Verne para estudantes de Baiona e Pornic

A nosa Sociedade Jules Verne de Vigo organizou unha charla didáctica e un roteiro verniano para o alumnado do CPI Cova Terreña

Estudantes de institutos de Baiona e Pornic participaron nunha charla didáctica e un roteiro verniano organizados pola nosa Sociedade Jules Verne de Vigo (SJVV) como un xeito de trasladar a estreita relación entre o escritor nantés e a ría viguesa. As vilas de Baiona e Pornic (Francia) están irmandadas e fan intercambios de alumnado con estadías nos dous centros educativos e residencia con familias de ambos os dous institutos. Así que este ano 2025 pediron á nosa SJVV dúas actividades que exemplificasen a relación entre elas. Sen dúbida, o personaxe común era Verne, quen non só visitou a ría de Vigo en dúas ocasións, en 1878 e 1884, senón que trouxo aquí ao submarino Nautilus do capitán Nemo para rescatar os tesouros mergullados da batalla de Rande de 1702. Por outra banda, Pornic é un importante porto situado preto de Nantes, a vila natal de Verne, onde por certo unha asociación cultural senlleira construiu unha réplica do ‘Saint Michel II’, o segundo iate que tivo o escritor francés.

Os nosos socios José Garabatos e Julio Ástor ofreceron primeiramente unha charla para alumnado de Primaria sobre os inventos e a tecnoloxía na obra de Verne. Seguidamente, unha semana máis tarde, o alumnado da ESO tanto de Baiona como os visitantes de Pornic puideron realizar en Vigo un roteiro verniano, no que percorrimos a fortaleza do Castro, o monumento aos galións de Rande, a Alameda, o Casco Vello, o Real Club Náutico e o hotel Universal para rematar ante o monumento a Verne no paseo das Avenidas.

Ambas as dúas xornadas foron un novo xeito de reivindicar a relación entre Verne e Vigo, desta volta cun alumnado internacional, tanto de Baiona como da vila de Pornic, na terra natal do autor de «20000 leguas baixo dos mares».

Verne decora o novo parking da Laxe

O artista urbano Antonio Barbará ‘Powone’ enche as súas paredes de motivos dedicados ao capitán Nemo e o Nautilus de ‘20000 leguas’

O remodelado aparcamento da Laxe, a poucos metros da escultura dedicada a Jules Verne fronte ao Porto de Vigo, loce agora unha espectacular decoración dedicada ao escritor nantés e aos protagonistas da novela «20000 leguas baixo dos mares», na que un capítulo titulado «A badía de Vigo» trae ao submarino Nautilus do capitán Nemo ata a ría viguesa para rescatar os tesouros mergullados dos galeóns da batalla de Rande de 1702.

Fotografías de Judit Nogueiras.

Nas fotos realizadas pola nosa socia Judit Nogueiras, podemos ver esta actuación, que é obra do artista urbano vigués Antonio Barbará ‘Powone’, quen atopou en Verne a mellor inspiración para decorar os accesos a este céntrico parking, situado fronte ao edificio do Real Club Náutico de Vigo, enfronte do lugar onde fondeou o iate ‘Saint Michel III’, nas dúas visitas que o novelista fixo á cidade viguesa nos anos 1878 e 1884.

O propio capitán Nemo está representado nun dos muros, mentres que noutro aparece Jules Verne, fronte a un ollo de boi dende o que se observa a ría de Vigo. Tampouco falta a imaxe do ‘kraken’ que atacou o submarino Nautilus na novela verniana, así como imaxes mariñas diversas, nas que predomina a cor azul.

Powone destaca por ser o responsable da sección de graffiti do festival do Marisquiño, onde na última edición abordou o tema de ‘20.000 leguas baixo dos mares’, para facer homenaxe á estreita relación entre Verne e Vigo, cidade que visitou en dúas ocasións e que fixo protagonista da súa obra. Dende a nosa asociación cultural, a Sociedade Jules Verne de Vigo, dedicada a promocionar a estreita relación entre Verne e a cidade olívica, queremos felicitar a Powone polo seu traballo, nun espazo emblemático, onde tamén a moi poucos metros está dispoñible o visor submarino ‘Nautilus’, que permite contemplar os fondos da ría viguesa.

