Lectura de ‘A baía de Vigo’ ante o monumento a Verne

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, presidiu o acto organizado pola nosa Sociedade Jules Verne de Vigo

Unha gran xornada de homenaxe a Jules Verne e á súa relación con Vigo. Coa participación do alcalde de Vigo, Abel Caballero, e da concelleira de Normalización Lingüística, Uxía Blanco, a nosa Sociedade Jules Verne de Vigo celebrou este sábado 25 de febreiro de 2023 o 155 aniversario da efeméride literaria da entrada do submarino Nautilus do capitán Nemo en 1868 na ría de Vigo, segundo o capítulo ‘A baía de Vigo’ da novela ’20.000 leguas baixo dos mares’. Foi todo un éxito a xornada de lectura pública do capítulo ante o monumento ao escritor no Náutico.

O acto comezou ante o monumento da Jules Verne no paseo das Avenidas de Vigo, diante do Real Club Náutico, pasadas as 12.30 horas, e ademais dos socios da SJJV, participaron outros moitos cidadáns que quixeron participar na xornada festiva, onde lembramos as inesquecibles verbas do capitán Nemo: «Neste intre atopámonos na mesma baía de Vigo e só de vostede depende descobrir os seus segredos».

A Sociedade Jules Verne de Vigo é unha asociación cultural, inscrita no Rexistro do Concello de Vigo e da Xunta de Galicia, fundada no ano 2012 e que ten por obxectivo reivindicar a estreita relación entre o escritor nantés e a cidade de Vigo, evidenciada no propio capítulo ‘A baía de Vigo’ de 20.000 leguas baixo dos mares, como tamén nas dúas visitas que o autor cursou á cidade olívica nos anos 1878 e 1884, nas que pasou varios días para se converter ‘nun vigués máis’.

Entre as actividades da SJVV está a organización deste acto, diversos encontros e foros celebrados ou a publicación de obras divulgativas ou traducións ao galego de traballos de Verne. Podes consultar a actividade da Sociedade Jules Verne de Vigo na súa páxina web: www.vigoverne.com

Ademais, Vigo organizará no ano 2028 o V Congreso Internacional Jules Verne, que coincidirá co Bicentenario do escritor e que recollerá a testemuña do cuarto congreso, que se celebrará en 2024 en Cartaxena de Indias, en Colombia.

A decisión foi anunciada pola Sociedade Hispánica Jules Verne (SHJV), organización internacional que reúne a expertos de máis dunha vintena de países relacionados co autor francés e que convocou os tres primeiros congresos internacionais en Barcelona (2013), A Habana (Cuba, 2017) e o último en 2021 en Palma de Mallorca, no que participaron varios membros da Sociedade Jules Verne de Vigo (SJVV). A organización do congreso farase conxuntamente co traballo tanto da SHJV como da SJVV, que comparten a algúns dos seus socios.

“El V Congreso, para marcar el 200 aniversario del nacimiento de Jules Verne en 2028, regresa a Europa y se celebrará en la ciudad de Vigo, en España”, explicou no seu anuncio a SHJV.

Dúas razóns apuntan a que Vigo fose elixida como sede para a cita mundial máis importante nos estudos do universo Verne, un autor que segue vixente cando están a piques de cumprirse dous séculos do seu nacemento en Nantes en 1828. Dunha parte, a propia existencia da Sociedade Jules Verne de Vigo, asociación cultural que conta cunha vintena de socios e socias relacionadas co mundo da ciencia, a educación, a universidade, a edición ou a cultura. Doutra banda, no éxito da candidatura foi decisiva a estreita relación entre Jules Verne e Vigo, posta de relevo nos últimos anos pola SJVV. Verne visitou Vigo en dúas ocasións, en 1878 e 1884, en dúas estancias de varios días nas que chegou a bordo do seu luxoso iate o ‘Saint Michel III’. Ademais, o escritor fixo á ría de Vigo protagonista dunha das súas máis importantes novelas, todo un clásico recoñecido mundialmente como é ’20.000 leguas baixo dos mares’. Nesta novela dedica todo un capítulo titulado ‘A baía de Vigo’ á batalla de Rande de 1702 e ao rescate dos seus tesouros polo capitán Nemo a bordo do submarino Nautilus.

