Un ano máis, a Sociedade Jules Verne de Vigo, celebra a efeméride do 18 de febreiro diante da estatua do escritor francés nas avenidas coa asistencia de numerosos vernianos. Ese día de 1868, o submarino Nautilus, ao mando do capitán Nemo e co profesor Aronnax, o seu asistente Conseil e o arpoador Ned Land a bordo, entra na ría de Vigo. Os feitos son relatados no oitavo capítulo da segunda parte da novela Vinte mil leguas baixo dos mares. O submarino dirixíase cara a Rande para encher a súa caixa cos tesouros dos galeóns afundidos en 1702.
Dez anos despois, en 1878, produciríase a primeira visita real do escritor a bordo do seu iate Saint Michel III, pasando uns memorables catro días na nosa cidade.
Este sábado 19 de febreiro, ás 13 horas, un nutrido grupo de afeccionados e amigos da SJVV, demos lectura ao capítulo dito. Contamos coa asistencia, en representación do Concello de Vigo, da Concelleira de Normalización Lingüística, Uxía Blanco, que desculpou a presenza do alcalde que se atopaba no acto de homenaxe aos mortos e desaparecidos no afundimento do barco Villa de Pitanxo
Este sábado 19 de febreiro de 2022 festexamos a efeméride literaria da entrada do submarino Nautilus do capitán Nemo en 1868 na ría de Vigo, segundo o capítulo ‘A baía de Vigo’ da novela ’20.000 leguas baixo dos mares’, de Jules Verne. Achégate e participa coa Sociedade Jules Verne de Vigo na lectura pública do capítulo ante o monumento ao escritor no Náutico.
O martes 15 de febreiro presentouse no MARCO de Vigo unha nova edición da novela Vinte mil leguas baixo dos mares.
Trátase dunha edición facsimilar da edición de Editorial Sopena de 1935. Además inclúe o texto La escuadra de plata, do que fora cronista oficial da cidade de Vigo na década anterior á guerra civil española, Avelino Rodríguez Elías. Finalmente tamén inclúe un prólogo de Francisco Vázquez, bibliófilo, vernófilo, exalcalde de A Coruña e exembaixador de España no Vaticán.
O acto foi presentado polo noso presidente Eduardo Rolland, e contou coa presenza do escritor e catedrático de Literatura José María Paz Gago, da presidenta da Diputación Provincial de Pontevedra e Teniente de alcalde de Vigo Carmela Silva, o prologuista Francisco Vázquez e o alcalde de Vigo Abel Caballero.
Este ano tivemos dous actos para conmemorar esta data.
Por unha banda, no IES Castelao, e co impulso dos profesores e vernianos Sara Alonso, Antonio Giráldez e Julio Ástor. celebráronse varias sesións de achegamento á figura e á obra de Verne, con grupos de ESO na biblioteca e con 1º de Bacharelato no Paraninfo. Pensamos que serviron para espertar ou afianzar o interese polo escritor internacional, tan vencellado á nosa cidade.
Por outra banda,participamos na convocatoria internacional de lectura virtual promovida pola SHJV, vía Zoom, cortesía do ilustre coleccionista, investigador e erudito verniano Jean-Michel Margot.
Finalmente, o III Congreso de Palma de Mallorca vai poder desenvolverse dun xeito mixto, presencial e virtual.
A Sociedade Jules Verne de Vigo estará representada polas ponencias presentadas por Jesús Souza Troncoso e Eduardo Rolland Etchevers.
No caso de Jesús Souza, trátase de Nota sobre las Ciencias Naturales en la obra de Julio Verne. Eduardo Rolland presentará Verne sigo XXI. Datos y gráficos para la cartografía de su popularidad.
Desexámoslles aos dous éxito nas súas comunicaciones; éxito que parece garantido dado o interese dos temas que tratarán e a recoñecida solvencia dos ponentes.
