Unha senda azul en Vigo que fala de Verne

Estivemos co Porto de Vigo na inauguración dun roteiro xunto ao mar con Bandeira Azul e información dedicada á relación entre Verne e Vigo

A Autoridade Portuaria de Vigo izou hoxe a Bandeira Azul que recoñece a súa Senda Azul, que percorre varios quilómetros da fronte marítima da cidade e que conta con paneis explicativos que contan a historia, a cultura e o patrimonio do porto vigués. A nosa Sociedade Jules Verne de Vigo participou neste acto inaugural, acompañando ao presidente da APV, Carlos Botana.

Os nosos socios Ramón Suárez e Julio Ástor participaron neste acto que puxo de relevo os importantes traballos que se veñen realizando no porto vigués para abrilo á sociedade e convertilo tamén nun atractivo para os visitantes, pola súa longa e fructífera historia. Neste senso, a nova Senda Azul incorpora un gran panel xunto á estatua de Verne nas Avenidas, xunto ao Real Club Náutico. A nosa asociación cultural participou na elaboración deste panel, así como da aplicación web que se vai poñer en marcha próximamente e que fala tamén da estreita relación entre Jules Verne e a cidade de Vigo. Neste sentido, temos que agradecer á Autoridade Portuaria que nos convidase a achegar a nosa experiencia e coñecementos para poder facer a nosa modesta achega a unha iniciativa tan importante.

Nas vindeiras datas poderemos compartir a APP que a propia Autoridade Portuaria vai estrear para esta senda azul e que pode descargarse nos códigos QR dos propios paneis físicos no porto. Ademais, neles poden obterse datos das dúas estadías de Verne en Vigo en 1878 e 1884, así como detalles da súa novela «20000 leguas baixo dos mares», na que trouxo o submarino Nautilus do capitán Nemo ata a nosa ría para rescatar os tesouros mergullados nos galeóns da Batalla de Rande de 1702.

Verne para estudantes de Baiona e Pornic

A nosa Sociedade Jules Verne de Vigo organizou unha charla didáctica e un roteiro verniano para o alumnado do CPI Cova Terreña

Estudantes de institutos de Baiona e Pornic participaron nunha charla didáctica e un roteiro verniano organizados pola nosa Sociedade Jules Verne de Vigo (SJVV) como un xeito de trasladar a estreita relación entre o escritor nantés e a ría viguesa. As vilas de Baiona e Pornic (Francia) están irmandadas e fan intercambios de alumnado con estadías nos dous centros educativos e residencia con familias de ambos os dous institutos. Así que este ano 2025 pediron á nosa SJVV dúas actividades que exemplificasen a relación entre elas. Sen dúbida, o personaxe común era Verne, quen non só visitou a ría de Vigo en dúas ocasións, en 1878 e 1884, senón que trouxo aquí ao submarino Nautilus do capitán Nemo para rescatar os tesouros mergullados da batalla de Rande de 1702. Por outra banda, Pornic é un importante porto situado preto de Nantes, a vila natal de Verne, onde por certo unha asociación cultural senlleira construiu unha réplica do ‘Saint Michel II’, o segundo iate que tivo o escritor francés.

Os nosos socios José Garabatos e Julio Ástor ofreceron primeiramente unha charla para alumnado de Primaria sobre os inventos e a tecnoloxía na obra de Verne. Seguidamente, unha semana máis tarde, o alumnado da ESO tanto de Baiona como os visitantes de Pornic puideron realizar en Vigo un roteiro verniano, no que percorrimos a fortaleza do Castro, o monumento aos galións de Rande, a Alameda, o Casco Vello, o Real Club Náutico e o hotel Universal para rematar ante o monumento a Verne no paseo das Avenidas.

Ambas as dúas xornadas foron un novo xeito de reivindicar a relación entre Verne e Vigo, desta volta cun alumnado internacional, tanto de Baiona como da vila de Pornic, na terra natal do autor de «20000 leguas baixo dos mares».

O capitán Nemo acode puntual á súa cita anual

Conmemoramos o 157 aniversario da entrada do Nautilus na ría de Vigo

O sábado 15 de febreiro celebramos a tradicional lectura do oitavo capítulo da segunda parte da novela «20000 leguas baixo os mares» de Jules Verne. En dito capítulo tivo lugar a entrada na ría do submarino Nautilus capitaneado por Nemo o día 18 de febreiro de 1868.

O acto foi presentado polo presidente da SJVV, Eduardo Rolland e contou coa presenza do portavoz do goberno municipal, Carlos López Font, en representación do concello de Vigo.

