Presentación de «Os amotinados da Bounty»

Nova publicación da Sociedade Jules Verne de Vigo

O luns 26 de maio a nosa sociedade presentou a súa última publicación nun concorrido acto na hemeroteca da Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo.

O acto foi presentado por Eduardo Rolland, presidente da SJVV. Na súa intervención, Rolland, repasou brevemente a historia da sociedade, fundada en 2012, e as actividades que desde ese ano veñen levándose a cabo. Destacou, neste 2025, a presenza na Senda Azul e o proxecto de instalar unha réplica do submarino Nautillus nalgún lugar da cidade, pola que tanto se esforzara o noso malogrado socio e amigo, Domingo Villar.

Por outra banda, Rolland recordou a intención da sociedade de editar cada ano e, de cara ao Congreso Internaional Verniano que se celebrará en Vigo en 2028, unha publicación, alternando relatos de Verne aínda non traducidos ao galego con estudos sobre a obra do autor francés. Ata o de agora pulicáronse, «A baía de Vigo», edición facsimilar do capítulo VIII da segunda parte de «20000 leguas baixo dos mares» traducida ao galego pola propia sociedade. «Unha fantasía do doutor Ox», en colaboración coa Sociedad Hispánica Jules Verne. «Vigo na obra de Verne», que recolle todas as mencións a Vigo e a ría na vasta obra verniana. «Un drama nos aires», obra de xuventude de Verne, e, finalmente en 2025,»Os amotinados da Bounty».

Finalmente, José Garabatos, socio da SJVV, desenvolveu certos aspectos da obra e do proceso de publicación. Para empezar, sinalou, esta é unha obra singular por diversos motivos.

En primeiro lugar, a obra foi escrita en 1878, precisamente o ano da primeira visita a Vigo de Jules Verne. Na sociedade gústanos especular con que durante a visita, Verne seguise traballando sobre o manuscrito dos «amotinados» e que algo da cidade e da ría quedase no espíritu do relato. Posteriormente, o relato publicouse en 1879, unha primeira vez na revista habitual de Hetzel, unha segunda vez en formato libro conxuntamente con «Os cincocentos millóns da Begum», e unha terceira vez que se menciona máis adiante.

En segundo lugar, trátase dun relato de aventuras dun feito real, é dicir, é unha aventura de «non ficción», o que a diferencia da maior parte da obra verniana.

En terceiro lugar, Verne utilizou un texto de Gabriel  Marcel e, de feito, ademáis das dúas formas de publicación mencionadas antes, houbo una terceira, conxuntamente co segundo tomo de “Descubrimento da Terra. Historia das grandes viaxes e dos grandes viaxeiros”, chamado “Os grandes navegantes do século XIII”, obra esta escrita en colaboración có propio Marcel, tamén en 1879. Verne revisou, correxiu, rescribiu e, mesmo, engadiu personaxes e fragmentos para facer seu o relato, ademáis de comprarlle os dereitos a Marcel

O acto terminou cun interesante coloquio entre os asistentes no que, entre outros asuntos, debatiuse sobre as diferenzas entre a visión verniana dos protagonistas e a mesma visión que deles ofrecen as sucesivas versións cinemátográficas sobre o motín.

«Os amotinados da Bounty» foi traducida pola SJVV, revisada por Gloria Paredes e editada pola propia Sociedade Jules Verne de Vigo. Pode adquirirse tamén na nosa web, ao tempo que, como é tradición, se fixo doazón de exemplares nas bibliotecas públicas da cidade de Vigo para que estean accesibles ao gran público.

O capitán Nemo acode puntual á súa cita anual

Conmemoramos o 157 aniversario da entrada do Nautilus na ría de Vigo

O sábado 15 de febreiro celebramos a tradicional lectura do oitavo capítulo da segunda parte da novela «20000 leguas baixo os mares» de Jules Verne. En dito capítulo tivo lugar a entrada na ría do submarino Nautilus capitaneado por Nemo o día 18 de febreiro de 1868.

O acto foi presentado polo presidente da SJVV, Eduardo Rolland e contou coa presenza do portavoz do goberno municipal, Carlos López Font, en representación do concello de Vigo.

A mañá presentouse ventosa pero sen chuvia, polo que a reunión de vernianos puido desenvolverse de xeito moi lucido.

