Día de ler a Verne 2024

O día 8 de febreiro de 2024 cumpríronse 196 anos do nacemento do autor francés. Como ven sendo habitual, a Sociedad Hispánica Jules Verne, SHJV, convoca aos afeccionados a unha xornada de homenaxe lendo algunha das súas obras.

Este ano, celebrouse un acto especial na Biblioteca Arús de Barcelona, coa participación dos ilustres vernianos e membros da SHJV Pasqual Bernat, Eugeni Pérez e Joaquim Albert. Os dous primeiros son, tamén, membros da Sociedade Jules Verne de Vigo.

Aquí unha ligazón ao video da xornada: https://www.youtube.com/watch?v=PijoF8gUPNg

Por outra banda, no IES Castelao de Vigo tivo lugar unha actividade escolar para celebrar este día, por iniciativa de Sara Alonso, profesora e verniana. Parabéns.

Resumo do ano 2023

Día de Ler a Verne (7, 8 e 9 de febreiro)

Un ano mais, a Sociedad Hispánica Jules Verne convocou o Día de ler a Verne conmemorando a data de nacemento do autor francés. A nosa sociedade SJVV colabora con esta iniciativa desde o ano 2019. Este ano volveuse a celebrar de xeito virtual a través dunha plataforma ofrecida polo ilustre investigador e coleccionista Jean-Michel Margot.

Pola nosa banda, celebramos, tamén, o día no IES Castelao baixo o impulso dos socios e profesores Sara Alonso e Antonio Giráldez.

Lectura de ‘A baía de Vigo’ ante o monumento a Verne (25 de febreiro)

Unha gran xornada de homenaxe a Jules Verne e á súa relación con Vigo. Coa participación do alcalde de Vigo, Abel Caballero, e da concelleira de Normalización Lingüística, Uxía Blanco, a nosa Sociedade Jules Verne de Vigo celebrou o sábado 25 de febreiro de 2023 o 155 aniversario da efeméride literaria da entrada do submarino Nautilus do capitán Nemo en 1868 na ría de Vigo, segundo o capítulo ‘A baía de Vigo’ da novela ’20.000 leguas baixo dos mares’. Foi todo un éxito a xornada de lectura pública do capítulo ante o monumento ao escritor no Náutico.

Presentación de «Vigo na obra de Jules Verne», editado pola SJVV (9 de maio)

A Sociedade Jules Verne de Vigo presentou o martes 9 de maio o estudo “Vigo na obra de Jules Verne. Máis aló das 20000 leguas”, froito do traballo de investigación realizado por un dos socios e membro da directiva desta asociación cultural, José Garabatos, quen analizou todas as novelas e relatos escritos polo autor de Nantes, para descubrir varias mencións á cidade, á súa ría e ás illas Cíes que ata o de agora eran descoñecidas. O acto de presentación tivo lugar na Biblioteca da Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo.

A publicación de traballos sobre Verne é un dos obxectivos desta asociación cultural, que xa editou no ano 2019 unha edición facsímile do capítulo “A baía de Vigo” da novela “20.000 leguas baixo dos mares”, cando se cumpriron 150 anos da súa publicación. Tamén publicamos no ano 2021 a primeira tradución ao galego da obra “Unha fantasía do doutor Ox”, relato de Verne que foi traducido pola nosa socia a filóloga Tamara Aymerich.

O mítico grupo Guns N’ Roses escolle a Verne para o seu concerto en Vigo (12 de xuño)

A banda estadounidense fixo un cartel con axuda de Jules Verne. O luns 12 de xuño tivo lugar un multitudinario concerto de Guns N’ Roses no estadio Balaídos de Vigo.