A mañá presentouse ventosa pero sen chuvia, polo que a reunión de vernianos puido desenvolverse de xeito moi lucido.

Cómpre salientar a presenza dos amigos da asociación Virazón, encabezados polo seu presidente Antonio Iglesias, e do colectivo poético Desafiando Sombras, que interpretaron fragmentos da lectura en xaponés, alemán, italiano, francés, castelán e galego. Agradecémoslle profundamente a súa colaboración que supón un realce engadido para este evento.

A celebración de este ano 2025 é a primeira do que podemos chamar «ciclo congresual de Vigo», pois, despois do IV Congreso Internacional Verniano delebrado en Cartaxena de Indias, Colombia, en 2024, o próximo será o V Congreso en Vigo no ano 2028.

Máis vídeos aquí: https://photos.google.com/share/AF1QipMZXITm660aT4iCnGr9Mzl2EKRYejzwHDbpyakAC8JpPtKVT9dqprLlSXigD9K8gA?key=ZC1VRXdacm5PS0xsNmhYVk56TUpQWDlCS1N3eDZB

Verne decora o novo parking da Laxe

O artista urbano Antonio Barbará ‘Powone’ enche as súas paredes de motivos dedicados ao capitán Nemo e o Nautilus de ‘20000 leguas’

O remodelado aparcamento da Laxe, a poucos metros da escultura dedicada a Jules Verne fronte ao Porto de Vigo, loce agora unha espectacular decoración dedicada ao escritor nantés e aos protagonistas da novela «20000 leguas baixo dos mares», na que un capítulo titulado «A badía de Vigo» trae ao submarino Nautilus do capitán Nemo ata a ría viguesa para rescatar os tesouros mergullados dos galeóns da batalla de Rande de 1702.

Fotografías de Judit Nogueiras.

Nas fotos realizadas pola nosa socia Judit Nogueiras, podemos ver esta actuación, que é obra do artista urbano vigués Antonio Barbará ‘Powone’, quen atopou en Verne a mellor inspiración para decorar os accesos a este céntrico parking, situado fronte ao edificio do Real Club Náutico de Vigo, enfronte do lugar onde fondeou o iate ‘Saint Michel III’, nas dúas visitas que o novelista fixo á cidade viguesa nos anos 1878 e 1884.

O propio capitán Nemo está representado nun dos muros, mentres que noutro aparece Jules Verne, fronte a un ollo de boi dende o que se observa a ría de Vigo. Tampouco falta a imaxe do ‘kraken’ que atacou o submarino Nautilus na novela verniana, así como imaxes mariñas diversas, nas que predomina a cor azul.

Powone destaca por ser o responsable da sección de graffiti do festival do Marisquiño, onde na última edición abordou o tema de ‘20.000 leguas baixo dos mares’, para facer homenaxe á estreita relación entre Verne e Vigo, cidade que visitou en dúas ocasións e que fixo protagonista da súa obra. Dende a nosa asociación cultural, a Sociedade Jules Verne de Vigo, dedicada a promocionar a estreita relación entre Verne e a cidade olívica, queremos felicitar a Powone polo seu traballo, nun espazo emblemático, onde tamén a moi poucos metros está dispoñible o visor submarino ‘Nautilus’, que permite contemplar os fondos da ría viguesa.

Conferencia «150 anos de viaxe submarina»

O Capitán de Corveta José Manuel Piñero e o presidente da SJVV, Eduardo Rolland, falaron «Do Nautilus aos submarinos modernos»

Unha viaxe no tempo dende o submarino ‘Nautilus’ do capitán Nemo ata os modernos submarinos que sucan os mares. Organizada pola Asociación Virazón, coa colaboración da nosa Sociedade Jules Verne de Vigo, este venres 22 de novembro de 2024, tivo lugar no salón de Actos da Autoridade Portuaria viguesa unha conferencia conxunta co Capitán de Corveta José Manuel Piñero Álvarez, vigués, quen foi oficial de navegación e comandante no S-74 Tramontana e, posteriormente, oficial de comunicacións e xefe de operacións no S-73 Mistral, e actualmente, tras realizar o Curso de Estado Maior no Joint Services Command and Staff College do Reino Unido, destinado na Sección de Submarinos do Estado Maior da Armada. Na súa compaña, falou Eduardo Rolland, en calidade de presidente da Sociedade Jules Verne de Vigo.

A charla, titulada «150 anos de viaxe submarina», contou cunha grande participación, cun salón de actos totalmente completo, e foi repasando os fitos do submarino Nautilus que ideou Verne na súa novela «20.000 leguas baixo dos mares» e que trouxo á ría viguesa no capítulo titulado «A baía de Vigo», no que os mergulladores do capitán Nemo rescatan os tesouros afundidos cos galeóns na Batalla de Rande de 1702.

