A exposición organizada polo CSIC conta coa colaboración da nosa Sociedade Jules Verne de Vigo e estará ata o 12 de marzo no Centro Comercial A Laxe
Jules Verne divulgou nas súas novelas algúns dos grandes desafíos relacionados coas ciencias da Terra que cobran actualidade no mundo actual. Así que o Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) aproveitou esta relación entre a ciencia e o escritor francés para crear unha exposición titulada «Explorar a Terra: unha viaxe con Verne e as xeociencias», que dende o pasado xoves 19 de febreiro e ata o 12 de marzo de 2026 estará aberta ao público en Vigo no Centro Comercial A Laxe.
A mostra propón un percorrido pola obra de JulesVerne para destacar o papel fundamental das xeociencias na comprensión e solución dos grandes desafíos que afronta a Humanidade. O cambio climático, a transición enerxética ou riscos naturais como os tsunamis e as erupcións volcánicas son algúns dos restos abordados nos nove paneis que compoñen a mostra e nos vídeos complementarios aos que se pode acceder mediante códigos QR.

O investigador Blas Valero, un dos comisarios da mostra, presentou en Vigo unha conferencia inaugural, que contou con ampla presenza de público e que fixo repaso das novelas elixidas para unha auténtica lección de xeociencias, dende as profundidades do noso planeta en «Viaxe ao centro da Terra» ata a exploración oceánica en «20000 leguas baixo dos mares». A conferencia foi presentada polo científico Ricardo Prego, do Instituto de Investigacións Mariñas de Vigo, centro pertencente ao CSIC, e que tamén é socio e membro da xunta directiva da nosa Sociedade.
A exposición conta coa colaboración da nosa Sociedade Jules Verne de Vigo, dende a que queremos agradecer ao CSIC o seu interese por divulgar a ciencia e, ao mesmo tempo, empregar a figura do inmortal novelista cuxas historias seguen a engaiolar ao mundo.
