O artista urbano Antonio Barbará ‘Powone’ enche as súas paredes de motivos dedicados ao capitán Nemo e o Nautilus de ‘20000 leguas’
O remodelado aparcamento da Laxe, a poucos metros da escultura dedicada a Jules Verne fronte ao Porto de Vigo, loce agora unha espectacular decoración dedicada ao escritor nantés e aos protagonistas da novela «20000 leguas baixo dos mares», na que un capítulo titulado «A badía de Vigo» trae ao submarino Nautilus do capitán Nemo ata a ría viguesa para rescatar os tesouros mergullados dos galeóns da batalla de Rande de 1702.

Nas fotos realizadas pola nosa socia Judit Nogueiras, podemos ver esta actuación, que é obra do artista urbano vigués Antonio Barbará ‘Powone’, quen atopou en Verne a mellor inspiración para decorar os accesos a este céntrico parking, situado fronte ao edificio do Real Club Náutico de Vigo, enfronte do lugar onde fondeou o iate ‘Saint Michel III’, nas dúas visitas que o novelista fixo á cidade viguesa nos anos 1878 e 1884.

O propio capitán Nemo está representado nun dos muros, mentres que noutro aparece Jules Verne, fronte a un ollo de boi dende o que se observa a ría de Vigo. Tampouco falta a imaxe do ‘kraken’ que atacou o submarino Nautilus na novela verniana, así como imaxes mariñas diversas, nas que predomina a cor azul.

Powone destaca por ser o responsable da sección de graffiti do festival do Marisquiño, onde na última edición abordou o tema de ‘20.000 leguas baixo dos mares’, para facer homenaxe á estreita relación entre Verne e Vigo, cidade que visitou en dúas ocasións e que fixo protagonista da súa obra. Dende a nosa asociación cultural, a Sociedade Jules Verne de Vigo, dedicada a promocionar a estreita relación entre Verne e a cidade olívica, queremos felicitar a Powone polo seu traballo, nun espazo emblemático, onde tamén a moi poucos metros está dispoñible o visor submarino ‘Nautilus’, que permite contemplar os fondos da ría viguesa.