A experiencia do capitán Piñero como comandante do submarino S74 Tramontana permitiunos coñecer a experiencia da a bordo destas embarcacións no século XXI, en contraste co Nautilus do capitán Nemo creado pola imaxinación literaria de Verne.

Fronte á imaxinación verniana, o capitán Piñero ilustrou aos asistentes coa actualidade dos submarinos en todo mundo, cos seus grandes fitos tecnolóxicos, que demostraron que o novelista nantés acertou en moitas das súas predicións sobre o futuro destes navíos, aínda que fallou en moitas outras, unhas relativas a vida a bordo, o subministro de osíxeno, a propulsión, a fonte de enerxía ou o equipamento técnico.

Dende a Sociedade Jules Verne de Vigo queremos agradecer á nosa prezada asociación de navegantes Virazón a organización deste acto, no que foi un pracer colaborar e que supuxo unha interesante achega científica e verniana a unha das grandes obras da literatura universal.

O capitán Nemo regresa a Vigo

A Sociedade Jules Verne de Vigo conmemora o 156 aniversario da entrada do Nautilus na ría de Vigo

Un ano mais, celebramos a entrada do submarino Nautilus na ría de Vigo, ocorrida o 18 de febreiro de 1868 na ficción, segundo o capítulo VIII da segunda parte da inmortal obra do autor francés ‘20000 leguas baixo dos mares’.

O acto, que se desenvolveu o 17 de febreiro, comezou ante o monumento a Jules Verne no paseo das Avenidas de Vigo, diante do Real Club Náutico, pasadas as 12.30 horas, coa presenza do concelleiro de Cultura, Gorka Gómez, en representación do Concello de Vigo.

Nunha fermosa mañá, deuse lectura ao capítulo ‘A baía de Vigo’ da devandita novela por parte de numerosos vernianos e afeccionados. Á parte dos socios da SJVV, cómpre salientar a presenza de membros da asociación de navegantes Virazón e da asociación Hermérico, así como do colectivo poético Desafiando Sombras. Agradecémoslles a súa colaboración.

Nesta edición introducíronse novidades no acto respecto a anos anteriores. Ademais da lectura dun fragmento en francés, léronse outros fragmentos en italiano, alemán e xaponés por cortesía dos membros do colectivo Desafiando Sombras. Foi un xeito de resaltar que o autor nantés é un dos máis traducidos de toda a historia da literatura.

Outra novidade foi a lectura dos párrafos doutras novelas nas que o autor cita a cidade e a ría. Concretamente, ‘A illa misteriosa’, ‘Mistress Branican’, ‘Marabillosas aventuras de Antifer’ e ‘Aventuras dun neno irlandés’.

Cando estamos a pouco menos de dous meses e medio do IV Congreso Internacional Verniano de Colombia e a catro anos do V Congreso que se celebrará en Vigo, a Sociedade Jules Verne de Vigo segue a traballar para divulgar a obra e a relación con Vigo deste autor monumental.

A continuación tedes unha galería de imaxes e, ao final, un video do acto.

Conmemoramos a chegada do Nautilus

Un ano máis, a Sociedade Jules Verne de Vigo, celebra a efeméride do 18 de febreiro diante da estatua do escritor francés nas avenidas coa asistencia de numerosos vernianos. Ese día de 1868, o submarino Nautilus, ao mando do capitán Nemo e co profesor Aronnax, o seu asistente Conseil e o arpoador Ned Land a bordo, entra na ría de Vigo. Os feitos son relatados no oitavo capítulo da segunda parte da novela Vinte mil leguas baixo dos mares. O submarino dirixíase cara a Rande para encher a súa caixa cos tesouros dos galeóns afundidos en 1702.

Dez anos despois, en 1878, produciríase a primeira visita real do escritor a bordo do seu iate Saint Michel III, pasando uns memorables catro días na nosa cidade.

Este sábado 19 de febreiro, ás 13 horas, un nutrido grupo de afeccionados e amigos da SJVV, demos lectura ao capítulo dito. Contamos coa asistencia, en representación do Concello de Vigo, da Concelleira de Normalización Lingüística, Uxía Blanco, que desculpou a presenza do alcalde que se atopaba no acto de homenaxe aos mortos e desaparecidos no afundimento do barco Villa de Pitanxo

VIGO LE A VERNE

Sábado, 19 de febreiro de 2022

Estatua de Jules Verne nas Avenidas

13.00 horas

Este sábado 19 de febreiro de 2022 festexamos a efeméride literaria da entrada do submarino Nautilus do capitán Nemo en 1868 na ría de Vigo, segundo o capítulo ‘A baía de Vigo’ da novela ’20.000 leguas baixo dos mares’, de Jules Verne. Achégate e participa coa Sociedade Jules Verne de Vigo na lectura pública do capítulo ante o monumento ao escritor no Náutico.

