre o escritor nantés e a cidade de Vigo, evidenciada no propio capítulo ‘A baía de Vigo’ de 20.000 leguas baixo dos mares, como tamén nas dúas visitas que o autor cursou á cidade olívica nos anos 1878 e 1884, nas que pasou varios días para se converter ‘nun vigués máis’.

Entre as actividades da SJVV está a organización deste acto, diversos encontros e foros celebrados ou a publicación de obras divulgativas ou traducións ao galego de traballos de Verne. Podes consultar a actividade da Sociedade Jules Verne de Vigo na súa páxina web: www.vigoverne.com

Ademais, Vigo organizará no ano 2028 o V Congreso Internacional Jules Verne, que coincidirá co Bicentenario do escritor e que recollerá a testemuña do cuarto congreso, que se celebrará en 2024 en Cartaxena de Indias, en Colombia.

A decisión foi anunciada pola Sociedade Hispánica Jules Verne (SHJV), organización internacional que reúne a expertos de máis dunha vintena de países relacionados co autor francés e que convocou os tres primeiros congresos internacionais en Barcelona (2013), A Habana (Cuba, 2017) e o último en 2021 en Palma de Mallorca, no que participaron varios membros da Sociedade Jules Verne de Vigo (SJVV). A organización do congreso farase conxuntamente co traballo tanto da SHJV como da SJVV, que comparten a algúns dos seus socios.

“El V Congreso, para marcar el 200 aniversario del nacimiento de Jules Verne en 2028, regresa a Europa y se celebrará en la ciudad de Vigo, en España”, explicou no seu anuncio a SHJV.

Dúas razóns apuntan a que Vigo fose elixida como sede para a cita mundial máis importante nos estudos do universo Verne, un autor que segue vixente cando están a piques de cumprirse dous séculos do seu nacemento en Nantes en 1828. Dunha parte, a propia existencia da Sociedade Jules Verne de Vigo, asociación cultural que conta cunha vintena de socios e socias relacionadas co mundo da ciencia, a educación, a universidade, a edición ou a cultura. Doutra banda, no éxito da candidatura foi decisiva a estreita relación entre Jules Verne e Vigo, posta de relevo nos últimos anos pola SJVV. Verne visitou Vigo en dúas ocasións, en 1878 e 1884, en dúas estancias de varios días nas que chegou a bordo do seu luxoso iate o ‘Saint Michel III’. Ademais, o escritor fixo á ría de Vigo protagonista dunha das súas máis importantes novelas, todo un clásico recoñecido mundialmente como é ’20.000 leguas baixo dos mares’. Nesta novela dedica todo un capítulo titulado ‘A baía de Vigo’ á batalla de Rande de 1702 e ao rescate dos seus tesouros polo capitán Nemo a bordo do submarino Nautilus.

O V Congreso Internacional Jules Verne reunirá, como vén sendo habitual nas tres edicións anteriores celebradas, a expertos mundiais na figura do escritor francés, coa presentación de novos estudos sobre a súa obra e legado. No último congreso, celebrado en Palma de Mallorca, participaron estudosos de Canadá, Colombia, Estados

Unidos, Francia, Noruega, Alemaña, Italia, Perú, Arxentina, Croacia e España. A Sociedade Jules Verne de Vigo xa está a traballar para que este vindeiro Congreso Internacional sexa todo un éxito, nunha data tan emblemática como é a do bicentenario do escritor.

Deja una respuesta

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s