Cómpre salientar a presenza dos amigos da asociación Virazón, encabezados polo seu presidente Antonio Iglesias, e do colectivo poético Desafiando Sombras, que interpretaron fragmentos da lectura en xaponés, alemán, italiano, francés, castelán e galego. Agradecémoslle profundamente a súa colaboración que supón un realce engadido para este evento.

A celebración de este ano 2025 é a primeira do que podemos chamar «ciclo congresual de Vigo», pois, despois do IV Congreso Internacional Verniano delebrado en Cartaxena de Indias, Colombia, en 2024, o próximo será o V Congreso en Vigo no ano 2028.

Máis vídeos aquí: https://photos.google.com/share/AF1QipMZXITm660aT4iCnGr9Mzl2EKRYejzwHDbpyakAC8JpPtKVT9dqprLlSXigD9K8gA?key=ZC1VRXdacm5PS0xsNmhYVk56TUpQWDlCS1N3eDZB

O capitán Nemo regresa a Vigo

A Sociedade Jules Verne de Vigo conmemora o 156 aniversario da entrada do Nautilus na ría de Vigo

Un ano mais, celebramos a entrada do submarino Nautilus na ría de Vigo, ocorrida o 18 de febreiro de 1868 na ficción, segundo o capítulo VIII da segunda parte da inmortal obra do autor francés ‘20000 leguas baixo dos mares’.

O acto, que se desenvolveu o 17 de febreiro, comezou ante o monumento a Jules Verne no paseo das Avenidas de Vigo, diante do Real Club Náutico, pasadas as 12.30 horas, coa presenza do concelleiro de Cultura, Gorka Gómez, en representación do Concello de Vigo.

Nunha fermosa mañá, deuse lectura ao capítulo ‘A baía de Vigo’ da devandita novela por parte de numerosos vernianos e afeccionados. Á parte dos socios da SJVV, cómpre salientar a presenza de membros da asociación de navegantes Virazón e da asociación Hermérico, así como do colectivo poético Desafiando Sombras. Agradecémoslles a súa colaboración.

Nesta edición introducíronse novidades no acto respecto a anos anteriores. Ademais da lectura dun fragmento en francés, léronse outros fragmentos en italiano, alemán e xaponés por cortesía dos membros do colectivo Desafiando Sombras. Foi un xeito de resaltar que o autor nantés é un dos máis traducidos de toda a historia da literatura.

Outra novidade foi a lectura dos párrafos doutras novelas nas que o autor cita a cidade e a ría. Concretamente, ‘A illa misteriosa’, ‘Mistress Branican’, ‘Marabillosas aventuras de Antifer’ e ‘Aventuras dun neno irlandés’.

Cando estamos a pouco menos de dous meses e medio do IV Congreso Internacional Verniano de Colombia e a catro anos do V Congreso que se celebrará en Vigo, a Sociedade Jules Verne de Vigo segue a traballar para divulgar a obra e a relación con Vigo deste autor monumental.

A continuación tedes unha galería de imaxes e, ao final, un video do acto.

Presentación de «Vigo na obra de Jules Verne», editado pola SJVV

A Sociedade Jules Verne de Vigo presentou o estudo realizado por José Garabatos

Consigue o teu exemplar premendo aquí.

A Sociedade Jules Verne de Vigo presentou o martes 9 de maio o estudo “Vigo na obra de Jules Verne. Máis aló das 20000 leguas”, froito do traballo de investigación realizado por un dos socios e membro da directiva desta asociación cultural, José Garabatos, quen analizou todas as novelas e relatos escritos polo autor de Nantes, para descubrir varias mencións á cidade, á súa ría e ás illas Cíes que ata o de agora eran descoñecidas. O acto de presentación tivo lugar na Biblioteca da Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo.

Entre as novas citas agora descubertas atópase unha mención ás illas Cíes na novela “Marabillosas aventuras de Antifer”, publicada en 1894, cando Verne xa visitara Vigo en dúas ocasións, en 1878 e 1884. Neste texto, o escritor relata como o protagonista, na súa navegación, “deixou a babor a baía de Vigo e os tres picos que sinalan a súa entrada”.

