O Concello apoiará o V Congreso Internacional Verniano que se vai celebrar na cidade no ano 2028
O alcalde recibiu aos representantes da Sociedade Jules Verne de Vigo e amosou a súa “máxima ilusión” pola celebración na cidade do V Congreso Internacional Verniano no ano 2028, coincidindo con tres efemérides clave: o bicentenario do nacemento de Jules Verne, o sesquicentenario da súa primeira visita a Vigo e o 160 aniversario da chegada do Nautilus á ría.
O congreso está convocado pola Sociedade Hispánica Jules Verne e para esta edición viguesa será coorganizado coa nosa Sociedade Jules Verne de Vigo, de xeito que se combinen as actividades e comunicacións que reúnen a expertos internacionais cun amplio programa local previsto para o verán de 2028 e no que xa estamos a traballar.
É por esta razón que a nova Directiva da SJVV solicitou unha entrevista co alcalde Abel Caballero para facerlle partícipe dos proxectos e pedir a súa colaboración. A directiva está integrada por Eduardo Rolland Etchevers (presidente), José Antonio Garabatos Cuadrado (secretario), Julio Ástor Camino (tesoureiro). E os seguintes vogais: Ricardo Prego Reboredo, Judit Julia Nogueiras Meléndez, Gabriel Romero de Ávila Cabezón e Ramón Suárez Alonso.
Caballero cualificou o evento como unha “oportunidade extraordinaria” para a proxección internacional da cidade e comprometeu a colaboración do Concello “en todo o necesario” para garantir o éxito da cita. O congreso reunirá en Vigo a especialistas internacionais na figura do escritor francés, que presentarán novos estudos sobre a súa obra e legado, consolidando a cidade como referente verniano.
O alcalde destacou a relevancia de que Vigo se sume a sedes como Barcelona, A Habana, Palma de Mallorca ou Colombia, e subliñou que a cidade está preparada para acoller “un congreso excepcional” que reforzará a súa dimensión cultural e científica a nivel global.
