Resumo do ano 2024

O ano 2024 a Sociedade seguiu a divulgar a obra do autor francés e a súa especial relación coa cidade e a ría de Vigo, con presenza en diversos e relevantes eventos. Velaquí un resumo desas actividades.
 
Día de ler a Verne
O ano comezou co Día de Ler a Verne que a Sociedade Hispánica ven celebrando nos últimos anos coa colaboración de diversas entidades entre as que se atopa a SJVV.Este ano, celebrouse un acto especial na Biblioteca Arús de Barcelona, coa participación dos ilustres vernianos e membros da SHJV Pasqual Bernat, Eugeni Pérez e Joaquim Albert. Os dous primeiros son, tamén, membros da Sociedade Jules Verne de Vigo.Por outra banda, no IES Castelao de Vigo tivo lugar unha actividade escolar para celebrar este día, por iniciativa de Sara Alonso, profesora e verniana. Parabéns.
 
Conmemoración da entrada do Nautilus na ría de Vigo
Un ano mais, celebramos a entrada do submarino Nautilus na ría de Vigo, ocorrida o 18 de febreiro de 1868 na ficción, segundo a inmortal obra do autor francés ‘20000 leguas baixo dos mares’.O acto desenvolveuse o 17 de febreiro ante o monumento a Jules Verne no paseo das Avenidas de Vigo, coa presenza do concelleiro de Cultura, Gorka Gómez, en representación do Concello de Vigo.Nunha fermosa mañá, deuse lectura ao capítulo ‘A baía de Vigo’ da devandita novela por parte de numerosos vernianos e afeccionados. Á parte dos socios da SJVV, cómpre salientar a presenza de membros da asociación de navegantes Virazón e da asociación Hermérico, así como do colectivo poético Desafiando Sombras. Agradecémoslles a súa colaboración.Nesta edición introducíronse novidades no acto respecto a anos anteriores. Léronse  fragmentos en francés, italiano, alemán e xaponés por cortesía dos membros do colectivo Desafiando Sombras.Outra novidade foi a lectura dos parágrafos doutras novelas nas que o autor cita a cidade e a ría. Concretamente, ‘A illa misteriosa’, ‘Mistress Branican’, ‘Marabillosas aventuras de Antifer’ e ‘Aventuras dun neno irlandés’.
 
Roteiro verniano coa EOI de Ferrol
Unha trintena de alumnos e alumnas da Escola Oficial de Idiomas de Ferrol desprazáronse o sábado 20 de abril ata Vigo para facer un percorrido verniano polas rúas da nosa cidade, guiados polos membros da nosa Sociedade Julio Ástor e Eduardo Rolland.A ruta comezou ás 11.00 horas na entrada da fortaleza do Castro, un magnífico miradoiro onde os participantes coñeceron a batalla de Rande, o gran combate naval librado en 1702 na ría viguesa, que o propio Jules Verne inmortalizou na súa obra «20.000 leguas baixo dos mares».Seguidamente, os participantes percorreron diversas rúas da cidade de Vigo, polos espazos que visitou Jules Verne durante as súas dúas estadías na urbe olívica, en 1878 e 1884.
 
IV Congreso Internacional Jules Verne en Colombia
A Sociedade viguesa participou no IV Congreso Internacional Jules Verne, celebrado en Cartaxena de Indias (Colombia), con oito relatorios, uns traballos de investigación realizados por outros tantos socios e socias da nosa asociación cultural e que tentan aportar novas achegas á historia do escritor nantés e á súa relación coa cidade olívica.Tres socios da SJVV desprazáronse ata Colombia e participaron no Congreso, presentando as súas investigacións ante o plenario. Foron José Garabatos, Nicolás Moragues e Jesús Souza Troncoso. Pola súa banda, outros cinco asociados presentaron as súas comunicacións por videoconferencia: Pasqual Bernat, Gabriel Romero de Ávila, Julio Ástor, Stella Maris González Balbuena e Eduardo Rolland.O IV Congreso Internacional Jules Verne celebrado en Colombia en 2024 sucede aos xa realizados en Barcelona 2013, La Habana 2017 e Palma de Mallorca 2021. O vindeiro congreso mundial será o quinto, que coincidirá co 200 aniversario do nacemento de Jules Verne e terá como a súa sede Vigo.Dende este momento, a Sociedade Jules Verne de Vigo comeza xa a traballar para que o Congreso Mundial Jules Verne de Vigo 2028 sexa un éxito, e que podamos recibir a comunidade verniana mundial cun evento que deixe unnha lembranza imborrábel.
 
