Pesar da Sociedade Jules Verne de Vigo pola morte do noso socio Domingo Villar

O gran escritor vigués era membro da SJVV, dende a que defendeu grandes proxectos como a recreación do Nautilus a escala real

Unha inmensa dor percorre hoxe á Sociedade Jules Verne de Vigo, da que era socio o escritor vigués Domingo Villar (Vigo, 1971), quen faleceu este mércores, 18 de maio de 2022, tras sufrir un accidente vascular que o mantiña na UCI do hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo nos últimos días.

O gran escritor galego, autor da serie de novelas que tiñan por protagonista ao inspector Leo Caldas, era tamén un gran seguidor e promotor da obra de Jules Verne, e membro senlleiro da nosa Asociación Cultural, que fundamos en Vigo hai agora 10 anos, en xaneiro do 2012, para reinvindicar a estreita relación entre Verne e a cidade e a ría viguesa. Neste senso, Villar impulsara no último ano un proxecto para que se construise en Vigo unha réplica a tamaño real do submarino Nautilus do capitán Nemo, o mesmo que o novelista de Nantes fixo entrar na ría de Vigo o 18 de febreiro de 1868, segundo aparece na novela “20.000 leguas baixo dos mares”. Villar, en nome da nosa  Sociedade Jules Verne de Vigo, chegou a reunirse co alcalde Abel Caballero en agosto de 2021 para presentar o proxecto, no que poderían participar estaleiros locais para emprazar a réplica do submarino nun lugar emblemático de Vigo de xeito que se convertese nun atractivo turístico. Tanta ilusión tiña o noso prezado Domingo Villar neste proxecto que tamén o levou ás ondas a través do programa máis escoitado da radio en España, o matinal ‘Hoy por hoy’ da Cadena Ser, onde hai uns meses presentou a súa idea para todo o país ante a xornalista Angels Barceló.

Así lembramos a Domingo Villar, sempre cheo de entusiastas iniciativas relacionadas con Verne e o seu mundo, como fixo tamén como ilustre socio da nosa Sociedade Jules Verne de Vigo.

Facemos nosas estas palabras da necrolóxica que lle vén de dedicar o xornalista Juan Carlos Galindo: “Home xeneroso e tranquilo, o seu non eran as grandes promocións, os focos, o lado máis banal do negocio literario no que, con todo, manexábase coa  desenvoltura e o ritmo pausado co que acometía tamén a súa obra. Casado e pai de tres fillos, a súa carreira literaria marchou durante anos a dous ritmos, entre o recoñecemento e o silencio, pero sempre disposto para un lector, un comentario, unha entrevista ou un festival, por pequeno que fose”.

Dende o seu debut con “Ollos de auga” en Siruela e a editorial Galaxia no ano 2006, Villar tivo un éxito instantáneo. O galego era o vehículo esencial do seu traballo literario. “O galego déixame máis preto do lugar emocional no que quero estar cando escribo”, dicía nunha recente entrevista.

Por todo, pola súa dimensión humana e literaria, pola súa solidez como cidadán comprometido sempre, e tamén por suposto, dende esta perspectiva quizáis menos coñecida da súa paixón por Xulio Verne, a súa obra e a súa especial relación con Vigo –cidade que o autor francés visitou en dúas ocasións en 1878 e 1884-, como ben recordaba Domingo Villar sempre que podía e sempre presumindo con ese orgullo do propio… por todo isto, dicimos adeus con fondo pesar e tremenda dor persoal dende a Sociedade Jules Verne de Vigo ao noso prezado socio e compañeiro.

Nunca deixaremos de ler e facer contigo grandes ‘viaxes extraordinarias’.

“Mobilis in mobili”, prezado Domingo

Sit tibi terra levis

SOCIEDADE JULES VERNE DE VIGO

Deja una respuesta

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s