Conferencia «150 anos de viaxe submarina»

O Capitán de Corveta José Manuel Piñero e o presidente da SJVV, Eduardo Rolland, falaron «Do Nautilus aos submarinos modernos»

Unha viaxe no tempo dende o submarino ‘Nautilus’ do capitán Nemo ata os modernos submarinos que sucan os mares. Organizada pola Asociación Virazón, coa colaboración da nosa Sociedade Jules Verne de Vigo, este venres 22 de novembro de 2024, tivo lugar no salón de Actos da Autoridade Portuaria viguesa unha conferencia conxunta co Capitán de Corveta José Manuel Piñero Álvarez, vigués, quen foi oficial de navegación e comandante no S-74 Tramontana e, posteriormente, oficial de comunicacións e xefe de operacións no S-73 Mistral, e actualmente, tras realizar o Curso de Estado Maior no Joint Services Command and Staff College do Reino Unido, destinado na Sección de Submarinos do Estado Maior da Armada. Na súa compaña, falou Eduardo Rolland, en calidade de presidente da Sociedade Jules Verne de Vigo.

A charla, titulada «150 anos de viaxe submarina», contou cunha grande participación, cun salón de actos totalmente completo, e foi repasando os fitos do submarino Nautilus que ideou Verne na súa novela «20.000 leguas baixo dos mares» e que trouxo á ría viguesa no capítulo titulado «A baía de Vigo», no que os mergulladores do capitán Nemo rescatan os tesouros afundidos cos galeóns na Batalla de Rande de 1702.

A experiencia do capitán Piñero como comandante do submarino S74 Tramontana permitiunos coñecer a experiencia da a bordo destas embarcacións no século XXI, en contraste co Nautilus do capitán Nemo creado pola imaxinación literaria de Verne.

Fronte á imaxinación verniana, o capitán Piñero ilustrou aos asistentes coa actualidade dos submarinos en todo mundo, cos seus grandes fitos tecnolóxicos, que demostraron que o novelista nantés acertou en moitas das súas predicións sobre o futuro destes navíos, aínda que fallou en moitas outras, unhas relativas a vida a bordo, o subministro de osíxeno, a propulsión, a fonte de enerxía ou o equipamento técnico.

Dende a Sociedade Jules Verne de Vigo queremos agradecer á nosa prezada asociación de navegantes Virazón a organización deste acto, no que foi un pracer colaborar e que supuxo unha interesante achega científica e verniana a unha das grandes obras da literatura universal.

Presentamos a primeira edición en galego de «Un drama nos aires»

A Sociedade Jules Verne de Vigo estreou na Biblioteca da EMAO a tradución realizada pola nosa socia Tamara Aymerich

A Sociedade Jules Verne de Vigo (SJVV) presentou a primeira versión en galego do relato “Un drama nos aires” do escritor nantés, unha obra de 1851 que foi traducida e editada pola propia asociación cultural. O acto de presentación pública tivo lugar na Biblioteca da Escola Municipal de Artes e Oficios, o luns 13 de maio.

A tradución ao galego de “Un drama nos aires” foi realizada pola filóloga Tamara Aymerich, que pertence á Sociedade Jules Verne de Vigo, e revisada por Gloria Paredes.

“Un drama nos aires” narra unha peripecia aerostática en Europa a mediados do século XIX. No momento de soltar o seu globo un esforzado aeronauta atópase atacado por un tolo que o abordou nese perigoso momento. Durante a loita e negociación que segue, o tolo fai un resumo dos inicios da aerostática para acabar proclamando a súa intención de morrer nas mesmas circunstancias que os seus máis prezados heroes.

O acto de presentación comezou cunhas palabras do presidente da SJVV, Eduardo Rolland, quen falou da actividade editorial da asociación, que cada ano publica unha obra de Verne na súa versión en galego ou ben un traballo de investigación sobre o universo verniano. Pola súa banda, Jose Garabatos, membro da directiva, explicou os detalles da publicación de «Un drama nos aires» e o significado que este tipo de relatos da primeira etapa do novelista tiveron no conxunto da súa obra. Finalmente, a tradutora, Tamara Aymerich, membro tamén da nosa sociedade, expuso os paralelismos que atopou en «Un drama nos aires» con obras posteriores de Verne como «Cinco semanas en globo» ou «A illa misteriosa».