Ata o de agora, as mencións recoñecidas de Vigo na obra de Verne eran o inmortal capítulo “A baía de Vigo”, da novela “20.000 leguas baixo dos mares”, na que o capitán Nemo entra na ría para rescatar a bordo do submarino Nautilus os tesouros mergullados da batalla de Rande de 1702. Tamén volve falar de Vigo na novela “A illa misteriosa”. Pero as novas mencións agora atopadas aparecen en novelas como “Mistress Branican” ou “O soberbio Orinoco” ou “Aventuras dun neno irlandés”.

A publicación de traballos sobre Verne é un dos obxectivos desta asociación cultural, que xa editou no ano 2019 unha edición facsímile do capítulo “A baía de Vigo” da novela “20.000 leguas baixo dos mares”, cando se cumpriron 150 anos da súa publicación. Tamén publicamos no ano 2021 a primeira tradución ao galego da obra “Unha fantasía do doutor Ox”, relato de Verne que foi traducido pola nosa socia a filóloga Tamara Aymerich.

Ademais, a Sociedade Jules Verne de Vigo vén de ser designada para organizar o V Congreso Mundial Jules Verne, que se celebrará na nosa cidade no ano 2028, nunha data emblemática, pois coincide co segundo centenario do nacemento do escritor francés. O Congreso Mundial Jules Verne reúne a expertos de todo o mundo e o de Vigo sucederá ao IV Congreso, que se celebrará o vindeiro ano 2024 e Cartaxena de Indias (Colombia). A SJVV xa traballa para que a cita internacional viguesa sexa todo un éxito e Vigo poida acoller a gran comunidade verniana mundial, que segue a mover millóns de persoas interesadas na súa obra, que segue vixente mesmo a través do cinema, as series, o cómic, os videoxogos ou as adaptacións noveladas, nun caso singular senón único na historia da literatura pola súa perseverancia no tempo e a súa popularidade.

Este traballo pon de manifesto a especial relación do autor francés con esta cidade e esta ría. Esa relación xustifica a decisión da Sociedad Hispánica Jules Verne de celebrar o V Congreso Internacional Jules Verne, precisamente, en Vigo.

Lectura de ‘A baía de Vigo’ ante o monumento a Verne

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, presidiu o acto organizado pola nosa Sociedade Jules Verne de Vigo

Unha gran xornada de homenaxe a Jules Verne e á súa relación con Vigo. Coa participación do alcalde de Vigo, Abel Caballero, e da concelleira de Normalización Lingüística, Uxía Blanco, a nosa Sociedade Jules Verne de Vigo celebrou este sábado 25 de febreiro de 2023 o 155 aniversario da efeméride literaria da entrada do submarino Nautilus do capitán Nemo en 1868 na ría de Vigo, segundo o capítulo ‘A baía de Vigo’ da novela ’20.000 leguas baixo dos mares’. Foi todo un éxito a xornada de lectura pública do capítulo ante o monumento ao escritor no Náutico.

O acto comezou ante o monumento da Jules Verne no paseo das Avenidas de Vigo, diante do Real Club Náutico, pasadas as 12.30 horas, e ademais dos socios da SJJV, participaron outros moitos cidadáns que quixeron participar na xornada festiva, onde lembramos as inesquecibles verbas do capitán Nemo: «Neste intre atopámonos na mesma baía de Vigo e só de vostede depende descobrir os seus segredos».

A Sociedade Jules Verne de Vigo é unha asociación cultural, inscrita no Rexistro do Concello de Vigo e da Xunta de Galicia, fundada no ano 2012 e que ten por obxectivo reivindicar a estreita relación entre o escritor nantés e a cidade de Vigo, evidenciada no propio capítulo ‘A baía de Vigo’ de 20.000 leguas baixo dos mares, como tamén nas dúas visitas que o autor cursou á cidade olívica nos anos 1878 e 1884, nas que pasou varios días para se converter ‘nun vigués máis’.

Entre as actividades da SJVV está a organización deste acto, diversos encontros e foros celebrados ou a publicación de obras divulgativas ou traducións ao galego de traballos de Verne. Podes consultar a actividade da Sociedade Jules Verne de Vigo na súa páxina web: www.vigoverne.com

Ademais, Vigo organizará no ano 2028 o V Congreso Internacional Jules Verne, que coincidirá co Bicentenario do escritor e que recollerá a testemuña do cuarto congreso, que se celebrará en 2024 en Cartaxena de Indias, en Colombia.

