Resumo do ano 2021

Despedimos o ano 2020 ─ano I da era COVID─ con azos para o 2021. Entendiamos que este ano sería o da victoria final sobre a pandemia. As actividades da SJVV víronse afectadas, que non anuladas, pola situación sanitaria. A victoria non chegou e o 2021 foi o ano II da era COVID. Malia que as dificultades continuaron e, mesmo co cansanzo e fartura dos máis entusiastas socios, a Sociedade Jules Verne de Vigo mantivo o nivel e a presenza no universo verniano-vigués.

Día de ler a Verne

A SHJV (Sociedad Hispánica Jules Verne) ven celebrando desde hai algúns anos o Día de Ler a Verne, conmemorando a data de nacemento do escritor, o 8 de febreiro de 1828. A nosa sociedade, SJVV, colabora con esta iniciativa desde o ano 2019. Ese ano, 2019, celebrouse no IES Castelao. No ano 2020 celebrouse na Biblioteca Pública Neira Vilas.

O ano 2021 celebrouse de xeito virtual. O gran coleccionista e investigador verniano, Jean-Michel Margot, puxo a disposición dos afeccionados de todo o mundo unha sala de videoconferencia na plataforma Zoom. Diversos vigueses, socios ou non, participaron nesa multiconferencia entre os días 7 e 8 de febreiro. Os participantes seleccionaron o seu propio texto e a lingua na que leron.

A SJVV na SER

O día 12 de marzo de 2021, a cadea SER emitiu o seu programa matinal Hoy por hoy, dirixido pola periodista Ángels Barceló, desde o MARCO de Vigo. O programa contou con dous ilustres vernianos: Domingo Villar e Eduardo Rolland. Foi unha oportunidade para insistir na relación entre Verne e Vigo. Tal como recoñeceu a periodista Barceló, é ben coñecido por un público moi amplo a chegada na ficción do Nautilus a baía de Vigo, pero non é tan coñecido o feito de que o escritor visitara por dúas veces a nosa cidade.

Presentación de Unha fantasía do doutor Ox

Tal como estaba previsto, celebrouse a presentación da primeira edición en galego de Unha fantasía do doutor Ox. O acto tivo lugar na magnífica hemeroteca da Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo, o mércores 28 de abril ás oito da tarde. A presencia de público pode considerarse satisfactoria na actual situación sanitaria. O cumprimento do protocolo COVID foi estrito, polo que agradecemos a paciencia e comprensión dos asistentes.

O acto foi presentado polo presidente da Sociedade Jules Verne de Vigo, o xornalista Eduardo Rolland que repasou brevemente a traxectoria da nosa sociedade e a actual estreita colaboración coa Sociedad Hispánica Jules Verne.

A continuación, Jose Garabatos, na sua cualidade de responsable das relacións entre ambas sociedades, a hispánica e a viguesa, explicou a xestación do proxecto por parte da SHJV e a posterior colaboración da SJVV. Seguidamente, Rolland presentou a tradutora, Tamara Aymerich, doutoranda no grupo de Tradución e Paratradución da Universidade de Vigo e Mestrado en Profesorado de Secundaria e Bacharelato. A parte da súa actividade académica, exerce profesionalmente de tradutora e intérprete. Entre as súas traducións publicadas atópanse: ‘O mago de Oz’ e ‘Drácula’, publicados por Baia, La niñita de la vocecita, Textos seleccionados, Horas contadas, Fuerzas Opuestas e Los invasores de Marte. Tamara salientou algúnas aspectos do seu traballo. O francés anticuado do século XIX e os numerosos términos técnicos e científicos, foron probablemente as maiores dificultades.

APP para dispositivos Android

No mes de maio presentamos unha app para dispositivos android que percorre os lugares de interese verniano de Vigo. Estes lugares son os que visitou o escritor francés ou os que presentan algún tipo de relación con el.

Como é sabido, Verne estivo en dúas ocasións nesta cidade: en 1878 e en 1884. Moitos dos lugares que visitou permanecen case como os atopou, mentres que outros teñen mudado radicalmente, non sendo sempre doado identificalos a partir das informacións existentes. Aínda así, podemos facernos unha idea moi aproximada da súa estadía.

A aplicación está, polo momento, en castelán, pensando nos visitantes que cheguen a Vigo procedentes de todo o mundo hispánico. Estamos traballando nas versións en galego e en inglés.

III Congreso Internacional. Palma de Mallorca

Palma de Mallorca acolle a terceira edición desta cita mundial na que participan os maiores expertos na figura do escritor francés.

A Sociedade Jules Verne de  Vigo (SJVV) participou activamente no III Congreso Internacional Jules Verne, que se celebra na cidade de Palma de Mallorca dende o 10 ao 12 de novembro de 2021, coa participación dos máis destacados expertos mundiais na figura do escritor francés.

Na sesión da mañá do mércores 10 de novembro, Jesús Souza presentou a súa ponencia titulada “Nota sobre las Ciencias Naturales en la obra de Julio Verne 20.000 leguas de viaje submarino”. Na sesión de tarde, Eduardo Rolland presentou a súa comunicación titulada “Verne siglo XXI: una cartografía de su popularidad”, un estudo no que a través de ferramentas de análise web demostra a relevancia que segue a manter o escritor nos nosos tempos, cando continúa a inspirar películas, comics ou videoxogos, ao tempo que as súas obras seguen a ser reeditadas con gran forza.

O V Congreso Internacional celebrarase en Vigo en 2028

Foi sen dúbida a guinda perfecta para un ano difícil.

Vigo organizará no ano 2028 o V Congreso Internacional Jules Verne, que coincidirá co Bicentenario do escritor e que recollerá a testemuña do cuarto congreso, que se celebrará en 2024 en Bogotá e Cartaxena de Indias, en Colombia.

A decisión foi anunciada pola Sociedade Hispánica Jules Verne (SHJV), organización internacional que reúne a expertos de máis dunha vintena de países relacionados co autor francés e que convocou os tres primeiros congresos internacionais en Barcelona (2013), A Habana (Cuba, 2017) e o último este pasado mes de novembro de 2021 en Palma de Mallorca, no que participaron varios membros da Sociedade Jules Verne de Vigo ( SJVV), asociación cultural fundada en 2012 e cuxo labor é divulgar a estreita relación entre o escritor e a cidade olívica. A organización do congreso farase conxuntamente co traballo tanto da  SHJV como da  SJVV, que comparten a algúns dos seus socios.

Agora, a directiva da  SHJV vén de anunciar os congresos para as dúas próximas edicións, cumprindo a alternancia de celebrar estes encontros internacionais en América e Europa. Desta forma, Colombia será a sede do próximo congreso de 2024, que se repartirá entre as cidades de Bogotá e Cartaxena de Indias.

Agora comeza un 2022 cheo de novas arelas. Dende a Sociedade Jules Verne de Vigo, desexamos que, desta vez si, deixemos atrás os problemas sanitarios destes dous últimos anos e poidamos reemprender as nosas actividades con total normalidade.

MOBILIS IN MOBILI

Deja una respuesta

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s