«Un drama nos aires» cunha tirada limitada e afrontada pola propia Sociedade Jules Verne de Vigo xa pode adquirirse tamén na nosa web, ao tempo que, como é tradición, se fixo doazón de exemplares nas bibliotecas públicas da cidade de Vigo para que estean accesibles ao gran público.



Vigo, no Congreso Internacional Jules Verne en Colombia

Oitoponencias de membros da Sociedade Jules Verne de Vigo foron presentadas no evento mundial en Cartaxena de Indias

A Sociedade Jules Verne de Vigo participou no IV Congreso Internacional Jules Verne, celebrado en Cartaxena de Indias (Colombia), con oito ponencias, uns traballos de investigación realizados por outros tantos socios e socias da nosa asociación cultural e que tentan achegar novas aportacións á historia do escritor nantés e á súa relación coa cidade olívica.

Tres socios da SJVV desprazáronse ata Colombia e participaron no Congreso, presentando as súas investigacións ante o plenario. Foron José Garabatos, Nicolás Moragues e Jesús Souza Troncoso. Pola súa banda, outros cinco asociados presentaron as súas comunicacións por videoconferencia: Pasqual Bernat, Gabriel Romero de Ávila, Julio Ástor, Stella Maris González Balbuena e Eduardo Rolland.

O catedrático da Universidade de Vigo e membro da nosa Sociedade Jules Verne, Jesús Souza Troncoso, presentou a súa ponencia «La fauna del Faro fin del mundo». José Garabatos expuso a súa investigación «Anticipaciones de un pasmarote que se comporta como un ganso». Nicolás Moragues presentou «El Museo Naval de Julio Verne». Pola súa parte, Gabriel Romero de Ávila expuso o seu traballo titulado «Las influencias literarias del joven Verne», mentres que Julio Ástor dictou unha conferencia titulada «Cinco semanas en globo y los exploradores que lo hicieron posible». Pola súa banda, Stella Maris González Balbuena amosou ao plenario os seus esclarecedores traballos sobre a poesía de Jules Verne coa súa ponencia de investigación «Jules Verne, poeta». Pasqual Bernal falou da «Presencia de la botánica y el mundo vegetal en 20KVS». Finalmente, Eduardo Rolland presentou o seu traballo «Jules Verne e Emilia Pardo Bazán», conectando a ambos os dous autores.

Hai que sinalar que a nosa Sociedade Jules Verne de Vigo é unha asociación cultural irmá da Sociedad Hispánica Jules Verne, de tal feito que a meirande parte dos nosos socios e socias pertencen tamén a asociación hispánica. Tamén queremos felicitar de xeito especial á organización dende Colombia e, moi afectuosamente, ao presidente da SHJV, Ariel Pérez, cuxa dedicación é sabiduría é sempre a mellor guía no noso traballo. Asemade, queremos destacar a gran labor feita por Nicolás Moragues, secretario e fundador da SHJV, que en cada cita internacional sempre foi a alma que permitiu o perfecto funcionamento de cada engranaxe da maquinaria congresual.

O IV Congreso Internacional Jules Verne celebrado en Colombia en 2024 sucede aos xa realizados en Barcelona 2012, La Habana 2016 e Palma de Mallorca 2021. O vindeiro congreso mundial será o quinto, que coincidirá co 200 aniversario do nacemento de Jules Verne e terá como a súa sede Vigo.

Dende este momento, a Sociedade Jules Verne de Vigo comeza xa a traballar para que o Congreso Mundial Jules Verne de Vigo 2028 sexa un éxito, e que podamos recibir a comunidade verniana mundial cun evento que deixe unnha lembranza imborrábel.

A Sociedade Jules Verne de Vigo navega con España Directo tras a pista do Nautilus

Guiamos ao xornalista Xoán Leiro nunha reportaxe pola ría de Vigo seguindo a pegada da batalla de Rande, o Nautilus e as visitas do escritor

A Sociedade Jules Verne de Vigo guiou a un equipo de Televisión Española para seguir a pista do Nautilus do capitán Nemo pola ría de Vigo, nunha reportaxe especial do programa España Directo, gravada e emitida o pasado luns 6 de xullo de 2020.

