Trinta alumnos do centro seguiron os pasos do escritor coa Sociedade Jules Verne de Vigo
Unha trintena de alumnos e alumnas da Escola Oficial de Idiomas de Ferrol desprazáronse este sábado 20 de abril ata Vigo para facer un roteiro verniano polas rúas da nosa cidade, guiados por membros da nosa Sociedade Jules Verne de Vigo.
O roteiro comezou ás 11.00 horas na entrada da fortaleza do Castro, un magnífico mirador onde os participantes coñeceron a batalla de Rande, o gran combate naval librado en 1702 na ría viguesa, que o propio Jules Verne inmortalizou na súa obra «20.000 leguas baixo dos mares».

Seguidamente, visitamos o monumento aos galeóns de Rande, onde puidemos contemplar os restos das áncoras e canóns que foron recuperados en sucesivas campañas de rescate dos «tesouros» mergullados na ría de Vigo, cuxa busca inspirou a Verne para converter Vigo na auténtica caixa de caudais das aventuras do capitán Nemo e do seu submarino Nautilus.
Seguidamente, baixo a guía do noso socio Julio Ástor, os participantes percorreron diversas rúas da cidade de Vigo, polos espacios que visitou Jules Verne durante as súas dúas estadías na urbe olívica, en 1878 e 1884.
A visita rematou ás 13.30 horas no monumento a Verne no paseo das Avenidas, cunha foto de familia e o pracer de ter disfrutado dunha fantástica mañá seguindo a pegada en Vigo do gran escritor nantés.