Tal como estaba previsto, celebrouse a presentación da primeira edición en galego de Unha fantasía do doutor Ox. O acto tivo lugar na magnífica hemeroteca da Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo, o mércores 28 de abril ás oito da tarde. A presencia de público pode considerarse satisfactoria na actual situación sanitaria. O cumprimento do protocolo COVID foi estrito, polo que agradecemos a paciencia e comprensión dos asistentes.
O acto foi presentado polo presidente da Sociedade Jules Verne de Vigo, o xornalista Eduardo Rolland que repasou brevemente a traxectoria da nosa sociedade e a actual estreita colaboración coa Sociedad Hispánica Jules Verne.
A continuación, Jose Garabatos, na sua cualidade de responsable das relacións entre ambas sociedades, a hispánica e a viguesa, explicou a xestación do proxecto por parte da SHJV e a posterior colaboración da SJVV.
A obra presentada, a versión en galego, forma parte dun ambicioso proxecto da SHJV consistente na publicación por primeira vez de traducións da versión orixinal en francés deste relato curto. En efecto, as traducións ás linguas hispánicas, por unha ou outra razón, nunca respectaron o orixinal verniano de 1872. Ou ben, se trataba da tradución dun orixinal francés manipulado de 1874, ou ben se trataba dunha tradución «libre» que duplicaba a lonxitude do orixinal. Deste modo, a SHJV respecta por primeira vez a intención do autor francés. A obra da sociedade hispánica inclúe a tradución a sete linguas do estado español: castelán, catalán, éuscaro, aragones, aranés, asturiano e galego.
A nosa sociedade presenta, a modo de separata, a versión en galego. Neste caso, trátase da primeira tradución absoluta.
Seguidamente, Rolland presentou a tradutora, Tamara Aymerich, doutoranda no grupo de Tradución e Paratradución da Universidade de Vigo e Mestrado en Profesorado de Secundaria e Bacharelato. A parte da súa actividade académica, exerce profesionalmente de tradutora e intérprete. Entre as súas traducións publicadas atópanse: ‘O mago de Oz’ e ‘Drácula’, publicados por Baia, La niñita de la vocecita, Textos seleccionados, Horas contadas, Fuerzas Opuestas e Los invasores de Marte. Tamara salientou algúnas aspectos do seu traballo. O francés anticuado do século XIX e os numerosos términos técnicos e científicos, foron probablemente as maiores dificultades.
Os socios da SJVV ou da SHJV e amigos vernianos en xeral poderán adquirir esta obra nesta web: (https://vigoverne.com/contacto/) ou, proximamente, na libreria viguesa Versus, Rúa de Venezuela, 80.
Mércores 28 de abril de 2021 ás 20:00 na bibioteca da Escola Municipal de Artes e Oficios. Rúa García Barbón número 5 de Vigo.
A Sociedade Jules Verne de Vigo presentará a primeira tradución ao galego desta novela curta verniana.
Esta edición forma parte dun ambicioso proxecto de colaboración da SJVV coa Sociedad Hispánica Jules Verne e o seu selo editorial, Ediciones Paganel. Trátase da publicación deste texto en sete linguas faladas no territorio do estado español. Como froito desa colaboración preséntase esta tradución ao galego a modo de separata.
A obra orixinal foi publicada por Verne en 1872 e gozou de gran éxito. Pouco despois, houbo unha segunda versión en francés en 1874 con importantes variacións respecto ao orixinal. A maior parte das traducións baséanse na versión modificada de 1874. En castelán, a única traducción baseada na versión de 1872 contiña graves adulteracións. O proxecto da SHJV rescata fielmente a versión orixinal, sendo a primeira vez, por tanto, que se respeta a intención de Verne. No caso do galego é a primeira tradución de calquera versión.
