Lectura de ‘A baía de Vigo’ ante o monumento a Verne

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, presidiu o acto organizado pola nosa Sociedade Jules Verne de Vigo

Unha gran xornada de homenaxe a Jules Verne e á súa relación con Vigo. Coa participación do alcalde de Vigo, Abel Caballero, e da concelleira de Normalización Lingüística, Uxía Blanco, a nosa Sociedade Jules Verne de Vigo celebrou este sábado 25 de febreiro de 2023 o 155 aniversario da efeméride literaria da entrada do submarino Nautilus do capitán Nemo en 1868 na ría de Vigo, segundo o capítulo ‘A baía de Vigo’ da novela ’20.000 leguas baixo dos mares’. Foi todo un éxito a xornada de lectura pública do capítulo ante o monumento ao escritor no Náutico.

O acto comezou ante o monumento da Jules Verne no paseo das Avenidas de Vigo, diante do Real Club Náutico, pasadas as 12.30 horas, e ademais dos socios da SJJV, participaron outros moitos cidadáns que quixeron participar na xornada festiva, onde lembramos as inesquecibles verbas do capitán Nemo: «Neste intre atopámonos na mesma baía de Vigo e só de vostede depende descobrir os seus segredos».

A Sociedade Jules Verne de Vigo é unha asociación cultural, inscrita no Rexistro do Concello de Vigo e da Xunta de Galicia, fundada no ano 2012 e que ten por obxectivo reivindicar a estreita relación entre o escritor nantés e a cidade de Vigo, evidenciada no propio capítulo ‘A baía de Vigo’ de 20.000 leguas baixo dos mares, como tamén nas dúas visitas que o autor cursou á cidade olívica nos anos 1878 e 1884, nas que pasou varios días para se converter ‘nun vigués máis’.

Entre as actividades da SJVV está a organización deste acto, diversos encontros e foros celebrados ou a publicación de obras divulgativas ou traducións ao galego de traballos de Verne. Podes consultar a actividade da Sociedade Jules Verne de Vigo na súa páxina web: www.vigoverne.com

Ademais, Vigo organizará no ano 2028 o V Congreso Internacional Jules Verne, que coincidirá co Bicentenario do escritor e que recollerá a testemuña do cuarto congreso, que se celebrará en 2024 en Cartaxena de Indias, en Colombia.

A decisión foi anunciada pola Sociedade Hispánica Jules Verne (SHJV), organización internacional que reúne a expertos de máis dunha vintena de países relacionados co autor francés e que convocou os tres primeiros congresos internacionais en Barcelona (2013), A Habana (Cuba, 2017) e o último en 2021 en Palma de Mallorca, no que participaron varios membros da Sociedade Jules Verne de Vigo (SJVV). A organización do congreso farase conxuntamente co traballo tanto da SHJV como da SJVV, que comparten a algúns dos seus socios.

“El V Congreso, para marcar el 200 aniversario del nacimiento de Jules Verne en 2028, regresa a Europa y se celebrará en la ciudad de Vigo, en España”, explicou no seu anuncio a SHJV.

Dúas razóns apuntan a que Vigo fose elixida como sede para a cita mundial máis importante nos estudos do universo Verne, un autor que segue vixente cando están a piques de cumprirse dous séculos do seu nacemento en Nantes en 1828. Dunha parte, a propia existencia da Sociedade Jules Verne de Vigo, asociación cultural que conta cunha vintena de socios e socias relacionadas co mundo da ciencia, a educación, a universidade, a edición ou a cultura. Doutra banda, no éxito da candidatura foi decisiva a estreita relación entre Jules Verne e Vigo, posta de relevo nos últimos anos pola SJVV. Verne visitou Vigo en dúas ocasións, en 1878 e 1884, en dúas estancias de varios días nas que chegou a bordo do seu luxoso iate o ‘Saint Michel III’. Ademais, o escritor fixo á ría de Vigo protagonista dunha das súas máis importantes novelas, todo un clásico recoñecido mundialmente como é ’20.000 leguas baixo dos mares’. Nesta novela dedica todo un capítulo titulado ‘A baía de Vigo’ á batalla de Rande de 1702 e ao rescate dos seus tesouros polo capitán Nemo a bordo do submarino Nautilus.

