O capitán Nemo acode puntual á súa cita anual

Conmemoramos o 157 aniversario da entrada do Nautilus na ría de Vigo

O sábado 15 de febreiro celebramos a tradicional lectura do oitavo capítulo da segunda parte da novela «20000 leguas baixo os mares» de Jules Verne. En dito capítulo tivo lugar a entrada na ría do submarino Nautilus capitaneado por Nemo o día 18 de febreiro de 1868.

O acto foi presentado polo presidente da SJVV, Eduardo Rolland e contou coa presenza do portavoz do goberno municipal, Carlos López Font, en representación do concello de Vigo.

A mañá presentouse ventosa pero sen chuvia, polo que a reunión de vernianos puido desenvolverse de xeito moi lucido.

Cómpre salientar a presenza dos amigos da asociación Virazón, encabezados polo seu presidente Antonio Iglesias, e do colectivo poético Desafiando Sombras, que interpretaron fragmentos da lectura en xaponés, alemán, italiano, francés, castelán e galego. Agradecémoslle profundamente a súa colaboración que supón un realce engadido para este evento.

A celebración de este ano 2025 é a primeira do que podemos chamar «ciclo congresual de Vigo», pois, despois do IV Congreso Internacional Verniano delebrado en Cartaxena de Indias, Colombia, en 2024, o próximo será o V Congreso en Vigo no ano 2028.

Máis vídeos aquí: https://photos.google.com/share/AF1QipMZXITm660aT4iCnGr9Mzl2EKRYejzwHDbpyakAC8JpPtKVT9dqprLlSXigD9K8gA?key=ZC1VRXdacm5PS0xsNmhYVk56TUpQWDlCS1N3eDZB

Unha viaxe extraordinaria ao metaverso inmersivo de Verne

O noso socio e intrépido aventureiro cibernético, o profesor @RamonSuarez_, desprazouse a Barcelona para explorar a exposición inmersiva e interactiva JULES VERNE 200, e nos envía esta apaixonante crónica:

Segundo a organización, JULES VERNE 200 é a primeira produción de experiencia inmersiva en gran formato sobre literatura e ciencia, estreada mundialmente en IDEAL Centro de Artes Digitales de Barcelona e que continuará a súa xira mundial hasta 2028 (coincidindo co 200 aniversario do nacimento de Verne).

A experiencia conta con salas expositivas con paneis tradicionais, salas inmersivas 3D de máis de 1.000 m2 de pantalla, experiencias de realidade virtual, intelixencia artificial interactiva, e un innovador metaverso META-VERNE por el que se pode pasear presencialmente por as novelas máis populares de Verne, como “Viaxe ao centro da Terra”, “20 000 leguas baixo dos mares”, “A volta ao mundo en 80 días”, “Robur o conquistador” e “Da Terra á Lúa», entre outras.

O noso intrépido explorador tamén aproveitou para disfrutar das curiosidades Steampunk, literarias e gastronómicas de Barcelona.

Mobilis in mobili

 

O capitán Nemo regresa a Vigo

A Sociedade Jules Verne de Vigo conmemora o 156 aniversario da entrada do Nautilus na ría de Vigo

Un ano mais, celebramos a entrada do submarino Nautilus na ría de Vigo, ocorrida o 18 de febreiro de 1868 na ficción, segundo o capítulo VIII da segunda parte da inmortal obra do autor francés ‘20000 leguas baixo dos mares’.

O acto, que se desenvolveu o 17 de febreiro, comezou ante o monumento a Jules Verne no paseo das Avenidas de Vigo, diante do Real Club Náutico, pasadas as 12.30 horas, coa presenza do concelleiro de Cultura, Gorka Gómez, en representación do Concello de Vigo.

Nunha fermosa mañá, deuse lectura ao capítulo ‘A baía de Vigo’ da devandita novela por parte de numerosos vernianos e afeccionados. Á parte dos socios da SJVV, cómpre salientar a presenza de membros da asociación de navegantes Virazón e da asociación Hermérico, así como do colectivo poético Desafiando Sombras. Agradecémoslles a súa colaboración.

Nesta edición introducíronse novidades no acto respecto a anos anteriores. Ademais da lectura dun fragmento en francés, léronse outros fragmentos en italiano, alemán e xaponés por cortesía dos membros do colectivo Desafiando Sombras. Foi un xeito de resaltar que o autor nantés é un dos máis traducidos de toda a historia da literatura.

Outra novidade foi a lectura dos párrafos doutras novelas nas que o autor cita a cidade e a ría. Concretamente, ‘A illa misteriosa’, ‘Mistress Branican’, ‘Marabillosas aventuras de Antifer’ e ‘Aventuras dun neno irlandés’.

Cando estamos a pouco menos de dous meses e medio do IV Congreso Internacional Verniano de Colombia e a catro anos do V Congreso que se celebrará en Vigo, a Sociedade Jules Verne de Vigo segue a traballar para divulgar a obra e a relación con Vigo deste autor monumental.

A continuación tedes unha galería de imaxes e, ao final, un video do acto.

Un ‘Café con Verne’ a bordo do histórico buque ‘Hidria II’

O noso socio José Garabatos guiou unha inesquecíbel actividade verniana no Porto de Vigo

O histórico buque alxibe «Hidria II» acolleu este sábado 7 de outubro no Porto de Vigo a actividade «Café con Verne», organizada pola nosa Sociedade Jules Verne de Vigo no marco de Semana Azul convocada polo Clúster Náutico e a Autoridade Portuaria viguesa.