A autora da tradución, Tamara Aymerich Correa, é doutoranda no grupo de Tradución e Paratradución da Universidade de Vigo e Mestrado en Profesorado de Secundaria e Bacharelato. A parte da súa actividade académica, exerce profesionalmente de tradutora e intérprete. Entre as súas traducións publicadas atópanse: ‘O mago de Oz’ e ‘Drácula’, publicados por Baia, La niñita de la vocecita, Textos seleccionados, Horas contadas, Fuerzas Opuestas e Los invasores de Marte.
Por mor do protocolo COVID, o aforo é limitado. Rógase aos interesados en asistir á presentación que o comuniquen á SJVV no correo info@vigoverne.com.
Jules Verne soñou cun mundo global, onde o avance da tecnoloxía e das comunicacións puxera en contacto aos humanos de todo o planeta. Ese mundo xa está aquí, e trae tamén o seu reverso de leccións difíciles, como a pandemia do coronavirus que tanta dor espallou por todo o mundo neste 2020. Malia as dificultades para manter unha axenda pública ou realizar distintas actividades, para a Sociedade Jules de Verne de Vigo non foi un ano perdido. Malia as dificultades, a nosa asociación cultural tamén soubo traballar arreo. Este é o noso resumo do 2020, cunha arela de superación e azos para o 2021.
Chega aos institutos a edición facsímile de ‘A baía de Vigo’
Comezamos o ano 2020, cos ecos da nosa edición do facsímile do capítulo ‘A baía de Vigo’, publicado fai 150 anos no ‘Magasin d’Éducation et de Récréation’ . O capítulo da novela ’20.000 leguas baixo dos mares’, de Jules Verne, é un dos principais desta obra, unha das máis populares e traducidas da historia en todo o mundo, e trae ao submarino Nautilus do capitán Nemo ata a ría de Vigo para rescatar os tesouros da batalla de Rande. A finais do 2019 presentamos a nosa edición nun acto na Biblioteca da Escola de Artes e Oficios. E no 2020 fixemos un traballo de divulgación da obra. Entre outros destinatarios, foi entregadas ás bibliotecas de todos os institutos de ensino secundario de Vigo.
Celebramos en Vigo o Día de Ler a Verne
O 7 de febreiro de 2020, na véspera do día do nacemento do escritor, celebramos en Vigo o Día de Ler a Verne, unha iniciativa que xorde da Sociedade Hispánica Jules Verne, coa que a nosa Sociedade Jules Verne de Vigo comparte fortes ligazóns e unha idea común. Este ano, a celebración contou coa inestimable colaboración da Biblioteca Pública Municipal Xosé Neira Vilas e do seu infatigable persoal. O acto consistiu nunha lectura de textos de Verne por parte de alumnos e alumnas do Colexio de Educación Infantil e Primaria O Pombal de Vigo.A organización do práctica do evento correu a cargo do noso prezado verniano o físico José Garabatos, quen fixo un formidable traballo para coordinar a acción. O presidente da SJVV, Eduardo Rolland, explicou aos nenos e nenas a relevancia mundial de Verne e a especial relación do autor coa nosa cidade de Vigo. Cidade que foi visitada en dúas ocasións en 1878 e en 1884 polo autor, a bordo do seu iate; e que, ademais, adquire un especial protagonismo na novela 20 000 leguas baixo dos mares, pois o Capitán Nemo, ao mando do Nautilus entra na ría en procura dos tesouros de Rande.Os nenos son alumnos e alumnas de 5º de Primaria e teñen en torno a 10 ou 11 anos de idade. Para a lectura adaptáronse textos extraidos de dúas novelas. En primeiro lugar, dos capítulos de A illa misteriosa nos que os protagonistas atopan ao Capitán Nemo e que, dalgún xeito, pechan a historia deste personaxe que quedara sen rematar en 20 000 leguas baixo dos mares. En segundo lugar, dos capítulos de 20 000 leguas… nos que se explica a batalla de Rande.A lectura foi iniciada pola ilustre verniana Marisé Pérez Mariño e continuada por todos os nenos e nenas alí presentes. Tamén participaron algúns adultos, incluíndo profesores, amigos e persoal da biblioteca.Foi unha experiencia moi gratificante na que se apreciaba que os nenos tiñan preparado previamente a actividade e viñan cun coñecemento do autor, das novelas e dos sucesos de Rande realmente apreciables. Parabéns ao profesorado do CEIP Pombal.Grazas ao persoal da Bibioteca Pública Municipal Neira Vilas pola sua eficaz colaboración.