Eduardo Rolland acompañou ao xornalista Xoán Leiro nesta viaxe a bordo do buque El Audaz, que navevgou polos escenarios da batalla de Rande e visitou na illa de San Simón a estatua dedicada ao capitán Nemo.

5fc2ffa5-cc3b-4dac-9d2a-26f424210848

O veleiro era unha edición limitada, estilo  ketch, ou  queche, construído nos prestixiosos estaleiros ingleses  Moody no ano 1974. Ten unha eslora de 44 pés, unha manga de 4 metros e un puntal de 3 metros. Leva montado un motor  diesel  Perkins de 67 CV e dispón de 2 mastros que lle permiten navegar coas #ver  génova, maior e  mesana.

Ao longo de 10 etapas percorre nas súas reportaxes 100 leguas mariñas (300 millas náuticas) desde Vigo ata Camariñas. E a de Vigo estivo centrada na relación entre o escritor nantés e a cidade olívica.

Aquí podes ver o programa:

https://www.rtve.es/alacarta/videos/espana-directo/espana-directo-06-07-20/5618856/?t=52m22s

A  Sociedade Jules Verne de Vigo, asociación cultural fundada no ano 2012 para estudar e difundir a relación entre o escritor e a cidade, colabora de novo con TVE, que xa no ano 2019 fixo unha reportaxe especial en España Directo sobre este tema.

Ademais, tamén no ano 2019, a prestixiosa canle europea ARTE TV realizou un documental sobre Jules Verne e Vigo na que participaron membros da nosa Sociedade, como a escritora Ledicia Costas, o historiador Antonio Giráldez Lomba e o xornalista Eduardo Rolland.

2c0e7584-a197-4c55-8ac8-0fc82fc18fcc

Estrea do documental do canal Arte sobre Verne e Vigo

Como anunciamos neste artigo, un equipo do prestixioso canal cultural de TV franco-alemán visitou a cidade olívica a mediados de setembro de 2019 para atopar nela as pegadas de Jules Verne. O documental foi estreado o pasado 19 de febreiro en versión francesa e alemá. Anúncianse as versións en español, inglés, italiano e polaco. Pódese ver neste link:

https://www.arte.tv/fr/videos/091152-038-A/invitation-au-voyage/

Membros da Sociedade Jules Verne de Vigo guían ás cámaras polas Cíes e pola cidade. O historiador Antonio Giráldez Lomba, leva a acción ao Museo do Mar e a lugares emblemáticos como a escultura de José Molares fronte ao Real Club Náutico.

A escritora Ledicia Costas pasea con Canal Arte polos mesmos escenarios que pisou Verne nas súas dúas visitas á cidade. Xa non está o café Suizo, desaparecido da rúa do Príncipe, pero sí toman café na praza da Constitución, como tamén facía Verne en ámbalas dúas estancias. Ademais, a novelista viguesa é entrevistada ante un dos murales do plan Vigo Vertical, o que representa a Verne, situado na avenida da Florida.

Nas islas Cíes, acompañadas do noso presidente Eduardo Roland, as cámaras seguen a pegada na area dos grandes personaxes que pisaron o noso arquipélago: Xulio César, o caudillo vikingo Olaf Haraldson ou o corsario Francis Drake. Tamén especulan literariamente con que a illa de Faro é a mesma illa misteriosa da novela na que Verne revela a verdadeira identidade do capitán Nemo  donde o Nautilus remata os seus días.

Tamén se pode ver en youtube:

https://www.youtube.com/watch?v=EEKGX8NHp-o

Licencia de Creative Commons
Texto e imaxes baixo unha licencia de Creative Commons Reconocimiento-NoComercial-CompartirIgual 4.0 Internacional.