O V Congreso Internacional Jules Verne reunirá, como vén sendo habitual nas tres edicións anteriores celebradas, a expertos mundiais na figura do escritor francés, coa presentación de novos estudos sobre a súa obra e legado. No último congreso, celebrado en Palma de Mallorca, participaron estudosos de Canadá, Colombia, Estados

Unidos, Francia, Noruega, Alemaña, Italia, Perú, Arxentina, Croacia e España. A Sociedade Jules Verne de Vigo xa está a traballar para que este vindeiro Congreso Internacional sexa todo un éxito, nunha data tan emblemática como é a do bicentenario do escritor.

Nova obra editada pola Sociedade Jules Verne de Vigo

“Vigo na obra de Jules Verne” recolle por primeira vez todas as mencións á cidade, á ría e ás illas Cíes na obra do escritor nantés

A Sociedade Jules Verne de Vigo ten a satisfacción de anunciar a publicación dunha nova obra editada pola nosa asociación cultural. Trátase de “Vigo na obra de Jules Verne”, un estudo que por primeira vez recolle todas as mencións á cidade, a ría e ás illas Cíes que se realizan ao longo das diferentes obras do escritor nantés.

O traballo, produto dunha investigación realizada polo noso socio José Garabatos, revela as mencións e consideracións que Jules Verne fai sobre Vigo en diferentes novelas. Co subtítulo “Máis aló das 20000 leguas”, o novo libro sorprenderá por moitas citas viguesas que ata o de agora eran descoñecidas.

Esta nova obra é a terceira editada pola nosa Sociedade, que no ano 2019 presentou a edición facsimilar traducida do capítulo «A baía de Vigo«, da novela “20.000 leguas baixo dos mares”, recollendo unha nova versión en galego e a reprodución do traballo orixinal publicado por Verne no Magasin de Education et Recreation. Ademais, no ano 2021, a Sociedade Jules Verne de Vigo editou a primeira tradución ao galego da obra “Unha fantasía do Doutor Ox”, un traballo realizado pola nosa socia a tradutora Tamara Aymerich, e que foi lanzada en colaboración coa nosa asociación irmá, a Sociedade Hispánica Jules Verne e o seu selo editorial ‘Ediciones Paganel”.

“Vigo na obra de Jules Verne” xa está en mans da nosa Sociedade Jules Verne de Vigo, despois dun intenso traballo editorial e confiamos en facer unha presentación pública nas vindeiras semanas, probablemente en torno ás datas de febreiro nas que celebramos a efeméride literaria da visita do submarino ‘Nautilus’ á ría de Vigo en 1868, segundo a novela “20.000 leguas baixo dos mares”, a maior homenaxe que Verne fixo á ría de Vigo, pero que agora coñeceremos que non foi, nin moito menos, a única.

Na procura do tesouro de Jules Verne

Unha saída verniana pola ría de Vigo organizada pola Asociación de Navegantes Virazón

A Asociación de Navegantes Virazón organiza unha saída na ría de Vigo o vindeiro sábado 5 de novembro de 2022 que terá como protagonista Jules Verne e na que está prevista a presenza de múltiples embarcacións de recreo. A actividade comezará ás 10.00 da mañá cun encontro no salón de actos do Liceo de Bouzas. Alí será entregada a documentación para participar na proba, unha excursión de lecer na que os participantes deberán resolver diversas pistas e probas para atopar o ‘tesouro’ de Jules Verne na ría de Vigo. Ás 11.00 horas, os barcos participantes reuniranse na dársena de Bouzas para a saída, mentres que a chegada está prevista en Rande ás 15.00 horas.

Virazón organiza o evento na ría de Vigo.

A canle 69 estará dispoñible por radio para contacto entre os participantes e a organización da proba, que promove a asociación Virazón e que conta coa colaboración da nosa Sociedade Jules Verne de Vigo.

