
Alumnos do Instituto Castelao de Vigo participaron hoxe no ‘Día de Ler a Verne’, unha cita de carácter internacional na que as sociedades Verne no mundo fan lecturas públicas da obra do escritor, coincidindo co aniversario do seu nacemento, o 8 de febrero de 1828.

A Sociedade Jules Verne de Vigo, que comezou a súa andaina no ano 2012, sumouse a esta iniciativa a través dunha actividade no I.E.S Castelao, na que os alumnos participaron nunha lectura pública de diversos pasaxes da obra de Verne, entre eles a novela ‘A Illa Misteriosa’, na que aparece o capitán Nemo nos días finais da súa vida. Recordemos que este personaxe está relacionado con Vigo, xa que Jules Verne fixo que o submarino Nautilus visitara a ría viguesa no capítulo titulado ‘A badía de Vigo’ da súa novela ’20.000 leguas baixo dos mares’.
Ademais da lectura de Verne, houbo unha exposición bibliográfica e un mural confeccionado ‘ad hoc’ para esta celebración, no que participaron os propios estudantes. O claustro de profesores do Instituto Castelao volcouse nesta iniciativa, e varios deles son membros da propia Sociedade Jules Verne de Vigo.
As imaxes desta celebración en Vigo do Día de Ler a Verne serán agora distribuídas internacionalmente nun catálogo on line que publicará a Sociedade Hispánica Jules Verne, coas actividades que hoxe se celebraron nas asociacións de Estados Unidos, Arxentina, México, Francia, Italia, Reino Unido, Canadá, España e Xapón.

Ademais, nas vindeiras datas Vigo celebrará o 151 aniversario da visita literaria do Nautilus o 18 de febreiro de 1868. E a Sociedade Jules Verne de Vigo xa prepara actos para conmemorar a efeméride.
Texto e imágenes bajo una licencia de Creative Commons Reconocimiento-NoComercial-CompartirIgual 4.0 Internacional.