Unha viaxe gastronómica por «A volta ao mundo en 80 días» (21 de xullo)

O Museo MEGA de Estrella Galicia na Coruña acolleuo venres 21 de xullo de 2023 un evento co gallo do sesquicentenario da publicación da novela «A volta ao mundo en 80 días», un acto no que os participantes viviron unha maridaxe entre cervexas de diversas partes do planeta con cociñas diferentes, seguindo as distintas estapas vividas por Phileas Fogg na novela inesquecible de Jules Verne.

O acto contou coa colaboración da Sociedade Jules Verne de Vigo, cuxo presidente, Eduardo Rolland, narrou para os asistentes diferentes anécdotas relacionadas coa novela verniana. As 60 entradas que o MEGA da Coruña puxo á venda cun mes de anticipación esgotáronse en poucos días e o recinto viviu un cheo absoluto.

Verne ‘regresa’ á illa de San Simón (9 e 10 de setembro)

Jules Verne visitou a enseada de San Simón no ano 1878, no decurso da súa primeira visita á cidade de Vigo. No estreito de Rande, foi convidado a mergullarse nos fondos da ría viguesa para contemplar cos seus propios ollos os pecios dos galeóns afundidos na batalla de Rande de 1702, onde o capitán Nemo se fornece dos tesouros que financian as aventuras do submarino Nautilus, tal e como narra na novela «20.000 leguas baixo dos mares». Agora, máis de século e medio despois, Verne «regresou» a San Simón, co gallo do I Encontro da Asociación de Navegantes de Galicia «Virazón», que convidou á Sociedade Jules Verne de Vigo a participar para divulgar a estreita relación entre o novelista nantés e a ría viguesa.

O encontro desenvolveuse na fin de semana do sábado 9 e domingo 10 de setembro, cunha serie de actividades na illa situada no fondo da ría de Vigo, que incluiron diversas actividades culturais, como un curso de fotografía de paisaxes, outro de primeiros auxilios e emerxencias para navegantes, e outro obradoiro de astronomía. Dende a SJVV agradecemos a asociación «Virazón» a súa acollida, na que participaron catro socios da nosa entidade: Julio Ástor, José Garabatos, Ángel Pérez Giráldez e Eduardo Rolland. Nunha charla divulgativa, coa proxección de audiovisuais, achegaron datos para lembrar as dúas visitas de Verne a Vigo ou as fontes que inspiraron ao escritor francés para dedicar un capítulo de «20.000 leguas» á «Baía de Vigo».

Un ‘Café con Verne’ a bordo do histórico buque ‘Hidria II’ (6 de outubro)

O histórico buque alxibe «Hidria II» acolleu o venres 6 de outubro no Porto de Vigo a actividade «Café con Verne», organizada pola nosa Sociedade Jules Verne de Vigo no marco de Semana Azul convocada polo Clúster Náutico e a Autoridade Portuaria viguesa.

O noso socio José Garabatos guiou unha tarde inesquecible na que os participantes puideron percorrer a historia das dúas visitas de Jules Verne a Vigo en 1878 e 1884, o capítulo «A baía de Vigo» da novela «20.000 legugas baixo dos mares» ou as mencións que á ría viguesa ou ás illas Cíes fai o escritor nantés ao longo da súa obra, un traballo de investigación que Garabatos presentou recentemente, nunha obra editada pola nosa asociación cultural.

Un roteiro tras os pasos de Verne (7 de outubro)

Un roteiro para seguir os pasos de Jules Verne en Vigo. Tal foi a proposta que, o pasado sábado 7 de outubro, organizou a nosa Sociedade Jules Verne de Vigo ao abeiro da Semana Azul, a cita cultural impulsada polo Clúster Náutico e a Autoridade Portuaria de Vigo.

O paseo literario foi guiado polo presidente da SJVV, o xornalista Eduardo Rolland, quen relatou aos participantes as dúas visitas de Verne a Vigo, en 1878 e 1884, ademais de contemplar o escenario da ría de Vigo onde se librou en 1702 a célebre Batalla de Rande, que enfrontou a unha escadra combinada franco-española, cunha anglo-holandesa, tal e como se relata no capítulo titulado ‘A baía de Vigo’ da inmortal obra «20.000 leguas baixo dos mares».