O noso socio José Garabatos guiou unha tarde inesquecible na que os participantes puideron percorrer a historia das dúas visitas de Jules Verne a Vigo en 1878 e 1884, o capítulo «A baía de Vigo» da novela «20.000 legugas baixo dos mares» ou as mencións que á ría viguesa ou ás illas Cíes fai o escritor nantés ao longo da súa obra, un traballo de investigación que Garabatos presentou recentemente, nunha obra editada pola nosa asociación cultural.

O buque ‘Hidria II’, amarrado no Porto de Vigo, xunto ao edificio de VigoCultura, acolleu esta cita, na que a adega do navío pasou a ser un salón de actos no que, nun ambiente participativo, foron desgranados os grandes fitos da relación entre Verne e a cidade olívica.

Ao remate da charla, os participantes disfrutaron dun café na cuberta do ‘Hidria II’ e posteriormente visitaron un buque da Armada e fixeron unha visita guiada ao observatorio submarino «Nautilus«, que permite observar a rica fauna mariña baixo das aguas do propio porto vigués.

Verne ‘regresa’ á illa de San Simón

A Sociedade Jules Verne de Vigo participa no I Encontro da Asociación de Navegantes de Galicia «Virazón»

Jules Verne visitou a enseada de San Simón no ano 1878, no decurso da súa primeira visita á cidade de Vigo. No estreito de Rande, foi convidado a mergullarse nos fondos da ría viguesa para contemplar cos seus propios ollos os pecios dos galeóns afundidos na batalla de Rande de 1702, onde o capitán Nemo se fornece dos tesouros que financian as aventuras do submarino Nautilus, tal e como narra na novela «20.000 leguas baixo dos mares». Agora, máis de século e medio despois, Verne «regresou» a San Simón, co gallo do I Encontro da Asociación de Navegantes de Galicia «Virazón», que convidou á Sociedade Jules Verne de Vigo a participar para divulgar a estreita relación entre o novelista nantés e a ría viguesa.

Eduardo Rolland e Julio Ástor no decurso da charla en San Simón.

Eduardo Rolland e Julio Ástor no decurso da charla en San Simón.

O encontro desenvolveuse na fin de semana do sábado 9 e domingo 10 de setembro, cunha serie de actividades na illa situada no fondo da ría de Vigo, que incluiron diversas actividades culturais, como un curso de fotografía de paisaxes, outro de primeiros auxilios e emerxencias para navegantes, e outro obradoiro de astronomía. Dende a SJVV agradecemos a asociación «Virazón» a súa acollida, na que participaron catro socios da nosa entidade: Julio Ástor, José Garabatos, Ángel Pérez Giráldez e Eduardo Rolland. Nunha charla divulgativa, coa proxección de audiovisuais, achegaron datos para lembrar as dúas visitas de Verne a Vigo ou as fontes que inspiraron ao escritor francés para dedicar un capítulo de «20.000 leguas» á «Baía de Vigo».

Ademais, aproveitamos para facer un roteiro guiado pola histórica illa de San Simón, que foi sucesivamente ao longo da historia sede de mosteiros medievais onde cantaron os grandes trovadores da lingua galega, un lazareto destinado no século XIX á corentena dos grandes buques, unha cadea durante a posguerra civil ou un orfanato, para se converter agora nun lugar de cultura e memoria. Fronte á illa de San Simón, podemos contemplar o monumento dedicado ao capitán Nemo, situado na propia ría e que emerxe e queda mergullado co efecto das mareas. Tamén, a praca que representa ao Nautilus e lembra a relación entre Verne e Vigo.

Dende a Sociedade Jules Verne de Vigo quedamos a disposición da Asociación de Navegantes «Virazón» tras este exitoso encontro e agradecemos a súa amabilidade.

Unha viaxe gastronómica por «A volta ao mundo en 80 días»

O Museo MEGA de Estrella de Galicia acolleu unha maridaxe entre cervexa e cociñas do mundo da man de Jules Verne

O Museo MEGA de Estrella Galicia na Coruña acolleu este venres 21 de xullo de 2023 un evento co gallo do sesquicentenario da publicación da novela «A volta ao mundo en 80 días», un acto no que os participantes viviron unha maridaxe entre cervexas de diversas partes do planeta con cociñas diferentes, seguindo as distintas estapas vividas por Phileas Fogg na novela inesquecible de Jules Verne.

O acto contou coa colaboración da Sociedade Jules Verne de Vigo, cuxo presidente, Eduardo Rolland, narrou para os asistentes diferentes anécdotas relacionadas coa novela verniana. As 60 entradas que o MEGA da Coruña puxo á venda cun mes de anticipación esgotáronse en poucos días e o recinto viviu un cheo absoluto. O percorrido gastronómico e narrativo incluiu cervexas tan exóticas como unha xaponesa, producida con arroz, unha variedade ‘Steam’ da costa Oeste dos Estados Unidos, ou as variadades India Pale Ale características das que se producían na Inglaterra victoriana para dar servizo ás colonias na India.

O evento foi armado cun guion sobre diferentes etapas da novela de Verne, partindo de Londres para avanzar por Europa ata o sur de Italia, atravesar a canle de Suez e seguir cara á India, Xapón, Estados Unidos e de novo a Inglaterra, tras pasar por Irlanda.

Esta actividade lúdica neste cabodano da obra de Verne amosa as infinitas posibilidades que o mundo verniano ten para actualizarse e a organización da cervexeira Estrella Galicia, que foron os impulsores do acto, pensan repetilo e levalo a diferentes puntos de España nun futuro.