Primeira edición en galego de “Un drama nos aires”
A Sociedade Jules Verne de Vigo (SJVV) presentou a primeira versión en galego do relato “Un drama nos aires” do escritor nantés, unha obra de 1851 que foi traducida e editada pola propia asociación cultural. A tradución ao galego foi realizada pola filóloga Tamara Aymerich, que pertence á Sociedade Jules Verne de Vigo, e revisada por Gloria Paredes.O acto de presentación pública tivo lugar na Biblioteca da Escola Municipal de Artes e Oficios, o luns 13 de maio.«Un drama nos aires» cunha tirada limitada e afrontada pola propia Sociedade Jules Verne de Vigo xa pode adquirirse tamén na nosa web, ao tempo que, como é tradición, se fixo doazón de exemplares nas bibliotecas públicas da cidade de Vigo para que estean accesibles ao gran público.
 
Conferencia “150 anos de viaxe submarina”
Unha viaxe no tempo dende o submarino ‘Nautilus’ do capitán Nemo ata os modernos submarinos que sucan os mares. Organizada pola Asociación Virazón, coa colaboración da nosa Sociedade Jules Verne de Vigo, o 22 de novembro de 2024, tivo lugar no salón de Actos da Autoridade Portuaria viguesa unha conferencia conxunta co Capitán de Corveta José Manuel Piñero Álvarez, vigués, quen foi oficial de navegación e comandante no S-74 Tramontana e, posteriormente, oficial de comunicacións e xefe de operacións no S-73 Mistral, e actualmente, tras realizar o Curso de Estado Maior no Joint Services Command and Staff College do Reino Unido, destinado na Sección de Submarinos do Estado Maior da Armada.Na súa compaña, falou Eduardo Rolland, en calidade de presidente da Sociedade Jules Verne de Vigo.A charla contou cunha grande participación, cun salón de actos totalmente completo.
 
Verne decora o novo aparcadoiro da Laxe
O remodelado aparcadoiro da Laxe, a poucos metros da escultura dedicada a Jules Verne fronte ao Porto de Vigo, loce agora unha espectacular decoración dedicada ao escritor nantés e aos protagonistas da novela «20000 leguas baixo dos mares», na que un capítulo titulado «A badía de Vigo» trae ao submarino Nautilus do capitán Nemo ata a ría viguesa para rescatar os tesouros mergullados dos galeóns da batalla de Rande de 1702.Nas fotos realizadas pola nosa socia Judit Nogueiras, podemos ver esta actuación, que é obra do artista urbano vigués Antonio Barbará ‘Powone’, quen atopou en Verne a mellor inspiración para decorar os accesos a este céntrico parking, situado fronte ao edificio do Real Club Náutico de Vigo, enfronte do lugar onde fondeou o iate ‘Saint Michel III’, nas dúas visitas que o novelista fixo á cidade viguesa nos anos 1878 e 1884.
 

O ano 2025 será o primeiro do “ciclo congresual” que rematará en 2028 coa celebración en Vigo do V Congreso Internacional organizado en colaboración fraternal entre a Sociedade Hispánica Jules Verne e a Sociedade Jules Verne de Vigo. O camiño será intenso e, agardamos, produtivo.

  MOBILIS IN MOBILI

Deja un comentario