MOBILIS IN MOBILI

Un roteiro tras os pasos de Verne

A Sociedade Jules Verne de Vigo organizou un exitoso paseo pola cidade seguindo a pegada do escritor e guiado por Eduardo Rolland

Un roteiro para seguir os pasos de Jules Verne en Vigo. Tal foi a proposta que, o pasado sábado 7 de outubro, organizou a nosa Sociedade Jules Verne de Vigo ao abeiro da Semana Azul, a cita cultural impulsada polo Clúster Náutico e a Autoridade Portuaria de Vigo.

O paseo literario foi guiado polo presidente da SJVV, o xornalista Eduardo Rolland, quen relatou aos participantes as dúas visitas de Verne a Vigo, en 1878 e 1884, ademais de contemplar o escenario da ría de Vigo onde se librou en 1702 a célebre Batalla de Rande, que enfrontou a unha escadra combinada franco-española, cunha anglo-holandesa, tal e como se relata no capítulo titulado ‘A baía de Vigo’ da inmortal obra «20.000 leguas baixo dos mares».

Do mesmo xeito que o capitán Nemo trae ao submarino Nautilus á ría de Vigo nesa pasaxe da novela, os participantes no roteiro pudieron viaxar aos grandes fitos da relación entre Jules Verne e Vigo.

O paseo contou coa participación de dúas ducias de persoas e hai que salientar que, por desgraza, a nosa asociación tivo que limitar o aforo e descartar ducias de solicitudes máis que non podían ser atendidas nesta ocasión para facilitar o decurso da actividade. En sucesivas rutas no futuro esperamos poder satisfacer a forte demanda para participar neste roteiro.

O paseo literario comezou no cume do monte do Castro, na histórica fortaleza do século XVII que domina os outeiros da cidade de Vigo. Dende alí, contemplamos o escenario da batalla de Rande e lembramos que Verne, nas súas dúas estadías na cidade, subía practicamente todos os días para contemplar as vistas, o cal anotou nos seus cadernos de viaxe, loubando a paisaxe da ría viguesa.

Tamén continuamos polo antigo Campo de Granada, onde se celebraban as festas de Vigo nas datas nas que o escritor nantés visitou a cidade no século XIX. E, tras percorrer algúns recunchos do Casco Vello, rematamos na estatua dedicada a Verne no paseo das Avenidas, xunto ao Náutico de Vigo, que é un dos monumentos más fotografados da cidade, convertido xa en todo un símbolo vigués.

Un ‘Café con Verne’ a bordo do histórico buque ‘Hidria II’

O noso socio José Garabatos guiou unha inesquecíbel actividade verniana no Porto de Vigo

O histórico buque alxibe «Hidria II» acolleu este sábado 7 de outubro no Porto de Vigo a actividade «Café con Verne», organizada pola nosa Sociedade Jules Verne de Vigo no marco de Semana Azul convocada polo Clúster Náutico e a Autoridade Portuaria viguesa.

O noso socio José Garabatos guiou unha tarde inesquecible na que os participantes puideron percorrer a historia das dúas visitas de Jules Verne a Vigo en 1878 e 1884, o capítulo «A baía de Vigo» da novela «20.000 legugas baixo dos mares» ou as mencións que á ría viguesa ou ás illas Cíes fai o escritor nantés ao longo da súa obra, un traballo de investigación que Garabatos presentou recentemente, nunha obra editada pola nosa asociación cultural.

O buque ‘Hidria II’, amarrado no Porto de Vigo, xunto ao edificio de VigoCultura, acolleu esta cita, na que a adega do navío pasou a ser un salón de actos no que, nun ambiente participativo, foron desgranados os grandes fitos da relación entre Verne e a cidade olívica.