Estrea en Canal Arte do documental internacional sobre Jules Verne e Vigo Un equipo do prestixioso canal cultural de TV franco-alemán visitou a cidade olívica a mediados de setembro de 2019 para atopar nela as pegadas de Jules Verne. O documental foi estreado o pasado 19 de febreiro en versión francesa e alemá. Anúncianse as versións en español, inglés, italiano e polaco. Pódese ver neste link:https://www.arte.tv/fr/videos/091152-038-A/invitation-au-voyage/Membros da Sociedade Jules Verne de Vigo guían ás cámaras polas Cíes e pola cidade. O historiador Antonio Giráldez Lomba, leva a acción ao Museo do Mar e a lugares emblemáticos como a escultura de José Molares fronte ao Real Club Náutico.A escritora Ledicia Costas pasea con Canal Arte polos mesmos escenarios que pisou Verne nas súas dúas visitas á cidade. Xa non está o café Suizo, desaparecido da rúa do Príncipe, pero sí toman café na praza da Constitución, como tamén facía Verne en ámbalas dúas estancias. Ademais, a novelista viguesa é entrevistada ante un dos murales do plan Vigo Vertical, o que representa a Verne, situado na avenida da Florida.Nas ilas Cíes, Eduardo Roland guía as cámaras na pegada na area dos grandes personaxes que pisaron o noso arquipélago: Xulio César, o caudillo vikingo Olaf Haraldson ou o corsario Francis Drake. Tamén especulan literariamente con que a illa de Faro é a mesma illa misteriosa da novela na que Verne revela a verdadeira identidade do capitán Nemo donde o Nautilus remata os seus días.
Estrea da Scape Room ‘El secreto de Verne’
A Sociedade Jules Verne de Vigo colaborou na creación da primeira Scape Room Virtual sobre a relación entre Verne e Vigo. Trátase de ‘El secreto de Verne’, estreado pola empresa galega GALIGAMES, á que os socios da SJVV asesoran de xeito desinteresado, con grande interese por un xeito diferente e novidoso de comunicar o mundo verniano e achegarse especialmente as xeracións máis novas.
Aprazado o III Congreso Internacional Verniano
Unha mala noticia para o 2020 foi o aprazamento do III Congreso Internacional Verniano, que estaba previsto para Palma de Mallorca primeiro no mes de abril e, posteriormente, no mes de novembro deste ano. As restricións derivadas da pandemia do coronavirus impediron manter esta axenda, polas dificultades para as viaxes. A Sociedade Jules Verne de Vigo tiña prevista a súa participación, a través dunha comunicación de Eduardo Rolland titulada ‘Verne e Vigo, cartografía da súa popularidade’, ademais da presenza confirmada do noso socio José Garabatos. Ademais, hai que destacar moi especialmente que o grande organizador deste Congreso, o ilustre verniano mallorquín Nicolás Moragues, ademais de pertencer á diretiva da Sociedade Hispánica Jules Verne, é tamén socio da nosa SHJV. Tamén por esta razón todos os vernianos e vernianas de Vigo sentimos especialmente a mágoa por este aprazamento, despois do enorme traballo que desenvolveu o noso incansable compañeiro Nicolás. Na nova cita, prevista agora para novembro de 2021, alí estaremos varios socios e socias da SJVV, con máis participación aínda que na primeira convocatoria.
