2018, o ano de Verne en Vigo

Para a Sociedade Verniana de Vigo remata un 2018 que foi sen dúbida o ano de Verne. Xamais vivimos tantas actividades para salientar a estreita relación da cidade co autor de 20.000 leguas baixo dos mares. Así que, con azos anovados para este 2019, repasemos o que foi un 2018 excepcional.

Charlas científicas sobre Verne

charlapeceraA primeira das actividades foi o ciclo de charlas científicas Un Mar de Verne a Vigo, organizado coa colaboración de investigadores da Universidade de Vigo, IEO e Instituto de Investigacións Mariñas (CSIC). O pub La Pecera, na rúa Pizarro, acolleu estas conferencias que contaron cunha participación masiva. A colaboración do catedrático Emilio Fernández foi clave para estas charlas.
Manuel E. Garci e Lara García (CSIC, febreiro), Jesús Troncoso (UVigo) e Ángel Guerra (CSIC), en marzo; Gonzalo Méndez (UVigo) deu a charla de abril; e Francisco Rodríguez (IEO), a de maio.

Encontro Internacional ‘De Verne a Vigo’

Foi o grande fito do ano 2018. O auditorio do Concello acolleu os días 15, 16 e 17 de febreiro o Encontro Internacional De Verne a Vigo, no que participaron os maiores expertos mundiais na figura do escritor de Nantes. Entre eles, estiveron o italiano Piero Gondolo della Riva, a francesa Agnès Marcetteau, o tamén galo Jean Pierre Bouvet, e membros da Sociedade Hispánica Jules Verne como Nicolás Moragues ou Jesús Navarro. Sen dúbida será difícil volver reunir na cidade tantos grandes coñecedores de Verne. E para os medios  a cita tampouco pasou desaparecibida…

Exposición ‘Verne: os límites da imaxinación’

A exposición ‘Julio Verne: os límites da imaxinación’, no Museo Marco, foi outro dos grandes fitos do ano. Realizada pola Fundación Telefónica, contou cunha sala especial dedicada á relación entre Verne e Vigo. Alí puidemos ver a maior maqueta que existe no mundo do Saint Michel III, gravados, madeiras e moedas da Batalla de Rande, un traxe clásico de mergullador co seu fol, ademais de mapas e gráficos para retratar as dúas estadías de Verne na nosa cidade.

A Visita de Jean Michel Verne

Jean Michel Verne, tataraneto do escritor, visitou a cidade para facer os mesmos pasos que o seu antergo polas rúas de Vigo. Deu unha conferencia no Museo Marco e a súa chegada tivo un grande impacto mediático.

Conferencias sobre Verne
VerneRealidaMito

Foron varias as conferencias organizadas ao longo do ano sobre Verne. Entre outras, destacamos a do noso bo amigo verniano Jesús Navarro, no mes de setembro, presentado por Julio Ástor. Ou en abril a do investigador Diego Quevedo sobre Isaac Peral, o seu submarino e os paralelismos co Nautilus do capitán Nemo. Tamén dous socios da Sociedade Verniana de Vigo, Antonio Giráldez Lomba e Eduardo Rolland, ofreceron en maio unha charla sobre ‘O Vigo de Verne’.

Ademais, Ledicia Costas dirixiu en setembro unha espectacular ruta literaria nas illas Cíes, seguindos os pasos de Jules Verne e os da súa novela ‘Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta’.

Tamén hai que destacar a lectura pública do capítulo ‘A Badía de Vigo’ que se celebrou nas Avenidas o 18 de febreiro, organizada por varias senlleiras editoriais da nosa cidade, co noso socio Manuel Bragado no corazón da organización.

Actividades escolares, viaxes e mesmo o menú do Nautilus…

Pero xunto ás grandes citas, todo o ano estivo marcado por actividades vernianas en Vigo. No mes de abril houbo actividades escolares organizadas coa Concellería de Educación. Tamén varios roteiros literarios, nos que participaron Ledicia Costas e Eduardo Rolland.

Mesmo houbo un Menú do Nautilus, que estreou o restaurante Marina Davila no mes de xuño, seguindo os pratos que aparecen na propia novela. E alí o escultor Molares presentou a súa nova obra: un busto de Verne que nos cedeu á Sociedade Verniana de Vigo para a súa exhibición en varios dos actos no Museo Marco.

Nos centros educativos de Vigo, a figura de Verne e os seus dous aniversarios estiveron presentes en todo momento. Hai que salientar o instituto Castelao, onde atopamos a destacados socios da SVV, que idearon seguir cada día a novela ‘20.000 leguas baixo dos mares’, de xeito que os estudantes puideran seguir a ruta do Nautilus.

Foi tamén moi destacada a labor do Colexio Plurilingüe Losada, que fixo un intercambio Erasmus co Liceo Nicolás Appert de Nantes. Entre as moitas actividades deste evento, destacou o xeocatching que fixeron polas rúas de Vigo buscando o tesouro do capitán Nemo.

E tantos outros centros educativos dedicaron o ano a Verne, como tamén foi o caso do colexio Rosalía de Castro, onde mesmo se atreveron a construir o Nautilus con materiais reciclados.

E 2018 foi tamén un ano para viaxes vernianas. Así, estivemos en xullo coa Sociedad Hispánica Jules Verne en Nantes, onde fomos recibidos pola directora do Museo, Agnès Marcetteau, que nos abriu a porta aos tesouros do legado de documental de Verne.

Tamén coñecimos o porto de Pornic, onde se atopa unha réplica do Saint Michel II. Coa Asociación Cultural francesa que fixo este buque falamos da posibilidade dunha visita a Vigo no vindeiro verán, no decurso quizais dunha regata que recolla a mesma viaxe que fixo o Saint Michel III tanto en 1878 como en 1884.

E no mes de outubro visitamos en Torino ao gran Piero Gondolo della Riva, para coñecer a súa colección sobre Verne. Alí atopamos documentos relacionados con Vigo que poderían servir para un futuro museo verniano na cidade… Gondolo della Riva amosouse encantado de colaborar nun proxecto destas características…

E agora a vivir un grande 2019 de Verne a Vigo…

Coa directiva da Sociedade Verniana de Vigo e xunto á estatua do xenial escritor, só queda por enviarvos os mellores desexos para o ano que agora comeza…

MOBILIS IN MOBILI

Licencia de Creative Commons
Este texto está bajo una licencia de Creative Commons Reconocimiento-NoComercial-CompartirIgual 4.0 Internacional.

Deja una respuesta

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s