Así que só vos resta apuntaros se contades cun barco ou poñervos en contacto con alguén que participe, así como coa Asociación de Navegantes Virazón por se queredes participar nesta cita verniana na ría de Vigo.

https://www.asociacionvirazon.com/virazon

Ruta polos lugares vernianos de Vigo: APP

Presentamos unha app para dispositivos android que percorre os lugares de interese verniano de Vigo. Estes lugares son os que visitou o escritor francés ou os que presentan algún tipo de relación con el.

Como é sabido, Verne estivo en dúas ocasións nesta cidade: en 1878 e en 1884. Moitos dos lugares que visitou permanecen case como os atopou, mentres que outros teñen mudado radicalmente, non sendo sempre doado identificalos a partir das informacións existentes. Aínda así, podemos facernos unha idea moi aproximada da súa estadía.

A aplicación está, polo momento, en castelán, pensando nos visitantes que cheguen a Vigo procedentes de todo o mundo hispánico. Estamos traballando nas versións en galego e en inglés.

O primeiro que se atopa o usuario é un menú con catro opcións:

  1. Na opción Ruta urbana, accédese a seguinte pantalla:

Premendo en cada botón, aparecerá sobre o mapa de Vigo un marcador coa localización correspondente. No botón Usuario, aparecerá a posición do propio usuario, se este ten o GPS activado. O botón Mostrar todos, mostra os marcadores de tódas as loca.lizacións. No botón Volver, vólvese ao menú principal.

Ao premermos no marcador vermello, accedemos á información asociada a esa localización:

2. Na opción Otras localizaciones, accédese a outro mapa con localizacións fóra da cidade e, mesmo, na ría:

O funcionamento é idéntico ao xa explicado. Se prememos no marcador vemos a información:

3. No botón SJVV accédese a web da Sociedade Jules Verne de Vigo.

4. Na opción Vídeo, cárgase o video Verne and Vigo, producido por Gciencia e elaborado por Eduardo Rolland.

Esta app está feita coa ferramenta aberta APP Inventor 2, desenvolvida polo Instituto Tecnolóxico de Massachusetts (MIT). Polo momento so é posible crear apps para dispositivos móbiles con sistema operativo Android e non para IOS. Fontes do MIT anuncian a próxima creación dun Inventor para IOS, pero aínda non está dispoñibel.

Para descargar a app, cómpre ler o seguinte código QR co lector do móbil e seguir as instruccións:

A app ten a garantía de seguridade da Sociedade Jules Verne de Vigo, pero durante o proceso de instalación, é posible que o móbil amose alertas de perigo xa que non é unha app procedente ta tenda oficial de Google ou Samsung ou calquera outra.

Licencia de Creative Commons

Texto e imágenes bajo una licencia de Creative Commons Reconocimiento-NoComercial-CompartirIgual 4.0 Internacional.

A SJVV na cadea SER

O día 12 de marzo de 2021, a cadea SER emitiu o seu programa matinal Hoy por hoy, dirixido pola periodista Ángels Barceló, desde o MARCO de Vigo. O programa contou con dous ilustres vernianos: Domingo Villar e Eduardo Rolland.

Domingo Villar asistiu ao programa na súa cualidade de escritor de gran éxito e vigués expatriado. Domingo explicou como a pandemia obligouno a espaciar as súas frecuentes visitas á nosa cidade desde o seu domicilio en Madrid. O que máis bota de menos é o olor do mar e o son das gaivotas.

Eduardo Rolland, presidente da Sociedade foi interpelado sobre a relación de Verne con Vigo. En palabras da periodista Barceló, é coñecido por un púbico amplo o capítulo da novela 20 000 leguas… dedicado á ría de Vigo. Pero o que non é tan coñecido e a presenza de Verne en Vigo por dúas veces. Eduardo contou detalles desas visitas. A razón de que entrara na ría na súa primeira visita por mor dun temporal. Tivo a sorte de atopar unha cidade en festas que o agasallou como a gran persoaxe mundial que era.

