Canal Arte segue en Vigo os pasos de Verne

Un equipo da prestixiosa televisión europea grava na cidade para un programa de viaxes sobre o escritor

‘Invitation  au  voyage’ é un aclamado programa de viaxes que emite Canle Arte, a prestixiosa televisión europea nada por un acordo franco-alemán e que ten versións en seis idiomas. O espazo baséase en documentais nos que se seguen os pasos dun gran personaxe, normalmente vinculado á arte, por algunha das cidades que marcou a súa vida. Hai un de George Orwell en  Marrakech, de Jean  Cocteau na Costa Azul, do Bos Aires de  Mafalda ou da Calcuta de  Rabindranath  Tagore. Tamén foron buscar a Marco Polo a Pequín ou a  Takeshi  Kitano en Tokio. E, neste percorrido cultural por xeografía e autores, acaban de chegar a Vigo.

arteo3A mediados de setembro, un equipo de Arte visitou a cidade olívica para atopar nela as pegadas de Jules Verne. E da súa novela “20.000 leguas de viaxe submarina”. Ao longo de tres días de gravacións, percorreron o Casco Vello, a fortaleza do Castro, a rúa do Príncipe e o Vigo modernista. Tamén visitaron as illas Cíes, polas que transitou o submarino  Nautilus e que se atopan, segundo a novela, moi preto da mítica Atlántida. E, moi cedo, antes do vindeiro nadal, poderemos ver a súa obra en toda Europa, xa que se distribúe nas principais plataformas por cable da Unión. “O Vigo de Jules Verne” titularase o documental.

Para o seu periplo vigués, en Arte contactaron coa  Sociedade Jules Verne de Vigo, que nos dedicamos á promoción da singular relación entre o escritor francés e esta cidade. Tres dos seus membros actuaron como  cicerones. Na primeira xornada, foron guiados polo historiador Antonio Giráldez Lomba, que levou ao equipo ao Museo do Mar e lugares emblemáticos como a escultura de José Molares fronte ao Real Club Náutico.

O martes, a escritora Ledicia Costas paseou a Canle Arte polos mesmos escenarios que pisou Verne nas súas dúas visitas á cidade en 1878 e 1884. Xa non puideron visitar o café Suízo, desaparecido da rúa do Príncipe, e que recibía prensa internacional, saciando así a necesidade diaria de ler xornais que alimentaba a imaxinación do escritor  nantés. Pero si estiveron a tomar café na praza da Constitución, como tamén facía Verne en ambas as dúas estadías.

ARTE01O mércores visitaron as illas Cíes, acompañados do xornalista Eduardo Rolland. Alí imaxinaron a pegada na area dos grandes personaxes que psaron o noso arquipélago: Xulio César, o caudillo viquingo Olaf  Haraldson ou o corsario Francis Drake. Tamén soñaron que a illa de Faro é a mesma illa misteriosa da novela na que Verne revela a verdadeira identidade do capitán Nemo e onde o  Nautilus termina os seus días. Segundo a produtora francesa, Camelia Encinas, de familia de orixe andaluza, no  guion queren especular con que o mítico submarino aínda continúa nas Cíes. Só hai que ir buscalo.

O programa final verémolo en decembro. E poderá seguirse en seis idiomas: francés, alemán, español, italiano, inglés e polaco. Porque Canle Arte, nacida en 1991, é unha televisión pública franco-alemá, coa súa sede central en Estrasburgo, xunto ao Parlamento Europeo. E a súa misión fundacional é producir e difundir “programas culturais que propicien a comprensión e o achegamento entre europeos”. Para moitos, estamos a falar dunha calidade de produción que só ofrece en toda Europa a BBC.arte04

Así que Vigo e Verne pronto terán un oco na grella televisiva continental. Coa Sociedade Jules Verne de Vigo e Canle Arte seguindo o rastro do  Nautilus pola nosa ría e do autor francés pola nosa cidade.

 

Licencia de Creative Commons
Texto e imaxes baixo unha licencia de Creative Commons Reconocimiento-NoComercial-CompartirIgual 4.0 Internacional.

As viaxes de Verne e Nemo a Vigo en España Directo de RTVE e en Onda Cero

O 14 de agosto, a Sociedade Jules Verne de Vigo agardaba ilusionada a visita da réplica do iate Saint Michel II que navegaba cara á nosa ría. Desafortunadamente, o barco sufríu unha avaría mecánica que o obrigou a regresar a Nantes. A maior parte dos actos previstos en relación con esta arribada foron cancelados. Non obstante, o programa de RTVE España Directo,  mantivo na súa programación un espazo dedicado a Verne, a cidade e a ría.

IMG-20190814-WA0006
A estatua do escritor atopábase tapada polas casetas instaladas con motivo da celebración do Marisquiño

Tres membros da Sociedade, Antonio Giráldez, Julio Ástor e José Garabatos, participaron neste programa explicando algúns feitos relevantes das visitas de Verne nos anos 1878 e 1884, así como do capítulo dedicado a ría na novela 20 000 leguas baixo dos mares e, mesmo, da propia batalla de Rande e dos intentos da busca do lendario tesouro. Os escenarios foron a estatua do autor no Náutico —acosada polo Marisquiño—, o entorno do antigo Hotel Continental e zonas do casco vello de Vigo.

Posteriormente, a bordo do barco de observación mariña Oceans Secrets, poideronse admirar os mesmos fondos que visitou o Nautilus. Esta vez coa axuda dun robot submarino chamado, precisamente, Nautilus en homenaxe ao escritor.

IMG-20190814-WA0007
Julio, Jose e o periodista, Xan, seguen atentamente as explicacións a bordo do Oceans Secrets

Podes seguir o programa nesta ligazón:

http://www.rtve.es/alacarta/videos/espana-directo/espana-directo-14-08-19/5366630/?t=46m53s

Aparte desto, Antonio Giráldez foi entrevistado o mesmo día na emisora Onda Cero. Aquí tedes o audio:

 

Licencia de Creative Commons
Texto e imágenes bajo una licencia de Creative Commons Reconocimiento-NoComercial-CompartirIgual 4.0 Internacional.