España Directo dedica un especial a Verne e Vigo en TVE
A Sociedade Jules Verne de Vigo guiou a un equipo de Televisión Española para seguir a pista do Nautilus do capitán Nemo pola ría de Vigo, nunha reportaxe especial do programa España Directo, gravada e emitida o pasado luns 6 de xullo de 2020.Eduardo Rolland acompañou ao xornalista Xoán Leiro nesta viaxe a bordo do buque El Audaz, que navevgou polos escenarios da batalla de Rande e visitou na illa de San Simón a estatua dedicada ao capitán Nemo.
Colaboracions coas grandes iniciativas da SHJV traducións e cartografía de Verne
Neste 2020, a Sociedade Jules Verne de Vigo colaborou con algunhas das grandes iniciativas culturais que desenvolve a Sociedade Hispánica Jules Verne, en cuxas actividades estamos integrados. Entre elas, hai que salientar a tradución ao galego da obra Doutor Ox, a cargo da filóloga Tamara Aymerich, quen xa participou en varias reunións da SJVV e ingresará como socia de pleno dereito neste 2021. Tamén destacamos a participación no Gran Atlas Verniano que recollerá as localizacións de todas as obras de Verne. Varios dos nosos socios fixeron contribucións para catalogar estas obras. Para rematar, está en marcha a tradución de dúas obras de teatro de Verne, a cargo das nosas prezadas Manón Funes e Stella Maris González.
Novos socios da SJVV No 2020, a Sociedad Jules Verne de Vigo incorporou novos socios, aos que damos a benvida á nosa asociación cultural. Tras as incorporacións no 2019 da filóloga Clara Liz Losada, da pedagoga Marisé Pérez Mariño e do escritor Domingo Villar. Este ano incorporamos a ilustre verniano Nicolás Moragues González, que tamén pertence á directiva da Sociedade Hispánica Jules Verne. E demos tamén a benvida a tres novos socios: Jesús Souza Troncoso, Stella Maris González Balbuena e Ramón Suárez Alonso. Benvidos todos e todas! E con azos por un 2021 cheo de novas arelas
Agora comeza un 2021 cheo de novas arelas. Dende a Sociedade Jules Verne de Vigo, cremos que xuntos poderemos vivir un gran novo ano.
Eugeni Pérez, destacado membro da Sociedad Hispánica Jules Verne, pon a disposición de todos os aficionados tres novas coleccións de cromos: Cinco semanas en globo, La isla misteriosa, La vuelta al mundo en ochenta días e Un capitán de quince años.
A Sociedade Jules Verne de Vigo súmase á campaña internacional do Día de Ler a Verne, unha iniciativa que naceu da Sociedad Hispánica Jules Verne e que hoxe reúne a colectivos vernianos en todo o mundo en torno á data do 8 de febreiro, cabodano do nacemento do escritor de Nantes.
En Vigo, a nosa sociedade deseñou para este ano 2020 un acto na Biblioteca Pública Neira Vilas, cuxa colaboración agradecemos, que consistirá nunha lectura de pasaxes senlleiras da novela ‘A illa Misteriosa’, coa participación de alumnos de Sexto Curso de Primaria do Colexio Público Pombal.
O acto terá lugar na propia biblioteca este venres 7 de febreiro, a partir das 10.00 horas e incluirá unha charla sobre a estreita relación Verne e Vigo, cidade que visitou en dúas ocasións co seu iate ‘Saint Michel III’, e á que dedicou un sobranceiro capítulo da súa novela ‘20.000 leguas baixo dos mares’.
O acto e a lectura de Verne faranse en galego, unha das linguas ás que foi traducida a obra do escritor francés. Así, contaremos coa edición do ano 2017 da editorial Edicións Xerais de Galicia de ‘A illa misteriosa’. Ademais, haberá a proxección dun audiovisual sobre a relación de Verne con Vigo, que sirva aos estudantes para familiarizarse con este aspecto da historia da súa cidade.