O Museo MEGA de Estrella de Galicia acolleu unha maridaxe entre cervexa e cociñas do mundo da man de Jules Verne
O Museo MEGA de Estrella Galicia na Coruña acolleu este venres 21 de xullo de 2023 un evento co gallo do sesquicentenario da publicación da novela «A volta ao mundo en 80 días», un acto no que os participantes viviron unha maridaxe entre cervexas de diversas partes do planeta con cociñas diferentes, seguindo as distintas estapas vividas por Phileas Fogg na novela inesquecible de Jules Verne.
O acto contou coa colaboración da Sociedade Jules Verne de Vigo, cuxo presidente, Eduardo Rolland, narrou para os asistentes diferentes anécdotas relacionadas coa novela verniana. As 60 entradas que o MEGA da Coruña puxo á venda cun mes de anticipación esgotáronse en poucos días e o recinto viviu un cheo absoluto. O percorrido gastronómico e narrativo incluiu cervexas tan exóticas como unha xaponesa, producida con arroz, unha variedade ‘Steam’ da costa Oeste dos Estados Unidos, ou as variadades India Pale Ale características das que se producían na Inglaterra victoriana para dar servizo ás colonias na India.

O evento foi armado cun guion sobre diferentes etapas da novela de Verne, partindo de Londres para avanzar por Europa ata o sur de Italia, atravesar a canle de Suez e seguir cara á India, Xapón, Estados Unidos e de novo a Inglaterra, tras pasar por Irlanda.
Esta actividade lúdica neste cabodano da obra de Verne amosa as infinitas posibilidades que o mundo verniano ten para actualizarse e a organización da cervexeira Estrella Galicia, que foron os impulsores do acto, pensan repetilo e levalo a diferentes puntos de España nun futuro.

