Jose Garabatos, secretario da nosa Sociedade, clausurou cunha conferencia a exposición ‘Verne e as xeociencias’
O secretario da Sociedade Jules Verne de Vigo, Jose Garabatos, ofreceu o pasado xoves 12 de marzo unha conferencia titulada «Verne, ciencia e ficción», coa que foi clausurada a exposición «Verne e as xeociencias» que, dende o 19 de febreiro, estivo aberta no Centro Comercial A Laxe, organizada polo Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) e que contou coa colaboración da nosa asociación cultural.
Garabatos, nunha interesante charla, fixo repaso dalgunhas das máis senlleiras novelas de Jules Verne e puxo en dúbida o carácter anticipador do escritor nantés, ao tempo que foi amosando como moitos dos inventos e adiantos técnicos que aparecen nos seus traballos, de feito xa eran unha realidade no seu propio tempo.
Verne, ávido lector de xornais e revistas científicas e divulgativas na súa época, logrou integrar estes adiantos nas súas novelas, así como a xeografía que avanzaba a grandes pasos na segunda metade do século XX.

A conferencia de Garabatos marcou a clausura da mostra organizada polo Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), que aproveitou a relación entre a ciencia e o escritor francés para crear unha exposición titulada «Explorar a Terra: unha viaxe con Verne e as xeociencias», que tras a súa estrea en Madrid viaxou ata Vigo para estar aberta ao público no Centro Comercial A Laxe. O noso consocio Ricardo Prego, científico no CSIC, fixo as xestións necesarias para traer esta iniciativa divulgativa á nosa cidade.
A mostra propoñía un percorrido pola obra de JulesVerne para destacar o papel fundamental das xeociencias na comprensión e solución dos grandes desafíos que afronta a Humanidade. O cambio climático, a transición enerxética ou riscos naturais como os tsunamis e as erupcións volcánicas eran algúns dos restos abordados nos nove paneis que compoñían esta mostra, acompañada de vídeos complementarios aos que se podía acceder mediante códigos QR.
