Un roteiro tras os pasos de Verne

A Sociedade Jules Verne de Vigo organizou un exitoso paseo pola cidade seguindo a pegada do escritor e guiado por Eduardo Rolland

Un roteiro para seguir os pasos de Jules Verne en Vigo. Tal foi a proposta que, o pasado sábado 7 de outubro, organizou a nosa Sociedade Jules Verne de Vigo ao abeiro da Semana Azul, a cita cultural impulsada polo Clúster Náutico e a Autoridade Portuaria de Vigo.

O paseo literario foi guiado polo presidente da SJVV, o xornalista Eduardo Rolland, quen relatou aos participantes as dúas visitas de Verne a Vigo, en 1878 e 1884, ademais de contemplar o escenario da ría de Vigo onde se librou en 1702 a célebre Batalla de Rande, que enfrontou a unha escadra combinada franco-española, cunha anglo-holandesa, tal e como se relata no capítulo titulado ‘A baía de Vigo’ da inmortal obra «20.000 leguas baixo dos mares».

Do mesmo xeito que o capitán Nemo trae ao submarino Nautilus á ría de Vigo nesa pasaxe da novela, os participantes no roteiro pudieron viaxar aos grandes fitos da relación entre Jules Verne e Vigo.

O paseo contou coa participación de dúas ducias de persoas e hai que salientar que, por desgraza, a nosa asociación tivo que limitar o aforo e descartar ducias de solicitudes máis que non podían ser atendidas nesta ocasión para facilitar o decurso da actividade. En sucesivas rutas no futuro esperamos poder satisfacer a forte demanda para participar neste roteiro.

O paseo literario comezou no cume do monte do Castro, na histórica fortaleza do século XVII que domina os outeiros da cidade de Vigo. Dende alí, contemplamos o escenario da batalla de Rande e lembramos que Verne, nas súas dúas estadías na cidade, subía practicamente todos os días para contemplar as vistas, o cal anotou nos seus cadernos de viaxe, loubando a paisaxe da ría viguesa.

Tamén continuamos polo antigo Campo de Granada, onde se celebraban as festas de Vigo nas datas nas que o escritor nantés visitou a cidade no século XIX. E, tras percorrer algúns recunchos do Casco Vello, rematamos na estatua dedicada a Verne no paseo das Avenidas, xunto ao Náutico de Vigo, que é un dos monumentos más fotografados da cidade, convertido xa en todo un símbolo vigués.

Deja un comentario