A nosa Sociedade Jules Verne de Vigo organizou unha charla didáctica e un roteiro verniano para o alumnado do CPI Cova Terreña
Estudantes de institutos de Baiona e Pornic participaron nunha charla didáctica e un roteiro verniano organizados pola nosa Sociedade Jules Verne de Vigo (SJVV) como un xeito de trasladar a estreita relación entre o escritor nantés e a ría viguesa. As vilas de Baiona e Pornic (Francia) están irmandadas e fan intercambios de alumnado con estadías nos dous centros educativos e residencia con familias de ambos os dous institutos. Así que este ano 2025 pediron á nosa SJVV dúas actividades que exemplificasen a relación entre elas. Sen dúbida, o personaxe común era Verne, quen non só visitou a ría de Vigo en dúas ocasións, en 1878 e 1884, senón que trouxo aquí ao submarino Nautilus do capitán Nemo para rescatar os tesouros mergullados da batalla de Rande de 1702. Por outra banda, Pornic é un importante porto situado preto de Nantes, a vila natal de Verne, onde por certo unha asociación cultural senlleira construiu unha réplica do ‘Saint Michel II’, o segundo iate que tivo o escritor francés.

Os nosos socios José Garabatos e Julio Ástor ofreceron primeiramente unha charla para alumnado de Primaria sobre os inventos e a tecnoloxía na obra de Verne. Seguidamente, unha semana máis tarde, o alumnado da ESO tanto de Baiona como os visitantes de Pornic puideron realizar en Vigo un roteiro verniano, no que percorrimos a fortaleza do Castro, o monumento aos galións de Rande, a Alameda, o Casco Vello, o Real Club Náutico e o hotel Universal para rematar ante o monumento a Verne no paseo das Avenidas.
Ambas as dúas xornadas foron un novo xeito de reivindicar a relación entre Verne e Vigo, desta volta cun alumnado internacional, tanto de Baiona como da vila de Pornic, na terra natal do autor de «20000 leguas baixo dos mares».
