Día de Ler a Verne (7, 8 e 9 de febreiro)
Un ano mais, a Sociedad Hispánica Jules Verne convocou o Día de ler a Verne conmemorando a data de nacemento do autor francés. A nosa sociedade SJVV colabora con esta iniciativa desde o ano 2019. Este ano volveuse a celebrar de xeito virtual a través dunha plataforma ofrecida polo ilustre investigador e coleccionista Jean-Michel Margot.

Pola nosa banda, celebramos, tamén, o día no IES Castelao baixo o impulso dos socios e profesores Sara Alonso e Antonio Giráldez.

Lectura de ‘A baía de Vigo’ ante o monumento a Verne (25 de febreiro)

Unha gran xornada de homenaxe a Jules Verne e á súa relación con Vigo. Coa participación do alcalde de Vigo, Abel Caballero, e da concelleira de Normalización Lingüística, Uxía Blanco, a nosa Sociedade Jules Verne de Vigo celebrou o sábado 25 de febreiro de 2023 o 155 aniversario da efeméride literaria da entrada do submarino Nautilus do capitán Nemo en 1868 na ría de Vigo, segundo o capítulo ‘A baía de Vigo’ da novela ’20.000 leguas baixo dos mares’. Foi todo un éxito a xornada de lectura pública do capítulo ante o monumento ao escritor no Náutico.
Presentación de «Vigo na obra de Jules Verne», editado pola SJVV (9 de maio)

A Sociedade Jules Verne de Vigo presentou o martes 9 de maio o estudo “Vigo na obra de Jules Verne. Máis aló das 20000 leguas”, froito do traballo de investigación realizado por un dos socios e membro da directiva desta asociación cultural, José Garabatos, quen analizou todas as novelas e relatos escritos polo autor de Nantes, para descubrir varias mencións á cidade, á súa ría e ás illas Cíes que ata o de agora eran descoñecidas. O acto de presentación tivo lugar na Biblioteca da Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo.
A publicación de traballos sobre Verne é un dos obxectivos desta asociación cultural, que xa editou no ano 2019 unha edición facsímile do capítulo “A baía de Vigo” da novela “20.000 leguas baixo dos mares”, cando se cumpriron 150 anos da súa publicación. Tamén publicamos no ano 2021 a primeira tradución ao galego da obra “Unha fantasía do doutor Ox”, relato de Verne que foi traducido pola nosa socia a filóloga Tamara Aymerich.
O mítico grupo Guns N’ Roses escolle a Verne para o seu concerto en Vigo (12 de xuño)

A banda estadounidense fixo un cartel con axuda de Jules Verne. O luns 12 de xuño tivo lugar un multitudinario concerto de Guns N’ Roses no estadio Balaídos de Vigo.
Unha viaxe gastronómica por «A volta ao mundo en 80 días» (21 de xullo)

O Museo MEGA de Estrella Galicia na Coruña acolleuo venres 21 de xullo de 2023 un evento co gallo do sesquicentenario da publicación da novela «A volta ao mundo en 80 días», un acto no que os participantes viviron unha maridaxe entre cervexas de diversas partes do planeta con cociñas diferentes, seguindo as distintas estapas vividas por Phileas Fogg na novela inesquecible de Jules Verne.
O acto contou coa colaboración da Sociedade Jules Verne de Vigo, cuxo presidente, Eduardo Rolland, narrou para os asistentes diferentes anécdotas relacionadas coa novela verniana. As 60 entradas que o MEGA da Coruña puxo á venda cun mes de anticipación esgotáronse en poucos días e o recinto viviu un cheo absoluto.
Verne ‘regresa’ á illa de San Simón (9 e 10 de setembro)

Jules Verne visitou a enseada de San Simón no ano 1878, no decurso da súa primeira visita á cidade de Vigo. No estreito de Rande, foi convidado a mergullarse nos fondos da ría viguesa para contemplar cos seus propios ollos os pecios dos galeóns afundidos na batalla de Rande de 1702, onde o capitán Nemo se fornece dos tesouros que financian as aventuras do submarino Nautilus, tal e como narra na novela «20.000 leguas baixo dos mares». Agora, máis de século e medio despois, Verne «regresou» a San Simón, co gallo do I Encontro da Asociación de Navegantes de Galicia «Virazón», que convidou á Sociedade Jules Verne de Vigo a participar para divulgar a estreita relación entre o novelista nantés e a ría viguesa.
O encontro desenvolveuse na fin de semana do sábado 9 e domingo 10 de setembro, cunha serie de actividades na illa situada no fondo da ría de Vigo, que incluiron diversas actividades culturais, como un curso de fotografía de paisaxes, outro de primeiros auxilios e emerxencias para navegantes, e outro obradoiro de astronomía. Dende a SJVV agradecemos a asociación «Virazón» a súa acollida, na que participaron catro socios da nosa entidade: Julio Ástor, José Garabatos, Ángel Pérez Giráldez e Eduardo Rolland. Nunha charla divulgativa, coa proxección de audiovisuais, achegaron datos para lembrar as dúas visitas de Verne a Vigo ou as fontes que inspiraron ao escritor francés para dedicar un capítulo de «20.000 leguas» á «Baía de Vigo».
Un ‘Café con Verne’ a bordo do histórico buque ‘Hidria II’ (6 de outubro)

O histórico buque alxibe «Hidria II» acolleu o venres 6 de outubro no Porto de Vigo a actividade «Café con Verne», organizada pola nosa Sociedade Jules Verne de Vigo no marco de Semana Azul convocada polo Clúster Náutico e a Autoridade Portuaria viguesa.
O noso socio José Garabatos guiou unha tarde inesquecible na que os participantes puideron percorrer a historia das dúas visitas de Jules Verne a Vigo en 1878 e 1884, o capítulo «A baía de Vigo» da novela «20.000 legugas baixo dos mares» ou as mencións que á ría viguesa ou ás illas Cíes fai o escritor nantés ao longo da súa obra, un traballo de investigación que Garabatos presentou recentemente, nunha obra editada pola nosa asociación cultural.
Un roteiro tras os pasos de Verne (7 de outubro)

Un roteiro para seguir os pasos de Jules Verne en Vigo. Tal foi a proposta que, o pasado sábado 7 de outubro, organizou a nosa Sociedade Jules Verne de Vigo ao abeiro da Semana Azul, a cita cultural impulsada polo Clúster Náutico e a Autoridade Portuaria de Vigo.
O paseo literario foi guiado polo presidente da SJVV, o xornalista Eduardo Rolland, quen relatou aos participantes as dúas visitas de Verne a Vigo, en 1878 e 1884, ademais de contemplar o escenario da ría de Vigo onde se librou en 1702 a célebre Batalla de Rande, que enfrontou a unha escadra combinada franco-española, cunha anglo-holandesa, tal e como se relata no capítulo titulado ‘A baía de Vigo’ da inmortal obra «20.000 leguas baixo dos mares».