Ao remate da charla, os participantes disfrutaron dun café na cuberta do ‘Hidria II’ e posteriormente visitaron un buque da Armada e fixeron unha visita guiada ao observatorio submarino «Nautilus«, que permite observar a rica fauna mariña baixo das aguas do propio porto vigués.

Verne ‘regresa’ á illa de San Simón

A Sociedade Jules Verne de Vigo participa no I Encontro da Asociación de Navegantes de Galicia «Virazón»

Jules Verne visitou a enseada de San Simón no ano 1878, no decurso da súa primeira visita á cidade de Vigo. No estreito de Rande, foi convidado a mergullarse nos fondos da ría viguesa para contemplar cos seus propios ollos os pecios dos galeóns afundidos na batalla de Rande de 1702, onde o capitán Nemo se fornece dos tesouros que financian as aventuras do submarino Nautilus, tal e como narra na novela «20.000 leguas baixo dos mares». Agora, máis de século e medio despois, Verne «regresou» a San Simón, co gallo do I Encontro da Asociación de Navegantes de Galicia «Virazón», que convidou á Sociedade Jules Verne de Vigo a participar para divulgar a estreita relación entre o novelista nantés e a ría viguesa.

Eduardo Rolland e Julio Ástor no decurso da charla en San Simón.

Eduardo Rolland e Julio Ástor no decurso da charla en San Simón.

O encontro desenvolveuse na fin de semana do sábado 9 e domingo 10 de setembro, cunha serie de actividades na illa situada no fondo da ría de Vigo, que incluiron diversas actividades culturais, como un curso de fotografía de paisaxes, outro de primeiros auxilios e emerxencias para navegantes, e outro obradoiro de astronomía. Dende a SJVV agradecemos a asociación «Virazón» a súa acollida, na que participaron catro socios da nosa entidade: Julio Ástor, José Garabatos, Ángel Pérez Giráldez e Eduardo Rolland. Nunha charla divulgativa, coa proxección de audiovisuais, achegaron datos para lembrar as dúas visitas de Verne a Vigo ou as fontes que inspiraron ao escritor francés para dedicar un capítulo de «20.000 leguas» á «Baía de Vigo».

Ademais, aproveitamos para facer un roteiro guiado pola histórica illa de San Simón, que foi sucesivamente ao longo da historia sede de mosteiros medievais onde cantaron os grandes trovadores da lingua galega, un lazareto destinado no século XIX á corentena dos grandes buques, unha cadea durante a posguerra civil ou un orfanato, para se converter agora nun lugar de cultura e memoria. Fronte á illa de San Simón, podemos contemplar o monumento dedicado ao capitán Nemo, situado na propia ría e que emerxe e queda mergullado co efecto das mareas. Tamén, a praca que representa ao Nautilus e lembra a relación entre Verne e Vigo.

Dende a Sociedade Jules Verne de Vigo quedamos a disposición da Asociación de Navegantes «Virazón» tras este exitoso encontro e agradecemos a súa amabilidade.

Unha viaxe gastronómica por «A volta ao mundo en 80 días»

O Museo MEGA de Estrella de Galicia acolleu unha maridaxe entre cervexa e cociñas do mundo da man de Jules Verne

O Museo MEGA de Estrella Galicia na Coruña acolleu este venres 21 de xullo de 2023 un evento co gallo do sesquicentenario da publicación da novela «A volta ao mundo en 80 días», un acto no que os participantes viviron unha maridaxe entre cervexas de diversas partes do planeta con cociñas diferentes, seguindo as distintas estapas vividas por Phileas Fogg na novela inesquecible de Jules Verne.

