Oitoponencias de membros da Sociedade Jules Verne de Vigo foron presentadas no evento mundial en Cartaxena de Indias
A Sociedade Jules Verne de Vigo participou no IV Congreso Internacional Jules Verne, celebrado en Cartaxena de Indias (Colombia), con oito ponencias, uns traballos de investigación realizados por outros tantos socios e socias da nosa asociación cultural e que tentan achegar novas aportacións á historia do escritor nantés e á súa relación coa cidade olívica.
Tres socios da SJVV desprazáronse ata Colombia e participaron no Congreso, presentando as súas investigacións ante o plenario. Foron José Garabatos, Nicolás Moragues e Jesús Souza Troncoso. Pola súa banda, outros cinco asociados presentaron as súas comunicacións por videoconferencia: Pasqual Bernat, Gabriel Romero de Ávila, Julio Ástor, Stella Maris González Balbuena e Eduardo Rolland.

O catedrático da Universidade de Vigo e membro da nosa Sociedade Jules Verne, Jesús Souza Troncoso, presentou a súa ponencia «La fauna del Faro fin del mundo». José Garabatos expuso a súa investigación «Anticipaciones de un pasmarote que se comporta como un ganso». Nicolás Moragues presentou «El Museo Naval de Julio Verne». Pola súa parte, Gabriel Romero de Ávila expuso o seu traballo titulado «Las influencias literarias del joven Verne», mentres que Julio Ástor dictou unha conferencia titulada «Cinco semanas en globo y los exploradores que lo hicieron posible». Pola súa banda, Stella Maris González Balbuena amosou ao plenario os seus esclarecedores traballos sobre a poesía de Jules Verne coa súa ponencia de investigación «Jules Verne, poeta». Pasqual Bernal falou da «Presencia de la botánica y el mundo vegetal en 20KVS». Finalmente, Eduardo Rolland presentou o seu traballo «Jules Verne e Emilia Pardo Bazán», conectando a ambos os dous autores.
Hai que sinalar que a nosa Sociedade Jules Verne de Vigo é unha asociación cultural irmá da Sociedad Hispánica Jules Verne, de tal feito que a meirande parte dos nosos socios e socias pertencen tamén a asociación hispánica. Tamén queremos felicitar de xeito especial á organización dende Colombia e, moi afectuosamente, ao presidente da SHJV, Ariel Pérez, cuxa dedicación é sabiduría é sempre a mellor guía no noso traballo. Asemade, queremos destacar a gran labor feita por Nicolás Moragues, secretario e fundador da SHJV, que en cada cita internacional sempre foi a alma que permitiu o perfecto funcionamento de cada engranaxe da maquinaria congresual.

O IV Congreso Internacional Jules Verne celebrado en Colombia en 2024 sucede aos xa realizados en Barcelona 2012, La Habana 2016 e Palma de Mallorca 2021. O vindeiro congreso mundial será o quinto, que coincidirá co 200 aniversario do nacemento de Jules Verne e terá como a súa sede Vigo.
Dende este momento, a Sociedade Jules Verne de Vigo comeza xa a traballar para que o Congreso Mundial Jules Verne de Vigo 2028 sexa un éxito, e que podamos recibir a comunidade verniana mundial cun evento que deixe unnha lembranza imborrábel.