O V Congreso Internacional Jules Verne reunirá, como vén sendo habitual nas tres edicións anteriores celebradas, a expertos mundiais na figura do escritor francés, coa presentación de novos estudos sobre a súa obra e legado. No último congreso, celebrado en Palma de Mallorca, participaron estudosos de Canadá, Colombia, Estados

Unidos, Francia, Noruega, Alemaña, Italia, Perú, Arxentina, Croacia e España. A Sociedade Jules Verne de Vigo xa está a traballar para que este vindeiro Congreso Internacional sexa todo un éxito, nunha data tan emblemática como é a do bicentenario do escritor.

Resumo do ano 2022

Adeus a Domingo Villar

O ano 2022, a Sociedade Jules Verne de Vigo estivo de loito polo pasamento do noso socio e amigo Domingo Villar.

O gran escritor vigués era membro da SJVV, dende a que defendeu grandes proxectos como a recreación do Nautilus a escala real

Domingo Villar (Vigo, 1971) faleceu o 18 de maio de 2022, tras sufrir un accidente vascular. Villar, en nome da nosa  Sociedade Jules Verne de Vigo, chegou a reunirse co alcalde Abel Caballero en agosto de 2021 para presentar o proxecto, no que poderían participar estaleiros locais para emprazar a réplica do submarino nun lugar emblemático de Vigo de xeito que se convertese nun atractivo turístico. Tanta ilusión tiña o noso prezado Domingo Villar neste proxecto que tamén o levou ás ondas a través do programa máis escoitado da radio en España, o matinal ‘Hoy por hoy’ da Cadena Ser, onde presentou a súa idea para todo o país ante a xornalista Angels Barceló.

Día de Ler a Verne

O 8 de febreiro celébrase o Día de Ler a Verne, conmemorando a data do nacemento do escritor. Nesta data, a SHJV organiza unha xornada de lectura nunha plataforma online proporcionada por Jean-Michel Margot. Asistiron virtualmente varios socios vigueses.

Pola nosa banda, tamen celebramos esa efeméride no IES Castelao co impulso dos profesores e vernianos Sara Alonso, Antonio Giráldez e Julio Ástor.

Presentación dunha nova edición das Vinte mil leguas

O día 15 de febreiro asistimos á presentación dunha nova edición de «20000 leguas baixo dos mares». Trátase dunha edición facsimilar da edición de Editorial Sopena de 1935. Además inclúe o texto La escuadra de plata, do que fora cronista oficial da cidade de Vigo na década anterior á guerra civil española, Avelino Rodríguez Elías. Finalmente tamén inclúe un prólogo de Francisco Vázquez, bibliófilo, vernófilo, exalcalde de A Coruña e exembaixador de España no Vaticán.

O acto foi presentado polo noso presidente Eduardo Rolland, e contou coa presenza do escritor e catedrático de Literatura José María Paz Gago, da presidenta da Diputación Provincial de Pontevedra e Teniente de alcalde de Vigo Carmela Silva, o prologuista Francisco Vázquez e o alcalde de Vigo Abel Caballero.

Conmemoramos a chegada do Nautilus

Un ano máis, a Sociedade Jules Verne de Vigo, celebra a efeméride do 18 de febreiro diante da estatua do escritor francés nas avenidas coa asistencia de numerosos vernianos. Ese día de 1868, o submarino Nautilus, ao mando do capitán Nemo e co profesor Aronnax, o seu asistente Conseil e o arpoador Ned Land a bordo, entra na ría de Vigo. O sábado 19 de febreiro, ás 13 horas, un nutrido grupo de afeccionados e amigos da SJVV, demos lectura ao capítulo no que se refire ese feito. Contamos coa asistencia, en representación do Concello de Vigo, da Concelleira de Normalización Lingüística, Uxía Blanco

A Librería Solidaria AIDA de Vigo organiza unhas xornadas de Verne

A librería Solidaria AIDA, situada na rúa Ecuador 45 en Vigo, organizou durante o mes de abril unhas xornadas dedicadas a Jules Verne. Durante esas semanas, seleccionaron centos de libros en diversas edicións das obras do autor de Nantes, que se poideron adquirir ao prezo de 1 euro, e entre as que se inclúen publicacións en castelán, galego e portugués,  algunhas delas de coleccións inesquecibles como as de  Bruguera, Molino ou Plaza y Janés.