O acto contou coa colaboración da Sociedade Jules Verne de Vigo, cuxo presidente, Eduardo Rolland, narrou para os asistentes diferentes anécdotas relacionadas coa novela verniana. As 60 entradas que o MEGA da Coruña puxo á venda cun mes de anticipación esgotáronse en poucos días e o recinto viviu un cheo absoluto. O percorrido gastronómico e narrativo incluiu cervexas tan exóticas como unha xaponesa, producida con arroz, unha variedade ‘Steam’ da costa Oeste dos Estados Unidos, ou as variadades India Pale Ale características das que se producían na Inglaterra victoriana para dar servizo ás colonias na India.

O evento foi armado cun guion sobre diferentes etapas da novela de Verne, partindo de Londres para avanzar por Europa ata o sur de Italia, atravesar a canle de Suez e seguir cara á India, Xapón, Estados Unidos e de novo a Inglaterra, tras pasar por Irlanda.

Esta actividade lúdica neste cabodano da obra de Verne amosa as infinitas posibilidades que o mundo verniano ten para actualizarse e a organización da cervexeira Estrella Galicia, que foron os impulsores do acto, pensan repetilo e levalo a diferentes puntos de España nun futuro.

O mítico grupo Guns N’ Roses escolle a Verne para o seu concerto en Vigo

A banda estadounidense fai publicidade coa axuda de Jules Verne

O luns 12 de xuño tivo lugar un multitudinario concerto de Guns N’ Roses no estadio Balaídos de Vigo. Poucos días despois de que os vigueses viviran unha xornada de sufrimento con final feliz (o Celta evitou o descenso), o famoso grupo de rock alegrou a noite aos afeccionados (ao rock, claro).

Na sua conta oficial de Instagram (https://www.instagram.com/gunsnroses/) e no seu twitter (https://twitter.com/gunsnroses), o grupo creou este chamativo cartel baseado na estatua do autor francés das avenidas.

Non cabe dúbida que esa estatua se atopa entre os máis representativos símbolos desta cidade. Noraboa e grazas a Axl Rose e compañeiros polo concerto e pola sabia elección de símbolos.

Presentación de «Vigo na obra de Jules Verne», editado pola SJVV

A Sociedade Jules Verne de Vigo presentou o estudo realizado por José Garabatos

Consigue o teu exemplar premendo aquí.

A Sociedade Jules Verne de Vigo presentou o martes 9 de maio o estudo “Vigo na obra de Jules Verne. Máis aló das 20000 leguas”, froito do traballo de investigación realizado por un dos socios e membro da directiva desta asociación cultural, José Garabatos, quen analizou todas as novelas e relatos escritos polo autor de Nantes, para descubrir varias mencións á cidade, á súa ría e ás illas Cíes que ata o de agora eran descoñecidas. O acto de presentación tivo lugar na Biblioteca da Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo.

Entre as novas citas agora descubertas atópase unha mención ás illas Cíes na novela “Marabillosas aventuras de Antifer”, publicada en 1894, cando Verne xa visitara Vigo en dúas ocasións, en 1878 e 1884. Neste texto, o escritor relata como o protagonista, na súa navegación, “deixou a babor a baía de Vigo e os tres picos que sinalan a súa entrada”.

Ata o de agora, as mencións recoñecidas de Vigo na obra de Verne eran o inmortal capítulo “A baía de Vigo”, da novela “20.000 leguas baixo dos mares”, na que o capitán Nemo entra na ría para rescatar a bordo do submarino Nautilus os tesouros mergullados da batalla de Rande de 1702. Tamén volve falar de Vigo na novela “A illa misteriosa”. Pero as novas mencións agora atopadas aparecen en novelas como “Mistress Branican” ou “O soberbio Orinoco” ou “Aventuras dun neno irlandés”.

A publicación de traballos sobre Verne é un dos obxectivos desta asociación cultural, que xa editou no ano 2019 unha edición facsímile do capítulo “A baía de Vigo” da novela “20.000 leguas baixo dos mares”, cando se cumpriron 150 anos da súa publicación. Tamén publicamos no ano 2021 a primeira tradución ao galego da obra “Unha fantasía do doutor Ox”, relato de Verne que foi traducido pola nosa socia a filóloga Tamara Aymerich.

