O Capitán de Corveta José Manuel Piñero e o presidente da SJVV, Eduardo Rolland, falaron «Do Nautilus aos submarinos modernos»
Unha viaxe no tempo dende o submarino ‘Nautilus’ do capitán Nemo ata os modernos submarinos que sucan os mares. Organizada pola Asociación Virazón, coa colaboración da nosa Sociedade Jules Verne de Vigo, este venres 22 de novembro de 2024, tivo lugar no salón de Actos da Autoridade Portuaria viguesa unha conferencia conxunta co Capitán de Corveta José Manuel Piñero Álvarez, vigués, quen foi oficial de navegación e comandante no S-74 Tramontana e, posteriormente, oficial de comunicacións e xefe de operacións no S-73 Mistral, e actualmente, tras realizar o Curso de Estado Maior no Joint Services Command and Staff College do Reino Unido, destinado na Sección de Submarinos do Estado Maior da Armada. Na súa compaña, falou Eduardo Rolland, en calidade de presidente da Sociedade Jules Verne de Vigo.

A charla, titulada «150 anos de viaxe submarina», contou cunha grande participación, cun salón de actos totalmente completo, e foi repasando os fitos do submarino Nautilus que ideou Verne na súa novela «20.000 leguas baixo dos mares» e que trouxo á ría viguesa no capítulo titulado «A baía de Vigo», no que os mergulladores do capitán Nemo rescatan os tesouros afundidos cos galeóns na Batalla de Rande de 1702.

A experiencia do capitán Piñero como comandante do submarino S74 Tramontana permitiunos coñecer a experiencia da a bordo destas embarcacións no século XXI, en contraste co Nautilus do capitán Nemo creado pola imaxinación literaria de Verne.

Fronte á imaxinación verniana, o capitán Piñero ilustrou aos asistentes coa actualidade dos submarinos en todo mundo, cos seus grandes fitos tecnolóxicos, que demostraron que o novelista nantés acertou en moitas das súas predicións sobre o futuro destes navíos, aínda que fallou en moitas outras, unhas relativas a vida a bordo, o subministro de osíxeno, a propulsión, a fonte de enerxía ou o equipamento técnico.

Dende a Sociedade Jules Verne de Vigo queremos agradecer á nosa prezada asociación de navegantes Virazón a organización deste acto, no que foi un pracer colaborar e que supuxo unha interesante achega científica e verniana a unha das grandes obras da literatura universal.