A periodista sinalou o contraste entre Villar e Verne. Domingo sitúa as súas historias en lugares que coñece perfectamente, mentras que Verne pode situar a acción en calquera lugar do mundo. Por que precisamente Vigo?, quixo saber a periodista. A resposta está no escándalo que saltou á prensa da época da estafa relacionada coa busca do tesouro de Rande.

Podedes seguir o programa na seguinte ligazón. A intervneción de Villar comeza en 2h 14 min, e a de Rolland en 2h 28 min.

https://cadenaser.com/programa/2021/03/12/hoy_por_hoy/1615524450_058815.html

A Sociedade Jules Verne de Vigo navega con España Directo tras a pista do Nautilus

Guiamos ao xornalista Xoán Leiro nunha reportaxe pola ría de Vigo seguindo a pegada da batalla de Rande, o Nautilus e as visitas do escritor

A Sociedade Jules Verne de Vigo guiou a un equipo de Televisión Española para seguir a pista do Nautilus do capitán Nemo pola ría de Vigo, nunha reportaxe especial do programa España Directo, gravada e emitida o pasado luns 6 de xullo de 2020.

Eduardo Rolland acompañou ao xornalista Xoán Leiro nesta viaxe a bordo do buque El Audaz, que navevgou polos escenarios da batalla de Rande e visitou na illa de San Simón a estatua dedicada ao capitán Nemo.

5fc2ffa5-cc3b-4dac-9d2a-26f424210848

O veleiro era unha edición limitada, estilo  ketch, ou  queche, construído nos prestixiosos estaleiros ingleses  Moody no ano 1974. Ten unha eslora de 44 pés, unha manga de 4 metros e un puntal de 3 metros. Leva montado un motor  diesel  Perkins de 67 CV e dispón de 2 mastros que lle permiten navegar coas #ver  génova, maior e  mesana.

Ao longo de 10 etapas percorre nas súas reportaxes 100 leguas mariñas (300 millas náuticas) desde Vigo ata Camariñas. E a de Vigo estivo centrada na relación entre o escritor nantés e a cidade olívica.

Aquí podes ver o programa:

https://www.rtve.es/alacarta/videos/espana-directo/espana-directo-06-07-20/5618856/?t=52m22s

A  Sociedade Jules Verne de Vigo, asociación cultural fundada no ano 2012 para estudar e difundir a relación entre o escritor e a cidade, colabora de novo con TVE, que xa no ano 2019 fixo unha reportaxe especial en España Directo sobre este tema.

Ademais, tamén no ano 2019, a prestixiosa canle europea ARTE TV realizou un documental sobre Jules Verne e Vigo na que participaron membros da nosa Sociedade, como a escritora Ledicia Costas, o historiador Antonio Giráldez Lomba e o xornalista Eduardo Rolland.

2c0e7584-a197-4c55-8ac8-0fc82fc18fcc

Estrea do documental do canal Arte sobre Verne e Vigo

Como anunciamos neste artigo, un equipo do prestixioso canal cultural de TV franco-alemán visitou a cidade olívica a mediados de setembro de 2019 para atopar nela as pegadas de Jules Verne. O documental foi estreado o pasado 19 de febreiro en versión francesa e alemá. Anúncianse as versións en español, inglés, italiano e polaco. Pódese ver neste link:

https://www.arte.tv/fr/videos/091152-038-A/invitation-au-voyage/

Membros da Sociedade Jules Verne de Vigo guían ás cámaras polas Cíes e pola cidade. O historiador Antonio Giráldez Lomba, leva a acción ao Museo do Mar e a lugares emblemáticos como a escultura de José Molares fronte ao Real Club Náutico.

A escritora Ledicia Costas pasea con Canal Arte polos mesmos escenarios que pisou Verne nas súas dúas visitas á cidade. Xa non está o café Suizo, desaparecido da rúa do Príncipe, pero sí toman café na praza da Constitución, como tamén facía Verne en ámbalas dúas estancias. Ademais, a novelista viguesa é entrevistada ante un dos murales do plan Vigo Vertical, o que representa a Verne, situado na avenida da Florida.