A decisión foi anunciada pola Sociedade Hispánica Jules Verne (SHJV), organización internacional que reúne a expertos de máis dunha vintena de países relacionados co autor francés e que convocou os tres primeiros congresos internacionais en Barcelona (2013), A Habana (Cuba, 2017) e o último en 2021 en Palma de Mallorca, no que participaron varios membros da Sociedade Jules Verne de Vigo (SJVV). A organización do congreso farase conxuntamente co traballo tanto da SHJV como da SJVV, que comparten a algúns dos seus socios.

“El V Congreso, para marcar el 200 aniversario del nacimiento de Jules Verne en 2028, regresa a Europa y se celebrará en la ciudad de Vigo, en España”, explicou no seu anuncio a SHJV.

Dúas razóns apuntan a que Vigo fose elixida como sede para a cita mundial máis importante nos estudos do universo Verne, un autor que segue vixente cando están a piques de cumprirse dous séculos do seu nacemento en Nantes en 1828. Dunha parte, a propia existencia da Sociedade Jules Verne de Vigo, asociación cultural que conta cunha vintena de socios e socias relacionadas co mundo da ciencia, a educación, a universidade, a edición ou a cultura. Doutra banda, no éxito da candidatura foi decisiva a estreita relación entre Jules Verne e Vigo, posta de relevo nos últimos anos pola SJVV. Verne visitou Vigo en dúas ocasións, en 1878 e 1884, en dúas estancias de varios días nas que chegou a bordo do seu luxoso iate o ‘Saint Michel III’. Ademais, o escritor fixo á ría de Vigo protagonista dunha das súas máis importantes novelas, todo un clásico recoñecido mundialmente como é ’20.000 leguas baixo dos mares’. Nesta novela dedica todo un capítulo titulado ‘A baía de Vigo’ á batalla de Rande de 1702 e ao rescate dos seus tesouros polo capitán Nemo a bordo do submarino Nautilus.

O V Congreso Internacional Jules Verne reunirá, como vén sendo habitual nas tres edicións anteriores celebradas, a expertos mundiais na figura do escritor francés, coa presentación de novos estudos sobre a súa obra e legado. No último congreso, celebrado en Palma de Mallorca, participaron estudosos de Canadá, Colombia, Estados

Unidos, Francia, Noruega, Alemaña, Italia, Perú, Arxentina, Croacia e España. A Sociedade Jules Verne de Vigo xa está a traballar para que este vindeiro Congreso Internacional sexa todo un éxito, nunha data tan emblemática como é a do bicentenario do escritor.

Nova obra editada pola Sociedade Jules Verne de Vigo

“Vigo na obra de Jules Verne” recolle por primeira vez todas as mencións á cidade, á ría e ás illas Cíes na obra do escritor nantés

A Sociedade Jules Verne de Vigo ten a satisfacción de anunciar a publicación dunha nova obra editada pola nosa asociación cultural. Trátase de “Vigo na obra de Jules Verne”, un estudo que por primeira vez recolle todas as mencións á cidade, a ría e ás illas Cíes que se realizan ao longo das diferentes obras do escritor nantés.

O traballo, produto dunha investigación realizada polo noso socio José Garabatos, revela as mencións e consideracións que Jules Verne fai sobre Vigo en diferentes novelas. Co subtítulo “Máis aló das 20000 leguas”, o novo libro sorprenderá por moitas citas viguesas que ata o de agora eran descoñecidas.

Esta nova obra é a terceira editada pola nosa Sociedade, que no ano 2019 presentou a edición facsimilar traducida do capítulo «A baía de Vigo«, da novela “20.000 leguas baixo dos mares”, recollendo unha nova versión en galego e a reprodución do traballo orixinal publicado por Verne no Magasin de Education et Recreation. Ademais, no ano 2021, a Sociedade Jules Verne de Vigo editou a primeira tradución ao galego da obra “Unha fantasía do Doutor Ox”, un traballo realizado pola nosa socia a tradutora Tamara Aymerich, e que foi lanzada en colaboración coa nosa asociación irmá, a Sociedade Hispánica Jules Verne e o seu selo editorial ‘Ediciones Paganel”.