As viaxes de Verne e Nemo a Vigo en España Directo de RTVE e en Onda Cero

O 14 de agosto, a Sociedade Jules Verne de Vigo agardaba ilusionada a visita da réplica do iate Saint Michel II que navegaba cara á nosa ría. Desafortunadamente, o barco sufríu unha avaría mecánica que o obrigou a regresar a Nantes. A maior parte dos actos previstos en relación con esta arribada foron cancelados. Non obstante, o programa de RTVE España Directo,  mantivo na súa programación un espazo dedicado a Verne, a cidade e a ría.

IMG-20190814-WA0006
A estatua do escritor atopábase tapada polas casetas instaladas con motivo da celebración do Marisquiño

Tres membros da Sociedade, Antonio Giráldez, Julio Ástor e José Garabatos, participaron neste programa explicando algúns feitos relevantes das visitas de Verne nos anos 1878 e 1884, así como do capítulo dedicado a ría na novela 20 000 leguas baixo dos mares e, mesmo, da propia batalla de Rande e dos intentos da busca do lendario tesouro. Os escenarios foron a estatua do autor no Náutico —acosada polo Marisquiño—, o entorno do antigo Hotel Continental e zonas do casco vello de Vigo.

Posteriormente, a bordo do barco de observación mariña Oceans Secrets, poideronse admirar os mesmos fondos que visitou o Nautilus. Esta vez coa axuda dun robot submarino chamado, precisamente, Nautilus en homenaxe ao escritor.

IMG-20190814-WA0007
Julio, Jose e o periodista, Xan, seguen atentamente as explicacións a bordo do Oceans Secrets

Podes seguir o programa nesta ligazón:

http://www.rtve.es/alacarta/videos/espana-directo/espana-directo-14-08-19/5366630/?t=46m53s

Aparte desto, Antonio Giráldez foi entrevistado o mesmo día na emisora Onda Cero. Aquí tedes o audio:

 

Licencia de Creative Commons
Texto e imágenes bajo una licencia de Creative Commons Reconocimiento-NoComercial-CompartirIgual 4.0 Internacional.

Celebramos o ‘Día de Ler a Verne’ no I.E.S. Castelao

Ler1
Unha alumna en plena lectura

Alumnos do Instituto Castelao de Vigo participaron hoxe no ‘Día de Ler a Verne’, unha cita de carácter internacional na que as sociedades Verne no mundo fan lecturas públicas da obra do escritor, coincidindo co aniversario do seu nacemento, o 8 de febrero de 1828.

Ler7
O acto foi presentado polo vicedirector do instituto e membro da Sociedade Jules Verne, Julio Ástor

A Sociedade Jules Verne de Vigo, que comezou a súa andaina no ano 2012, sumouse a esta iniciativa a través dunha actividade no I.E.S Castelao, na que os alumnos participaron nunha lectura pública de diversos pasaxes da obra de Verne, entre eles a novela ‘A Illa Misteriosa’, na que aparece o capitán Nemo nos días finais da súa vida. Recordemos que este personaxe está relacionado con Vigo, xa que Jules Verne fixo que o submarino Nautilus visitara a ría viguesa no capítulo titulado ‘A badía de Vigo’ da súa novela ’20.000 leguas baixo dos mares’.

Ler6Ademais da lectura de Verne, houbo unha exposición bibliográfica e un mural confeccionado ‘ad hoc’ para esta celebración, no que participaron os propios estudantes. O claustro de profesores do Instituto Castelao volcouse nesta iniciativa, e varios deles son membros da propia Sociedade Jules Verne de Vigo.

As imaxes desta celebración en Vigo do Día de Ler a Verne serán agora distribuídas internacionalmente nun catálogo on line que publicará a Sociedade Hispánica Jules Verne, coas actividades que hoxe se celebraron nas asociacións de Estados Unidos, Arxentina, México, Francia, Italia, Reino Unido, Canadá, España e Xapón.

Ler8
Alumnos e alumnas lectores

Ademais, nas vindeiras datas Vigo celebrará o 151 aniversario da visita literaria do Nautilus o 18 de febreiro de 1868. E a Sociedade Jules Verne de Vigo xa prepara actos para conmemorar a efeméride.

 

 

 

 

 

Licencia de Creative Commons
Texto e imágenes bajo una licencia de Creative Commons Reconocimiento-NoComercial-CompartirIgual 4.0 Internacional.