Vigo le a Verne

Este sábado 21 de febreiro, ás 12:30 diante da estatua de Jules Verne nas Avenidas de Vigo, terá lugar o xa tradicional acto de homenaxe ao autor francés, aberto a todos os públicos.

Como ven sendo habitual desde 2012, ano da fundación da Sociedade Jules Verne de Vigo, farase unha lectura pública do capítulo oitavo da magna novela verniana «20000 leguas baixo dos mares». Ese capítulo oitavo titúlase «A baía de Vigo» e narra a entrada do submarino Nautilus, ao mando do capitán Nemo na ría, para abastecerse de ouro e outras riquezas procedentes dos galeóns afundidos no estreito de Rande na batalla de 1702.

A lingua principal da lectura é o galego, pero desde hai algúns anos vemos introducindo pequenos fragmentos noutras linguas do estado e de fóra. Este ano están confirmadas o asturiano, leonés e castelán como linguas españolas, e o alemán, francés, italiano e xaponés, como linguas estranxeiras. É probable a inclusión do catalán e do inglés. A variedade de linguas fai honor ao feito de ser o autor de Nantes o segundo máis traducido da historia da literatura.

De acordo coa novela, o Nautilus entrou na ría o 18 de febreiro de 1868, cúmprense, por tanto, 158 anos dese evento.

Compre salientar que no 160 aniversario da entrada do submarino e 200 aniversario do nacemento de Verne, é dicir, no ano 2028, celebrarase en Vigo o V Congreso Internacional Verniano, organizado pola Sociedad Hispánica Jules Verne, coa colaboración da nosa SJVV. Vigo converterase, entón, na capital mundial do universo verniano.

Mobilis in Mobili.

Deja un comentario