A librería solidaria AIDA en Vigo é atendida por voluntarias e voluntarios desta ONG que desenvolve proxectos solidarios tanto no estado español como en países como Marrocos, Guinea  Bissau, Senegal, Vietnam, Líbano ou Bangladesh.

‘Verne e o Cine’ con ‘Cinemanicomio’ en vivo

O centro comercial Vialia de Vigo acolleu un programa en directo, o 28 de agosto, coa participación da Sociedade Jules Verne de Vigo. Tres horas para falar de cine e de Jules Verne, en vivo e diante do público que se quixo achegar á xornada en directo de Cinemanicomio, o programa para tolos do cinema que dirixen Dani Lorenzo e o Doctor Frusna, e que ten a súa populosa canle en Twicht, cunha chea de seguidores, ademais de en Youtube. Esta xornada contou co presidente da nosa Sociedade Jules Verne de Vigo, Eduardo Rolland, para facer unha viaxe extraordinaria a través da obra verniana e do seu indubidábel impacto na historia do cinema.

Na procura do tesouro de Jules Verne

Jules Verne, e a súa relación coa ría de Vigo, volveu ser protagonista coa saída náutica organizada pola Asociación de Navegantes Virazón. O vicepresidente da nosa Sociedade Jules Verne de Vigo, o historiador Antonio Giráldez Lomba, ofreceu o sábado 5 de novembro, na inauguración da xornada de lecer, unha breve charla divulgativa na que os participantes puideron recordar a importancia do capítulo ‘A baía de Vigo’, que o escritor nantés dedica á batalla de Rande e á nosa ría, así como as dúas visitas que Verne realizou a Vigo, en 1878 e 1884.

O ano 2023 preséntase moi ilusionante para a Sociedade, unha vez que as restricións da pandemia parecen quedar atrás.

MOBILIS IN MOBILI

Nova obra editada pola Sociedade Jules Verne de Vigo

“Vigo na obra de Jules Verne” recolle por primeira vez todas as mencións á cidade, á ría e ás illas Cíes na obra do escritor nantés

A Sociedade Jules Verne de Vigo ten a satisfacción de anunciar a publicación dunha nova obra editada pola nosa asociación cultural. Trátase de “Vigo na obra de Jules Verne”, un estudo que por primeira vez recolle todas as mencións á cidade, a ría e ás illas Cíes que se realizan ao longo das diferentes obras do escritor nantés.

O traballo, produto dunha investigación realizada polo noso socio José Garabatos, revela as mencións e consideracións que Jules Verne fai sobre Vigo en diferentes novelas. Co subtítulo “Máis aló das 20000 leguas”, o novo libro sorprenderá por moitas citas viguesas que ata o de agora eran descoñecidas.

Esta nova obra é a terceira editada pola nosa Sociedade, que no ano 2019 presentou a edición facsimilar traducida do capítulo «A baía de Vigo«, da novela “20.000 leguas baixo dos mares”, recollendo unha nova versión en galego e a reprodución do traballo orixinal publicado por Verne no Magasin de Education et Recreation. Ademais, no ano 2021, a Sociedade Jules Verne de Vigo editou a primeira tradución ao galego da obra “Unha fantasía do Doutor Ox”, un traballo realizado pola nosa socia a tradutora Tamara Aymerich, e que foi lanzada en colaboración coa nosa asociación irmá, a Sociedade Hispánica Jules Verne e o seu selo editorial ‘Ediciones Paganel”.

“Vigo na obra de Jules Verne” xa está en mans da nosa Sociedade Jules Verne de Vigo, despois dun intenso traballo editorial e confiamos en facer unha presentación pública nas vindeiras semanas, probablemente en torno ás datas de febreiro nas que celebramos a efeméride literaria da visita do submarino ‘Nautilus’ á ría de Vigo en 1868, segundo a novela “20.000 leguas baixo dos mares”, a maior homenaxe que Verne fixo á ría de Vigo, pero que agora coñeceremos que non foi, nin moito menos, a única.