“Vigo na obra de Jules Verne” xa está en mans da nosa Sociedade Jules Verne de Vigo, despois dun intenso traballo editorial e confiamos en facer unha presentación pública nas vindeiras semanas, probablemente en torno ás datas de febreiro nas que celebramos a efeméride literaria da visita do submarino ‘Nautilus’ á ría de Vigo en 1868, segundo a novela “20.000 leguas baixo dos mares”, a maior homenaxe que Verne fixo á ría de Vigo, pero que agora coñeceremos que non foi, nin moito menos, a única.

Na procura do tesouro de Jules Verne

Unha saída verniana pola ría de Vigo organizada pola Asociación de Navegantes Virazón

A Asociación de Navegantes Virazón organiza unha saída na ría de Vigo o vindeiro sábado 5 de novembro de 2022 que terá como protagonista Jules Verne e na que está prevista a presenza de múltiples embarcacións de recreo. A actividade comezará ás 10.00 da mañá cun encontro no salón de actos do Liceo de Bouzas. Alí será entregada a documentación para participar na proba, unha excursión de lecer na que os participantes deberán resolver diversas pistas e probas para atopar o ‘tesouro’ de Jules Verne na ría de Vigo. Ás 11.00 horas, os barcos participantes reuniranse na dársena de Bouzas para a saída, mentres que a chegada está prevista en Rande ás 15.00 horas.

Virazón organiza o evento na ría de Vigo.

A canle 69 estará dispoñible por radio para contacto entre os participantes e a organización da proba, que promove a asociación Virazón e que conta coa colaboración da nosa Sociedade Jules Verne de Vigo.

Así que só vos resta apuntaros se contades cun barco ou poñervos en contacto con alguén que participe, así como coa Asociación de Navegantes Virazón por se queredes participar nesta cita verniana na ría de Vigo.

https://www.asociacionvirazon.com/virazon

Ruta polos lugares vernianos de Vigo: APP

Presentamos unha app para dispositivos android que percorre os lugares de interese verniano de Vigo. Estes lugares son os que visitou o escritor francés ou os que presentan algún tipo de relación con el.

Como é sabido, Verne estivo en dúas ocasións nesta cidade: en 1878 e en 1884. Moitos dos lugares que visitou permanecen case como os atopou, mentres que outros teñen mudado radicalmente, non sendo sempre doado identificalos a partir das informacións existentes. Aínda así, podemos facernos unha idea moi aproximada da súa estadía.

A aplicación está, polo momento, en castelán, pensando nos visitantes que cheguen a Vigo procedentes de todo o mundo hispánico. Estamos traballando nas versións en galego e en inglés.

O primeiro que se atopa o usuario é un menú con catro opcións:

  1. Na opción Ruta urbana, accédese a seguinte pantalla:

Premendo en cada botón, aparecerá sobre o mapa de Vigo un marcador coa localización correspondente. No botón Usuario, aparecerá a posición do propio usuario, se este ten o GPS activado. O botón Mostrar todos, mostra os marcadores de tódas as loca.lizacións. No botón Volver, vólvese ao menú principal.

Ao premermos no marcador vermello, accedemos á información asociada a esa localización:

2. Na opción Otras localizaciones, accédese a outro mapa con localizacións fóra da cidade e, mesmo, na ría:

O funcionamento é idéntico ao xa explicado. Se prememos no marcador vemos a información:

3. No botón SJVV accédese a web da Sociedade Jules Verne de Vigo.

4. Na opción Vídeo, cárgase o video Verne and Vigo, producido por Gciencia e elaborado por Eduardo Rolland.

Esta app está feita coa ferramenta aberta APP Inventor 2, desenvolvida polo Instituto Tecnolóxico de Massachusetts (MIT). Polo momento so é posible crear apps para dispositivos móbiles con sistema operativo Android e non para IOS. Fontes do MIT anuncian a próxima creación dun Inventor para IOS, pero aínda non está dispoñibel.

Para descargar a app, cómpre ler o seguinte código QR co lector do móbil e seguir as instruccións:

A app ten a garantía de seguridade da Sociedade Jules Verne de Vigo, pero durante o proceso de instalación, é posible que o móbil amose alertas de perigo xa que non é unha app procedente ta tenda oficial de Google ou Samsung ou calquera outra.