A Sociedade Jules Verne de Vigo navega con España Directo tras a pista do Nautilus

Guiamos ao xornalista Xoán Leiro nunha reportaxe pola ría de Vigo seguindo a pegada da batalla de Rande, o Nautilus e as visitas do escritor

A Sociedade Jules Verne de Vigo guiou a un equipo de Televisión Española para seguir a pista do Nautilus do capitán Nemo pola ría de Vigo, nunha reportaxe especial do programa España Directo, gravada e emitida o pasado luns 6 de xullo de 2020.

Eduardo Rolland acompañou ao xornalista Xoán Leiro nesta viaxe a bordo do buque El Audaz, que navevgou polos escenarios da batalla de Rande e visitou na illa de San Simón a estatua dedicada ao capitán Nemo.

5fc2ffa5-cc3b-4dac-9d2a-26f424210848

O veleiro era unha edición limitada, estilo  ketch, ou  queche, construído nos prestixiosos estaleiros ingleses  Moody no ano 1974. Ten unha eslora de 44 pés, unha manga de 4 metros e un puntal de 3 metros. Leva montado un motor  diesel  Perkins de 67 CV e dispón de 2 mastros que lle permiten navegar coas #ver  génova, maior e  mesana.

Ao longo de 10 etapas percorre nas súas reportaxes 100 leguas mariñas (300 millas náuticas) desde Vigo ata Camariñas. E a de Vigo estivo centrada na relación entre o escritor nantés e a cidade olívica.

Aquí podes ver o programa:

https://www.rtve.es/alacarta/videos/espana-directo/espana-directo-06-07-20/5618856/?t=52m22s

A  Sociedade Jules Verne de Vigo, asociación cultural fundada no ano 2012 para estudar e difundir a relación entre o escritor e a cidade, colabora de novo con TVE, que xa no ano 2019 fixo unha reportaxe especial en España Directo sobre este tema.

Ademais, tamén no ano 2019, a prestixiosa canle europea ARTE TV realizou un documental sobre Jules Verne e Vigo na que participaron membros da nosa Sociedade, como a escritora Ledicia Costas, o historiador Antonio Giráldez Lomba e o xornalista Eduardo Rolland.

2c0e7584-a197-4c55-8ac8-0fc82fc18fcc

Estrea do documental do canal Arte sobre Verne e Vigo

Como anunciamos neste artigo, un equipo do prestixioso canal cultural de TV franco-alemán visitou a cidade olívica a mediados de setembro de 2019 para atopar nela as pegadas de Jules Verne. O documental foi estreado o pasado 19 de febreiro en versión francesa e alemá. Anúncianse as versións en español, inglés, italiano e polaco. Pódese ver neste link:

https://www.arte.tv/fr/videos/091152-038-A/invitation-au-voyage/

Membros da Sociedade Jules Verne de Vigo guían ás cámaras polas Cíes e pola cidade. O historiador Antonio Giráldez Lomba, leva a acción ao Museo do Mar e a lugares emblemáticos como a escultura de José Molares fronte ao Real Club Náutico.

A escritora Ledicia Costas pasea con Canal Arte polos mesmos escenarios que pisou Verne nas súas dúas visitas á cidade. Xa non está o café Suizo, desaparecido da rúa do Príncipe, pero sí toman café na praza da Constitución, como tamén facía Verne en ámbalas dúas estancias. Ademais, a novelista viguesa é entrevistada ante un dos murales do plan Vigo Vertical, o que representa a Verne, situado na avenida da Florida.

Nas islas Cíes, acompañadas do noso presidente Eduardo Roland, as cámaras seguen a pegada na area dos grandes personaxes que pisaron o noso arquipélago: Xulio César, o caudillo vikingo Olaf Haraldson ou o corsario Francis Drake. Tamén especulan literariamente con que a illa de Faro é a mesma illa misteriosa da novela na que Verne revela a verdadeira identidade do capitán Nemo  donde o Nautilus remata os seus días.

Tamén se pode ver en youtube:

https://www.youtube.com/watch?v=EEKGX8NHp-o

Licencia de Creative Commons
Texto e imaxes baixo unha licencia de Creative Commons Reconocimiento-NoComercial-CompartirIgual 4.0 Internacional.