A nosa Sociedade Jules Verne de Vigo compartiu unha xornada cos fotógrafos seguindo os pasos das visitas de Verne en 1878 e 1884
A Sociedade Jules Verne de Vigo tivo o pracer de guiar, o pasado domingo 14 de xuño, un grupo pertencente á Asociación Fotográfica Olívica para seguir os pasos do escritor nantés pola nosa cidade nas súas dúas visitas en 1878 e 1884.
Os fotógrafos e fotógrafas participantes foron documentando as distintas etapas deste roteiro verniano, que comezou na fortaleza do Castro, a mesma á que cada día acudía Verne nas súas estadías na nosa cidade e que en varias ocasión gabou pola beleza das súas vistas sobre a ría viguesa.

O noso socio Ángel Pérez Giráldez, que comparte a súa pertenza á Sociedade Jules Verne de Vigo coa da asociación fotográfica, serviu de nexo de unión entre ambos os dous colectivos, nunha xornada que, ademais dun magnífico recordo, deixa tamén testemuña a través das espectaculares instantáneas que fan os membros da AFO.

A visita, tras percorrer á fortaleza do Castro, onde se comentou a batalla de Rande de 1702, do mesmo xeito que fixera o capitán Nemo no capítulo «A baía de Vigo» de «Vinte mil leguas baixo dos mares», continuou logo pola praza do Rei, para falar do antigo Campo de Granada, o espazo onde Verne asistiu en 1878 a un baile das festas de Vigo, gozando da verbena cos seus amigos que o acompaban na súa viaxe a bordo do iate Saint Michel III. Entre eles, estaba o fillo do seu editor, Jules Hetzel, ou o deputado francés Edouard Raoul Duval, quen tamén deixou por escrito unha crónica da súa estadía en Vigo.

A visita rematou nas Avenidas, na zona do Naútico, ante a estatua de Jules Verne deseñada polo escultor José Molares e que é xa todo un símbolo urbano da estreita relación entre Verne e Vigo.
Podedes atopar máis información sobre a Asociación Fotográfica Olívica na súa propia web