Licencia de Creative Commons

Texto e imágenes bajo una licencia de Creative Commons Reconocimiento-NoComercial-CompartirIgual 4.0 Internacional.

A SJVV na cadea SER

O día 12 de marzo de 2021, a cadea SER emitiu o seu programa matinal Hoy por hoy, dirixido pola periodista Ángels Barceló, desde o MARCO de Vigo. O programa contou con dous ilustres vernianos: Domingo Villar e Eduardo Rolland.

Domingo Villar asistiu ao programa na súa cualidade de escritor de gran éxito e vigués expatriado. Domingo explicou como a pandemia obligouno a espaciar as súas frecuentes visitas á nosa cidade desde o seu domicilio en Madrid. O que máis bota de menos é o olor do mar e o son das gaivotas.

Eduardo Rolland, presidente da Sociedade foi interpelado sobre a relación de Verne con Vigo. En palabras da periodista Barceló, é coñecido por un púbico amplo o capítulo da novela 20 000 leguas… dedicado á ría de Vigo. Pero o que non é tan coñecido e a presenza de Verne en Vigo por dúas veces. Eduardo contou detalles desas visitas. A razón de que entrara na ría na súa primeira visita por mor dun temporal. Tivo a sorte de atopar unha cidade en festas que o agasallou como a gran persoaxe mundial que era.

A periodista sinalou o contraste entre Villar e Verne. Domingo sitúa as súas historias en lugares que coñece perfectamente, mentras que Verne pode situar a acción en calquera lugar do mundo. Por que precisamente Vigo?, quixo saber a periodista. A resposta está no escándalo que saltou á prensa da época da estafa relacionada coa busca do tesouro de Rande.

Podedes seguir o programa na seguinte ligazón. A intervneción de Villar comeza en 2h 14 min, e a de Rolland en 2h 28 min.

https://cadenaser.com/programa/2021/03/12/hoy_por_hoy/1615524450_058815.html

A Sociedade Jules Verne de Vigo navega con España Directo tras a pista do Nautilus

Guiamos ao xornalista Xoán Leiro nunha reportaxe pola ría de Vigo seguindo a pegada da batalla de Rande, o Nautilus e as visitas do escritor

A Sociedade Jules Verne de Vigo guiou a un equipo de Televisión Española para seguir a pista do Nautilus do capitán Nemo pola ría de Vigo, nunha reportaxe especial do programa España Directo, gravada e emitida o pasado luns 6 de xullo de 2020.

Eduardo Rolland acompañou ao xornalista Xoán Leiro nesta viaxe a bordo do buque El Audaz, que navevgou polos escenarios da batalla de Rande e visitou na illa de San Simón a estatua dedicada ao capitán Nemo.

5fc2ffa5-cc3b-4dac-9d2a-26f424210848

O veleiro era unha edición limitada, estilo  ketch, ou  queche, construído nos prestixiosos estaleiros ingleses  Moody no ano 1974. Ten unha eslora de 44 pés, unha manga de 4 metros e un puntal de 3 metros. Leva montado un motor  diesel  Perkins de 67 CV e dispón de 2 mastros que lle permiten navegar coas #ver  génova, maior e  mesana.

Ao longo de 10 etapas percorre nas súas reportaxes 100 leguas mariñas (300 millas náuticas) desde Vigo ata Camariñas. E a de Vigo estivo centrada na relación entre o escritor nantés e a cidade olívica.

Aquí podes ver o programa:

https://www.rtve.es/alacarta/videos/espana-directo/espana-directo-06-07-20/5618856/?t=52m22s

A  Sociedade Jules Verne de Vigo, asociación cultural fundada no ano 2012 para estudar e difundir a relación entre o escritor e a cidade, colabora de novo con TVE, que xa no ano 2019 fixo unha reportaxe especial en España Directo sobre este tema.

Ademais, tamén no ano 2019, a prestixiosa canle europea ARTE TV realizou un documental sobre Jules Verne e Vigo na que participaron membros da nosa Sociedade, como a escritora Ledicia Costas, o historiador Antonio Giráldez Lomba e o xornalista Eduardo Rolland.

2c0e7584-a197-4c55-8ac8-0fc82fc18fcc