Nas islas Cíes, acompañadas do noso presidente Eduardo Roland, as cámaras seguen a pegada na area dos grandes personaxes que pisaron o noso arquipélago: Xulio César, o caudillo vikingo Olaf Haraldson ou o corsario Francis Drake. Tamén especulan literariamente con que a illa de Faro é a mesma illa misteriosa da novela na que Verne revela a verdadeira identidade do capitán Nemo  donde o Nautilus remata os seus días.

Tamén se pode ver en youtube:

Licencia de Creative Commons
Texto e imaxes baixo unha licencia de Creative Commons Reconocimiento-NoComercial-CompartirIgual 4.0 Internacional.

Presentación de «A baía de Vigo» en edición facsimilar.

A Sociedade Jules Verne de Vigo (SJVV), asociación cultural fundada no 2012, presentou este martes 26 de novembro, ás 19.30 horas, na biblioteca da Escola Municipal de Artes e Oficios (EMAO), a edición facsimilar do capítulo ‘A baía de Vigo’, que foi publicado hai agora 150 anos no ‘Magasin d’Éducation et de Récréation’ O capítulo da novela ’20.000 leguas baixo dos mares’, de Jules Verne, é un dos principais desta obra, unha das máis populares e traducidas da historia en todo o mundo, e trae ao submarino Nautilus do capitán Nemo ata a ría de Vigo para rescatar os tesouros da batalla de Rande.

Co gallo deste sesquicentenario, a Sociedade Jules Verne de Vigo editou unha edición facsimilar, seguindo o orixinal conservado na Biblioteca da Universidade de Minnesota, nos Estados Unidos, que inclúe os espectaculares gravados orixinais que acompañaban a obra. Ademais, esta edición facsimilar inclúe un prólogo que explica as características do capítulo e da súa edición, ademais dunha nova versión en galego desta parte fundamental da obra. 

O acto na EMAO, foi presentado polo presidente da SJVV, o xornalista Eduardo Rolland e contou coas intervencións dos tamén membros da Sociedade, Manuel Bragado e Carlos Núñez.

O presidente, Rolland, fixo un breve repaso á traxectoria da Sociedade, destacando un dos últimos proxectos que acomete: a instalación dunha réplica do submarino Nautilus en algún lugar emblemático da cidade. Esta vella idea ven de experimentar un novo pulo polo interese amosado polo recente membro, o popular escritor Domingo Villar. Tamén destacou a colaboración coa Sociedade Hispánica, unha das mais activas do universo verniano.

IMG-20191127-WA0001

Por outra banda, relatou as  xestións que derivaron na publicación deste capítulo, as dificultades para atopar o orixinal que, paradóxicamente, non foi atopado en Francia, senón nos Estados Unidos.

A continuación, Manuel Bragado, coñecido pola súa ampla traxectoria como editor e escritor, destacou a relevancia mundial de Vigo como cidade Verniana e a importancia dese capítulo. Un capítulo que demostra a sólida documentación manexada por Verne que coñece tanto as condicións náuticas da Ría de Vigo, pintada polo bretón con «augas impregnadas de luz eléctrica», como os avatares da batalla librada no estreito de Rande e na enseada de San Simón o 23 de outubro de 1702, sen esquecer as iniciativas das primeiras expedicións de rescate do tesouro dos galeóns promovidas polo banqueiro Hipólito Magen nas que se utilizaron escafandros semiautónomos e lámpadas eléctricas.

IMG-20191127-WA0006

Un capítulo, ademais, non o esquezamos, esencial na conformación de Vigo como cidade de novela, xa que constitúe a primeira referencia internacional nunha das obras máis populares e traducidas de Verne como da literatura popular de finais do século XIX e de todo o XX.

Na súa cualidade de editor, Bragado non pode deixar de sinalar a especial relación de Verne con Hetzel, relación  que sempre se pon como modelo de participación activa do editor no desenvolvemento dun proxecto literario, o das «Viaxes extraordinarias», que autor e editor concibían como un soporte excelente para transmitir os coñecementos científicos e xeográficos entre a mocidade.