Ademais, a Sociedade Jules Verne de Vigo vén de ser designada para organizar o V Congreso Mundial Jules Verne, que se celebrará na nosa cidade no ano 2028, nunha data emblemática, pois coincide co segundo centenario do nacemento do escritor francés. O Congreso Mundial Jules Verne reúne a expertos de todo o mundo e o de Vigo sucederá ao IV Congreso, que se celebrará o vindeiro ano 2024 e Cartaxena de Indias (Colombia). A SJVV xa traballa para que a cita internacional viguesa sexa todo un éxito e Vigo poida acoller a gran comunidade verniana mundial, que segue a mover millóns de persoas interesadas na súa obra, que segue vixente mesmo a través do cinema, as series, o cómic, os videoxogos ou as adaptacións noveladas, nun caso singular senón único na historia da literatura pola súa perseverancia no tempo e a súa popularidade.

Este traballo pon de manifesto a especial relación do autor francés con esta cidade e esta ría. Esa relación xustifica a decisión da Sociedad Hispánica Jules Verne de celebrar o V Congreso Internacional Jules Verne, precisamente, en Vigo.

Lectura de ‘A baía de Vigo’ ante o monumento a Verne

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, presidiu o acto organizado pola nosa Sociedade Jules Verne de Vigo

Unha gran xornada de homenaxe a Jules Verne e á súa relación con Vigo. Coa participación do alcalde de Vigo, Abel Caballero, e da concelleira de Normalización Lingüística, Uxía Blanco, a nosa Sociedade Jules Verne de Vigo celebrou este sábado 25 de febreiro de 2023 o 155 aniversario da efeméride literaria da entrada do submarino Nautilus do capitán Nemo en 1868 na ría de Vigo, segundo o capítulo ‘A baía de Vigo’ da novela ’20.000 leguas baixo dos mares’. Foi todo un éxito a xornada de lectura pública do capítulo ante o monumento ao escritor no Náutico.

O acto comezou ante o monumento da Jules Verne no paseo das Avenidas de Vigo, diante do Real Club Náutico, pasadas as 12.30 horas, e ademais dos socios da SJJV, participaron outros moitos cidadáns que quixeron participar na xornada festiva, onde lembramos as inesquecibles verbas do capitán Nemo: «Neste intre atopámonos na mesma baía de Vigo e só de vostede depende descobrir os seus segredos».

A Sociedade Jules Verne de Vigo é unha asociación cultural, inscrita no Rexistro do Concello de Vigo e da Xunta de Galicia, fundada no ano 2012 e que ten por obxectivo reivindicar a estreita relación entre o escritor nantés e a cidade de Vigo, evidenciada no propio capítulo ‘A baía de Vigo’ de 20.000 leguas baixo dos mares, como tamén nas dúas visitas que o autor cursou á cidade olívica nos anos 1878 e 1884, nas que pasou varios días para se converter ‘nun vigués máis’.

Entre as actividades da SJVV está a organización deste acto, diversos encontros e foros celebrados ou a publicación de obras divulgativas ou traducións ao galego de traballos de Verne. Podes consultar a actividade da Sociedade Jules Verne de Vigo na súa páxina web: www.vigoverne.com

Ademais, Vigo organizará no ano 2028 o V Congreso Internacional Jules Verne, que coincidirá co Bicentenario do escritor e que recollerá a testemuña do cuarto congreso, que se celebrará en 2024 en Cartaxena de Indias, en Colombia.

A decisión foi anunciada pola Sociedade Hispánica Jules Verne (SHJV), organización internacional que reúne a expertos de máis dunha vintena de países relacionados co autor francés e que convocou os tres primeiros congresos internacionais en Barcelona (2013), A Habana (Cuba, 2017) e o último en 2021 en Palma de Mallorca, no que participaron varios membros da Sociedade Jules Verne de Vigo (SJVV). A organización do congreso farase conxuntamente co traballo tanto da SHJV como da SJVV, que comparten a algúns dos seus socios.

