O capitán Nemo regresa a Vigo

A Sociedade Jules Verne de Vigo conmemora o 156 aniversario da entrada do Nautilus na ría de Vigo

Un ano mais, celebramos a entrada do submarino Nautilus na ría de Vigo, ocorrida o 18 de febreiro de 1868 na ficción, segundo o capítulo VIII da segunda parte da inmortal obra do autor francés ‘20000 leguas baixo dos mares’.

O acto, que se desenvolveu o 17 de febreiro, comezou ante o monumento a Jules Verne no paseo das Avenidas de Vigo, diante do Real Club Náutico, pasadas as 12.30 horas, coa presenza do concelleiro de Cultura, Gorka Gómez, en representación do Concello de Vigo.

Nunha fermosa mañá, deuse lectura ao capítulo ‘A baía de Vigo’ da devandita novela por parte de numerosos vernianos e afeccionados. Á parte dos socios da SJVV, cómpre salientar a presenza de membros da asociación de navegantes Virazón e da asociación Hermérico, así como do colectivo poético Desafiando Sombras. Agradecémoslles a súa colaboración.

Nesta edición introducíronse novidades no acto respecto a anos anteriores. Ademais da lectura dun fragmento en francés, léronse outros fragmentos en italiano, alemán e xaponés por cortesía dos membros do colectivo Desafiando Sombras. Foi un xeito de resaltar que o autor nantés é un dos máis traducidos de toda a historia da literatura.

Outra novidade foi a lectura dos párrafos doutras novelas nas que o autor cita a cidade e a ría. Concretamente, ‘A illa misteriosa’, ‘Mistress Branican’, ‘Marabillosas aventuras de Antifer’ e ‘Aventuras dun neno irlandés’.

Cando estamos a pouco menos de dous meses e medio do IV Congreso Internacional Verniano de Colombia e a catro anos do V Congreso que se celebrará en Vigo, a Sociedade Jules Verne de Vigo segue a traballar para divulgar a obra e a relación con Vigo deste autor monumental.

A continuación tedes unha galería de imaxes e, ao final, un video do acto.

Deja un comentario