Finalmente, Carlos Núñez destacou as moitas señellanzas entre a cidade natal do autor francés, Nantes, e a nosa cidade de Vigo. Estas semellanzas constituen un forte argumento en apoio do irmandamento entre ámbalas dúas cidades. Di Núñez: Se a alcaldesa de Nantes, Johanna Rolland, estivese hoxe nesta sala diríavos que a súa cidade ten o mesmo número de habitantes que a área metropolitana de Vigo. Falaría da importancia da súa Universidade nos campos da Mediciña e o Dereito, das súas institucións de tecnoloxía, da Escola Nacional da Mariña Mercante, ou da de Arquitectura, Belas Artes, da Escola de Diseño, da Superior da Madeira…

IMG-20191126-WA0002

Carlos Núñez engadiu que se o estratego monsieur Jules Verne estivese nesta sala falaríavos da excelencia dun posible irmandamento destas dúas metrópoles atlánticas. Diríavos que regularmente chegan ao seu porto de Saint-Nazaire os miles de vehículos Citroën que se fabrican en Vigo, para a súa distribución mundial. O noso novelista diríavos que por esta mesma vía marítima chegan os continuos envíos de colectores desde o Porto de Vigo, a maior parte da produción aeronáutica para ser ensamblados máis tarde nas factorías de Toulouse. Vigo e Nantes son dous enclaves atlánticos de gran importancia estratéxica. O noso personaxe diríavos que quere volver percorrer aquel Vigo de anos atrás, (e nós seguiriámoslle con lupa para ver se estivo ou non estivo co cidadán Sanjurjo). A Verne imaxínoo dando o discurso de benvida ao irmandamento xunto con escritores e editores dos nosos días, co Alcalde e mirando á sociedade viguesa, para terminar dicindo que o irmandamento de ambas as metrópoles non se debe demorar por máis tempo.

O acto foi moi ben acollido polo numeroso público alí presente, sendo un novo fito na traxectoria da Sociedade Jules Verne de Vigo.

Licencia de Creative Commons
Texto e imaxes baixo unha licencia de Creative Commons Reconocimiento-NoComercial-CompartirIgual 4.0 Internacional.

Canal Arte segue en Vigo os pasos de Verne

Un equipo da prestixiosa televisión europea grava na cidade para un programa de viaxes sobre o escritor

‘Invitation  au  voyage’ é un aclamado programa de viaxes que emite Canle Arte, a prestixiosa televisión europea nada por un acordo franco-alemán e que ten versións en seis idiomas. O espazo baséase en documentais nos que se seguen os pasos dun gran personaxe, normalmente vinculado á arte, por algunha das cidades que marcou a súa vida. Hai un de George Orwell en  Marrakech, de Jean  Cocteau na Costa Azul, do Bos Aires de  Mafalda ou da Calcuta de  Rabindranath  Tagore. Tamén foron buscar a Marco Polo a Pequín ou a  Takeshi  Kitano en Tokio. E, neste percorrido cultural por xeografía e autores, acaban de chegar a Vigo.

arteo3A mediados de setembro, un equipo de Arte visitou a cidade olívica para atopar nela as pegadas de Jules Verne. E da súa novela “20.000 leguas de viaxe submarina”. Ao longo de tres días de gravacións, percorreron o Casco Vello, a fortaleza do Castro, a rúa do Príncipe e o Vigo modernista. Tamén visitaron as illas Cíes, polas que transitou o submarino  Nautilus e que se atopan, segundo a novela, moi preto da mítica Atlántida. E, moi cedo, antes do vindeiro nadal, poderemos ver a súa obra en toda Europa, xa que se distribúe nas principais plataformas por cable da Unión. “O Vigo de Jules Verne” titularase o documental.

Para o seu periplo vigués, en Arte contactaron coa  Sociedade Jules Verne de Vigo, que nos dedicamos á promoción da singular relación entre o escritor francés e esta cidade. Tres dos seus membros actuaron como  cicerones. Na primeira xornada, foron guiados polo historiador Antonio Giráldez Lomba, que levou ao equipo ao Museo do Mar e lugares emblemáticos como a escultura de José Molares fronte ao Real Club Náutico.