“El V Congreso, para marcar el 200 aniversario del nacimiento de Jules Verne en 2028, regresa a Europa y se celebrará en la ciudad de Vigo, en España”, explicou no seu anuncio a SHJV.

Dúas razóns apuntan a que Vigo fose elixida como sede para a cita mundial máis importante nos estudos do universo Verne, un autor que segue vixente cando están a piques de cumprirse dous séculos do seu nacemento en Nantes en 1828. Dunha parte, a propia existencia da Sociedade Jules Verne de Vigo, asociación cultural que conta cunha vintena de socios e socias relacionadas co mundo da ciencia, a educación, a universidade, a edición ou a cultura. Doutra banda, no éxito da candidatura foi decisiva a estreita relación entre Jules Verne e Vigo, posta de relevo nos últimos anos pola SJVV. Verne visitou Vigo en dúas ocasións, en 1878 e 1884, en dúas estancias de varios días nas que chegou a bordo do seu luxoso iate o ‘Saint Michel III’. Ademais, o escritor fixo á ría de Vigo protagonista dunha das súas máis importantes novelas, todo un clásico recoñecido mundialmente como é ’20.000 leguas baixo dos mares’. Nesta novela dedica todo un capítulo titulado ‘A baía de Vigo’ á batalla de Rande de 1702 e ao rescate dos seus tesouros polo capitán Nemo a bordo do submarino Nautilus.

O V Congreso Internacional Jules Verne reunirá, como vén sendo habitual nas tres edicións anteriores celebradas, a expertos mundiais na figura do escritor francés, coa presentación de novos estudos sobre a súa obra e legado. No último congreso, celebrado en Palma de Mallorca, participaron estudosos de Canadá, Colombia, Estados

Unidos, Francia, Noruega, Alemaña, Italia, Perú, Arxentina, Croacia e España. A Sociedade Jules Verne de Vigo xa está a traballar para que este vindeiro Congreso Internacional sexa todo un éxito, nunha data tan emblemática como é a do bicentenario do escritor.

Resumo do ano 2022

Adeus a Domingo Villar

O ano 2022, a Sociedade Jules Verne de Vigo estivo de loito polo pasamento do noso socio e amigo Domingo Villar.

O gran escritor vigués era membro da SJVV, dende a que defendeu grandes proxectos como a recreación do Nautilus a escala real

Domingo Villar (Vigo, 1971) faleceu o 18 de maio de 2022, tras sufrir un accidente vascular. Villar, en nome da nosa  Sociedade Jules Verne de Vigo, chegou a reunirse co alcalde Abel Caballero en agosto de 2021 para presentar o proxecto, no que poderían participar estaleiros locais para emprazar a réplica do submarino nun lugar emblemático de Vigo de xeito que se convertese nun atractivo turístico. Tanta ilusión tiña o noso prezado Domingo Villar neste proxecto que tamén o levou ás ondas a través do programa máis escoitado da radio en España, o matinal ‘Hoy por hoy’ da Cadena Ser, onde presentou a súa idea para todo o país ante a xornalista Angels Barceló.

Día de Ler a Verne

O 8 de febreiro celébrase o Día de Ler a Verne, conmemorando a data do nacemento do escritor. Nesta data, a SHJV organiza unha xornada de lectura nunha plataforma online proporcionada por Jean-Michel Margot. Asistiron virtualmente varios socios vigueses.

Pola nosa banda, tamen celebramos esa efeméride no IES Castelao co impulso dos profesores e vernianos Sara Alonso, Antonio Giráldez e Julio Ástor.

