A nosa Sociedade Jules Verne de Vigo celebrou a chegada do Nautilus do capitán Nemo á ría viguesa
Como é tradición dende o primeiro acto, celebrado no 2012, a nosa asociación cultural celebrou este sábado 21 de febreiro de 2026, a lectura pública do capítulo ‘A baía de Vigo’ ante a estatua de Jules Verne nos xardíns das Avenidas, no porto de Vigo, xunto ao Real Club Náutico. Preto dun cento de persoas participaron no acto, lendo o texto en galego, así como en castelán e diferentes idiomas como xaponés, alemán, inglés, francés, portugués e, por vez primeira, en outras dúas linguas do Estado: o asturiano e o leonés.

O colectivo cultural Desafiando Sombras volveu colaborar coa nosa Sociedade Jules Verne de Vigo coa participación de varios dos seus membros na lectura noutros idiomas. Tamén contamos coa honra de disfrutar da lectura de Verne en leonés grazas á asociación cultural Faceira. Na xornada, nunha solleira mañá de finais do inverno, participou tamén a concelleira de Educación do Concello de Vigo, Olga Alonso, quen dirixiu unhas palabras ao comezo do acto, transmitindo o saúdo do alcalde aos participantes.

De acordo coa novela, o Nautilus entrou na ría o 18 de febreiro de 1868. Cumpríanse, por tanto, 158 anos dese evento. Compre salientar que no 160 aniversario da entrada do submarino e 200 aniversario do nacemento de Verne, é dicir, no ano 2028, celebrarase en Vigo o V Congreso Internacional Verniano, organizado pola Sociedad Hispánica Jules Verne, coa colaboración da nosa SJVV. Vigo converterase, entón, na capital mundial do universo verniano.