O martes, a escritora Ledicia Costas paseou a Canle Arte polos mesmos escenarios que pisou Verne nas súas dúas visitas á cidade en 1878 e 1884. Xa non puideron visitar o café Suízo, desaparecido da rúa do Príncipe, e que recibía prensa internacional, saciando así a necesidade diaria de ler xornais que alimentaba a imaxinación do escritor  nantés. Pero si estiveron a tomar café na praza da Constitución, como tamén facía Verne en ambas as dúas estadías.

ARTE01O mércores visitaron as illas Cíes, acompañados do xornalista Eduardo Rolland. Alí imaxinaron a pegada na area dos grandes personaxes que psaron o noso arquipélago: Xulio César, o caudillo viquingo Olaf  Haraldson ou o corsario Francis Drake. Tamén soñaron que a illa de Faro é a mesma illa misteriosa da novela na que Verne revela a verdadeira identidade do capitán Nemo e onde o  Nautilus termina os seus días. Segundo a produtora francesa, Camelia Encinas, de familia de orixe andaluza, no  guion queren especular con que o mítico submarino aínda continúa nas Cíes. Só hai que ir buscalo.

O programa final verémolo en decembro. E poderá seguirse en seis idiomas: francés, alemán, español, italiano, inglés e polaco. Porque Canle Arte, nacida en 1991, é unha televisión pública franco-alemá, coa súa sede central en Estrasburgo, xunto ao Parlamento Europeo. E a súa misión fundacional é producir e difundir “programas culturais que propicien a comprensión e o achegamento entre europeos”. Para moitos, estamos a falar dunha calidade de produción que só ofrece en toda Europa a BBC.arte04

Así que Vigo e Verne pronto terán un oco na grella televisiva continental. Coa Sociedade Jules Verne de Vigo e Canle Arte seguindo o rastro do  Nautilus pola nosa ría e do autor francés pola nosa cidade.

 

Licencia de Creative Commons
Texto e imaxes baixo unha licencia de Creative Commons Reconocimiento-NoComercial-CompartirIgual 4.0 Internacional.

As viaxes de Verne e Nemo a Vigo en España Directo de RTVE e en Onda Cero

O 14 de agosto, a Sociedade Jules Verne de Vigo agardaba ilusionada a visita da réplica do iate Saint Michel II que navegaba cara á nosa ría. Desafortunadamente, o barco sufríu unha avaría mecánica que o obrigou a regresar a Nantes. A maior parte dos actos previstos en relación con esta arribada foron cancelados. Non obstante, o programa de RTVE España Directo,  mantivo na súa programación un espazo dedicado a Verne, a cidade e a ría.

IMG-20190814-WA0006
A estatua do escritor atopábase tapada polas casetas instaladas con motivo da celebración do Marisquiño

Tres membros da Sociedade, Antonio Giráldez, Julio Ástor e José Garabatos, participaron neste programa explicando algúns feitos relevantes das visitas de Verne nos anos 1878 e 1884, así como do capítulo dedicado a ría na novela 20 000 leguas baixo dos mares e, mesmo, da propia batalla de Rande e dos intentos da busca do lendario tesouro. Os escenarios foron a estatua do autor no Náutico —acosada polo Marisquiño—, o entorno do antigo Hotel Continental e zonas do casco vello de Vigo.

Posteriormente, a bordo do barco de observación mariña Oceans Secrets, poideronse admirar os mesmos fondos que visitou o Nautilus. Esta vez coa axuda dun robot submarino chamado, precisamente, Nautilus en homenaxe ao escritor.

IMG-20190814-WA0007
Julio, Jose e o periodista, Xan, seguen atentamente as explicacións a bordo do Oceans Secrets

Podes seguir o programa nesta ligazón:

http://www.rtve.es/alacarta/videos/espana-directo/espana-directo-14-08-19/5366630/?t=46m53s

Aparte desto, Antonio Giráldez foi entrevistado o mesmo día na emisora Onda Cero. Aquí tedes o audio:

 

Licencia de Creative Commons
Texto e imágenes bajo una licencia de Creative Commons Reconocimiento-NoComercial-CompartirIgual 4.0 Internacional.