Presentación dunha nova edición das Vinte mil leguas

O día 15 de febreiro asistimos á presentación dunha nova edición de «20000 leguas baixo dos mares». Trátase dunha edición facsimilar da edición de Editorial Sopena de 1935. Además inclúe o texto La escuadra de plata, do que fora cronista oficial da cidade de Vigo na década anterior á guerra civil española, Avelino Rodríguez Elías. Finalmente tamén inclúe un prólogo de Francisco Vázquez, bibliófilo, vernófilo, exalcalde de A Coruña e exembaixador de España no Vaticán.

O acto foi presentado polo noso presidente Eduardo Rolland, e contou coa presenza do escritor e catedrático de Literatura José María Paz Gago, da presidenta da Diputación Provincial de Pontevedra e Teniente de alcalde de Vigo Carmela Silva, o prologuista Francisco Vázquez e o alcalde de Vigo Abel Caballero.

Conmemoramos a chegada do Nautilus

Un ano máis, a Sociedade Jules Verne de Vigo, celebra a efeméride do 18 de febreiro diante da estatua do escritor francés nas avenidas coa asistencia de numerosos vernianos. Ese día de 1868, o submarino Nautilus, ao mando do capitán Nemo e co profesor Aronnax, o seu asistente Conseil e o arpoador Ned Land a bordo, entra na ría de Vigo. O sábado 19 de febreiro, ás 13 horas, un nutrido grupo de afeccionados e amigos da SJVV, demos lectura ao capítulo no que se refire ese feito. Contamos coa asistencia, en representación do Concello de Vigo, da Concelleira de Normalización Lingüística, Uxía Blanco

A Librería Solidaria AIDA de Vigo organiza unhas xornadas de Verne

A librería Solidaria AIDA, situada na rúa Ecuador 45 en Vigo, organizou durante o mes de abril unhas xornadas dedicadas a Jules Verne. Durante esas semanas, seleccionaron centos de libros en diversas edicións das obras do autor de Nantes, que se poideron adquirir ao prezo de 1 euro, e entre as que se inclúen publicacións en castelán, galego e portugués,  algunhas delas de coleccións inesquecibles como as de  Bruguera, Molino ou Plaza y Janés.

A librería solidaria AIDA en Vigo é atendida por voluntarias e voluntarios desta ONG que desenvolve proxectos solidarios tanto no estado español como en países como Marrocos, Guinea  Bissau, Senegal, Vietnam, Líbano ou Bangladesh.

‘Verne e o Cine’ con ‘Cinemanicomio’ en vivo

O centro comercial Vialia de Vigo acolleu un programa en directo, o 28 de agosto, coa participación da Sociedade Jules Verne de Vigo. Tres horas para falar de cine e de Jules Verne, en vivo e diante do público que se quixo achegar á xornada en directo de Cinemanicomio, o programa para tolos do cinema que dirixen Dani Lorenzo e o Doctor Frusna, e que ten a súa populosa canle en Twicht, cunha chea de seguidores, ademais de en Youtube. Esta xornada contou co presidente da nosa Sociedade Jules Verne de Vigo, Eduardo Rolland, para facer unha viaxe extraordinaria a través da obra verniana e do seu indubidábel impacto na historia do cinema.

Na procura do tesouro de Jules Verne

Jules Verne, e a súa relación coa ría de Vigo, volveu ser protagonista coa saída náutica organizada pola Asociación de Navegantes Virazón. O vicepresidente da nosa Sociedade Jules Verne de Vigo, o historiador Antonio Giráldez Lomba, ofreceu o sábado 5 de novembro, na inauguración da xornada de lecer, unha breve charla divulgativa na que os participantes puideron recordar a importancia do capítulo ‘A baía de Vigo’, que o escritor nantés dedica á batalla de Rande e á nosa ría, así como as dúas visitas que Verne realizou a Vigo, en 1878 e 1884.

O ano 2023 preséntase moi ilusionante para a Sociedade, unha vez que as restricións da pandemia parecen quedar atrás.

MOBILIS IN MOBILI